xoves, 3 de xaneiro de 2019

Discurso con marco



Xosé Manuel Pereiro
https://luzes.gal/
 
Hai un xénero retórico, de plasmación audiovisual, chamado o discurso de fin de ano. Un xénero menor, desde logo, subxénero doutro tampouco de ton precisamente elevado que é o discurso institucional. O discurso de fin de ano (DFA) tentou elevarse da liña plana do constitucional, pero unicamente conseguiu executar, no mellor dos casos, un voo galináceo. Proba diso é que en 40 anos de discursos de Juan Carlos I, o único que quedou na memoria popular e na histórica é aquilo de «me llena de orgullo y satisfacción» e de Felipe VI (é o VI, non?) téñense comentado máis os decorados e os traxes que o contido. (Se me intentan contrapoñer como DFA de alto significado o «Discurso contra Cataluña» do 3 de outubro de 2017, aquilo foi un discurso tan institucional como os que se producen nos bares antes de retarse a saír á rúa).
Os Discursos de Fin de Ano son como os estudos de impacto ambiental: cambiando a localización e os bichos, son intercambiables
En Galicia, fóra aqueles ensaios tan difundidos (mesmo este ano por whatsapp) e tan encendidos como aquel de Fraga rifándolle a medio cadro de persoal da TVG, o xénero do DFA tamén percorre os lugares comúns: imos ben, ou podíamos ir peor, malo será que non melloremos, farémolo co esforzo de todos, hai que ser ben levados –isto é unha indirecta máis ou menos directa aos que non quen a Galicia ou non traballan por ela no camiño correcto– e a comer e a beber no cálido seo da familia, sen esquecer un saúdo á grada dos que non teñen que comer, nin que beber, nin familia. En resumo, os DFAs son como os estudos de impacto ambiental: cambiando a localización e os bichos, son intercambiables. Juan Carlos podía aproveitar un de Fernández Albor –ou viceversa– e Fraga un de Felipe (VI) se as circunstancias temporais non o impediran. E nisto chegou Feijóo.
O noso Presidente sabe de sobra que non pasará á historia polas súas contribucións á teoría política, como Manuel Fraga. Nin siquera as contribucións noutras materias como Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Pero ten unha habilidade innata, ou adquirida, para conseguir non pasar inadvertido pese a non destacar en nada. Como dicía o New York Times de Lola Flores cando actuou alí: «Non canta, non baila, non a perdan», ou George Best de David Beckham: «Non vai ben coa zurda, non sabe cabecear, non sabe recuperar balóns e non mete goles. Polo demais, está ben».
Ou sexa que o mestre asasinado polos defensores da España imperial serve agora como pano de fondo lenitivo para curar todas as disensións, de aspirina conservadora ante calquera malestar
Así que, asumindo que non tiña nada que dicir, nin que prometer, para o DFA de 2018 Feijóo escolleu o marco (en todos os sentidos, desde o marco incomparable aos marcos referenciais de Lakoff). O marco do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires e exposto nestes meses na Cidade da Cultura. Habería que pasarlle o texto feijoano a Lakoff para que atopara algo. Discorreu máis ou menos polos camiños –trillados– que citei no segundo parágrafo: pasado terrible felizmente superado, optimismo do futuro e comprensión para quen o pasa mal no presente. A maiores, para contentar á parroquia e evitar que compren outras prédicas máis apocalípticas, esa advertencia a Cataluña de que por ese camiño non se vai a ningures, e Galicia non o vai permitir, como se Galicia se puidese permitir ou deixar de permitir algo, como ben se encargaron de asegurar os que lle deron motivos a Castelao para pintar o cadro, e os que desde entón se aproveitaron diso.
Ou sexa que a imaxe do mestre asasinado polos defensores da España imperial, presentada na súa chegada como símbolo de que había que ser ben levado, serve agora como pano de fondo lenitivo para curar todas as disensións, de aspirina conservadora ante calquera malestar, como se no seu tempo Felipe González se puxera diante de Los fusilamientos del 3 de mayo de Goya nun discurso sobre a entrada no Mercado Común. Iñaki Gabilondo dixo unha vez de Pedro J. Ramírez que sería un excelente periodista se se dedicase ao periodismo. Eu tamén creo que Alberto Núñez Feijóo sería un bo político se se dedicase á política (é dicir, á gobernanza).

Ningún comentario:

Publicar un comentario