venres, 1 de febreiro de 2019

O Concello de Santiago deixa de ingresar 740.000 euros ao ano por non poder cobrar o IBI á Igrexa


Vista xeral de Santiago dende as torres da Catedral © Concello de Santiago

David Lombao
https://praza.gal/

A Igrexa Católica non paga o Imposto de Bens Inmobles (IBI) por unha amplísima parte das súas propiedades. A orixe desta exención está nos acordos asinados polo Estado co Vaticano en 1979, que a fixaron de xeito "total e permanente" para a daquela denominada Contribución Territorial Urbana no que atinxía a inmobles como templos e locais anexos, residencias dos cregos, oficinas parroquiais, seminarios ou edificios "destinados primordialmente" a seren conventos ou casas de ordes relixiosas. Esta regulamentación actualizouse coa lei que no ano 2002 regulou o réxime fiscal das entidades sen ánimo de lucro,na que a exención do IBI da Igrexa foi incluída entre a das organizacións non lucrativas, agás para as instalacións nas que se desenvolvan determinadas actividades económicas.
Os datos máis recentes indican que a Igrexa ten en Santiago unhas 130 propiedades exentas de pagar o IBI en virtude da lexislación estatal vixente
Estas regras de xogo son comúns a todo o Estado, pero impactan especialmente naquelas vilas e cidades cunha presenza máis relevante da institución eclesiástica, que recorrentemente subliña que outras confesións relixiosas, organizacións non gobernamentais ou asociacións e fundacións gozan da mesma vantaxe. Un caso paradigmático é o de Santiago. A Igrexa Católica é practicamente omnipresente na capital galega polos seus numerosos templos encabezados pola Catedral, pero tamén por abondosas propiedades exentas de IBI en virtude da devandita lexislación, a cal impide ao Concello compostelán ingresar uns 740.000 euros ao ano. Esta cantidade sería superior se no cómputo se incluísen as propiedades de entidades ligadas á Igrexa.
Os datos máis recentes, do ano 2018, indican que a Igrexa Católica ten ao seu nome en Santiago unhas 130 propiedades exentas de pagar o IBI. A maioría son urbanas e apenas unha decena, rústicas. Desas dez ducias de propiedades urbanas apenas unha corentena son oficialmente inmobles de uso relixioso, se ben baixo ese epígrafe os edificios e locais teñen finalidades dispares. 
Apenas unha corentena das propiedades da Igrexa en Santiago teñen sobre o papel uso estritamente relixioso
Así, sobre o papel teñen o mesmo uso relixioso instalacións da catedral e dos diversos templos parroquiais e capelas, pero tamén edificios con finalidades diferentes, como unha residencia para cregos anciáns nas proximidades do Centro Galego de Arte Contemporánea, parte do amplo complexo de San Martiño Pinario -parte do cal ten usos residenciais- ou un centro de actividades socioculturais nas proximidades do seminario menor, entre outros. En total, o IBI que o Concello deixa de ingresar por estes recintos oficialmente só relixiosos suma case 450.000 euros nun ano
Entre as propiedades  en Santiago polas que o Concello tampouco pode cobrar IBI figuran, por exemplo, instalacións de centros educativos concertados coa Xunta como recintos culturais, uso oficial de sete propiedades da igrexa compostelá cuxos recibos de IBI suporían case 140.000 euros nun ano para as arcas municipais se tivesen que pagalo. Case 100.000 chegarían dende as propiedades que formalmente son edificios de oficinas; neste epígrafe figuran instalacións tan dispares como o seminario maior da cidade, un colexio, despachos utilizados por Cáritas ou un edificio en cuxos baixos opera unha tenda de produtos para turistas.
Parte do complexo de San Martiño Pinario é, sobre o papel, un edificio de oficinas © Turismo de Santiago
A institución eclesiástica ten ao seu nome en diferentes barrio da capital galega unhas 40 vivendas que terían que pagar algo máis de 30.000 euros de IBI se non estivesen exentas
A estas propiedades exentas de pagamento do IBI engádense as que a Igrexa tería que pagar polasvivendas que ten ao seu nome en Santiago. Esta consideración formal téñena unha corentena de inmobles encabezados pola Casa do Deán, na Rúa do Vilar, onde durante lustros estivo a Oficina do Peregrino, inmoble de alto valor ao que lle correspondería pagar uns 7.000 euros de IBI. En zonas emblemáticas do casco vello como a Rúa Nova, pero tamén en barrios como o de Conxo constan vivendas ao nome da Igrexa. En total, o seu IBI suporía algo máis de 30.000 euros.
A unha maior distancia en canto a exencións de IBI está a devandita decena de propiedades rústicas, dous centros utilizados por Cáritas que si constan como inmobles de uso benéfico (pagarían uns 5.500 euros). Tamén un chalé nas aforas con uso oficial de lecer ou hostalería polo que terían que pagar uns 4.000 euros ou un baixo comercial na céntrica rúa das Orfas, polo que o consistorio deixa de percibir algo máis de 300 euros en concepto de IBI.

Ningún comentario:

Publicar un comentario