xoves, 31 de xaneiro de 2019

"O noso xenoma é un mosaico. As migracións foron engadindo diversidade ás poboacións humanas"



O estudo proba unha ola de migración de África á Península ibérica en tempos prehistóricos, ata agora non documentada ©

Esta semana a revista científica Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciencespublicou as conclusións dunha investigación que proba que a maior proporción de ADN africano na poboación actual da Península Ibérica ten a súa orixe en fluxos migratorios moi anteriores ao que se pensaba. O traballo, dirixido pola galega Gloria González Fortes, especialista en xenética de poboacións antigas, amosa que esa hibridación con poboacións procedentes de África (probablemente a través do estreito de Xibraltar) se produciu hai máis de 4.000 anos e seguramente moito antes (pode que mesmo hai 8.000 ou 9.000). 
"Este fluxo xénico africano chegou directamente á Península Ibérica cruzando o Estreito de Xibraltar, non fixo todo o percorrido dende Oriente Medio, Anatolia e Centro Europa"
O estudo A western route of prehistoric human migration from Africa into the Iberian Peninsula parte da observación dunha maior porcentaxe de ADN africano na poboación ibérica actual, en relación con outras poboacións europeas. Ata agora pensábase que isto debíase aos fluxos que se produciron durante o período de dominación islámica entre os séculos VIII e XV, pero esta nova investigación subliña que unha parte da diversidade xenética africana presente na poboación ibérica actual é moi anterior a este período.
O traballo abre a porta, polo tanto, a unha nova concepción das relacións entre a Península Ibérica e o continente africano xa na prehistoria. A investigación é resultado dunha colaboración entre as universidades de Ferrara (Italia) e Potsdam (Alemaña), pero tamén participaron investigadores das universidades de Cambridge, Minho (Portugal), A Coruña, Santiago de Compostela e a Fundación de estudios prehistóricos de Lucena. Falamos con Gloria González Fortes.
Xa se sabía que a poboación da Península Ibérica tiña unha maior compoñente xenética de orixe africana que o resto de Europa. Esta investiga permítenos coñecer mellor a súa orixe?
Na Península Ibérica a porcentaxe de variantes xénicas africanas nas poboacións actuais é máis elevada que no resto de Europa, onde tamén se atopan, pero en menor proporción. A explicación á que ata agora chegaban os xenetistas e os historiadores era que este extra de ADN africano chegara no período islámico, a partir do século VIII. Porén, nos últimos anos estaba a crecer un debate que apuntaba a que este sinal africano podía ser anterior, de tipo prehistórico. A novidade do noso artigo é que puidemos analizar mostras antigas de varios puntos da Península Ibérica, de ao redor de 4.000 anos de antigüidade.
"Nas migracións pode haber unha parte de procura de novos territorios, de curiosidade, pero cando na historia vemos desprazamentos masivos, normalmente foi debido á necesidade"
Ao analizalas, vemos que son tipicamente europeas, parécense moito a mostras doutros lugares do sur do continente. Pero a maiores diso, teñen unha semellanza con mostras africanas que non se atopa nas mostras do resto de Europa. Iso lévanos á conclusión de que ese fluxo xénico chegou directamente á Península Ibérica, non fixo todo o percorrido dende Oriente Medio, Anatolia e Centro Europa. É dicir, seguiu unha ruta alternativa, cruzando o Estreito de Xibraltar. Isto contradí a visión clásica que consideraba que todas as migracións africanas seguiran este camiño a través do Danubio, de leste a oeste.
Pódese datar con precisión cando se produciu este fluxo migratorio a través do Estreito de Xibraltar? 
Non, non a podemos datar con precisión, pero con seguridade deuse en xeracións anteriores a estes individuos que analizamos, de hai 4.000 anos, que xa son híbridos, cunha mestura de ADN europeo e africano. O que dificulta poder concretar máis o momento desta migración é a ausencia de mostras anteriores, do Mesolítico, na zona de Andalucía. A razón é que a maior parte dos xacementos están cubertos polo mar. Si se realizaron análises de ADN antigo no norte da Península, en León e a Elba en Chan do Lindeiro (Lugo), con 7.000 e 9.000 anos de antigüidade. Nestes individuos non se atopou ADN africano. Ao carecer de análises no sur, non podemos saber se esta ausencia se debe a que aínda non chegara a migración africana ou que só chegara ao sur da Península.
O norte de África, visto dende Tarifa CC-BY-SA Miguel Ossorio
Hai diferenza, polo tanto, nas mostras que analizastes do norte e do sur da Península?
Si, no estudo comparamos mostras desa época do norte e do sur da Península e detectamos que ese sinal africano é máis forte no sur. As montañas e as planicies actuaban como unha barreira natural para as migracións, que se movían sobre todo seguindo os ríos. Estamos falando sempre de migración de grupos pequenos, o que polo tanto facía que tardase moito tempo en chegar a información xenética a toda a Península.
"Parecía que todas as grandes influencias demográficas e culturais viñeran de Europa, pero tamén existiu unha comunicación importante a través do Estreito"
A vosa investigación chega nunha época na que se fala moito de migracións, pero á vista de estudos coma o voso queda claro que estes fluxos de poboación se deron en toda a historia, que axudaron a conformar o ser humano actual...
Non sei se o ser humano é migrante por natureza, pero dende logo si que o é por necesidade. Agora que podemos analizar os xenomas de mostras antigas, cambia un pouco a visión que temos sobre como evolucionaron as poboacións. Antes tiñamos unha visión máis estática, agora sabemos que de forma continua hai achegas e fluxos xénicos ao longo da historia que foron engadindo diversidade ás poboacións de seres humanos, que se foron mesturando e mesturando. Agora podemos analizar con precisión o noso xenoma e ver que é un mosaico e analizar de onde veñen as distintas pezas que o conforman.
Houbo grandes migracións, por exemplo, na Idade de Bronce, hai uns tres mil anos, cun gran desprazamento dende as estepas rusas cara Centroeuropa e cara ao oeste. Houbera tamén unha migración moi forte no inicio Neolítico, cando chega a agricultura, hai uns 8 mil anos, tamén de leste a oeste, ata chegar ata a Península Ibérica. Todas elas deron diversidade ao noso xenoma. E o que estamos vivindo agora non é algo novo, algo que non sucedera nunca e que nunca máis vai pasar. Vemos que as migracións antigas estiveron moitas veces asociadas a cambios climáticos. Nalgún momento a vida en moitos lugares de África fíxose máis difícil, o que levou á xente a desprazarse, primeiro no interior do continente, e á Península chegou tamén unha parte pequena desa migración. Nas migracións pode haber unha parte de procura de novos territorios, de curiosidade, pero cando na historia vemos desprazamentos masivos, normalmente foi debido á necesidade.
"Estamos tentando montar un laboratorio de ADN antigo na Coruña, que sería moi importante para non ter que ir fóra a analizar estes materiais"
A vosa investigación cambia a forma en que consideramos a nosa historia?
Si, pensamos que o artigo ten tamén importancia á hora de reinterpretar a historia da Península Ibérica. Parece que todas as grandes influencias demográficas e culturais viñeran de Europa, dende o centro do continente ou a través do Mediterráneo, pero sempre con orixe no continente. O noso estudo amosa que tamén existiu unha comunicación importante dende a Prehistoria, a través do estreito, que era xa navegable, cando menos dende hai 4.000 anos e seguramente antes.
O estudo abre novas liñas de investigación para ti? En que estás traballando agora? 
A raíz deste traballo, entrei en contacto con arqueólogos do sur de España, buscando poder analizar mostras antigas que permitan datar con exactitude o momento en que se produciu a hibidación. Interésame afondar neses fluxos migratorios e ver que impacto tiveron, ata chegar ás poboacións actuais. Quero estudar as diferenzas que se poden atopar nuns e noutros lugares da Península, que ata agora se estudou como un todo, pero que seguramente recibiron fluxos distintos.
Ademais, nos últimos anos colaborei moito co Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña. E nestes momentos estamos tentando montar un laboratorio de ADN antigo aquí, que sería moi importante, para non ter que ir fóra a analizar estes materiais.
Reconstrución do aspecto que podía ter 'Elba', cuxos restos (de 9000 anos de antigüidade) foron atopados no Courel © Fernando Serrulla e Marga Sanín

Ningún comentario:

Publicar un comentario