xoves, 31 de xaneiro de 2019

Nova condena á Xunta por vulnerar o dereito de folga na sanidade con servizos mínimos “non xustificados”


Protestas durante a folga que mantiveron o ano pasado os traballadores de mantemento do complexo hospitalario de Ourense (CHUO) © CIG

A Consellería de Sanidade non argumentou por que fixou no 50% o número de traballadores imprescindibles durante a folga de máis de cen días mantida polo persoal de mantemento do complexo hospitalario de Ourense
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que volve condenar á Xunta por vulnerar o dereito de folga na sanidade, desta volta do persoal de mantemento do complexo hospitalario de Ourense (CHUO), que a comezos do pasado ano mantivo un paro de máis de cen días. A sentenza critica que a Consellería de Sanidade fixou os servizos mínimos no 50% sen xustificar esa cifra de ningún xeito. Malia o prolongado da folga, a condena chega cando esta xa rematou, polo que non terá efectos prácticos. De feito, súmase a unha longa lista de condenas contra o Goberno galego por vulnerar o dereito de folga en múltiples ámbitos, tamén na sanidade, que non están a impedir que a Xunta siga a fixar servizos mínimos mesmo do 100% ao tempo que o presidente Feijóo resta importancia ás críticas xudiciais.
En concreto, tras denuncias da CIG o TSXG emitiu o pasado 19 de decembro dúas sentenzas non coñecidas ata agora, as dúas condenatorias, sobre a folga que o pasado febreiro iniciou en demanda de mellores condicións laborais o persoal contratado pola empresa Ferrovial, adxudicataria do servizo de mantemento do complexo hospitalario de Ourense. A primeira das sentenzas refírese aos servizos mínimos impostos durante as primeiras xornadas puntuais e alternas de folga convocadas e a segunda sobre o paro indefinido que seguiu despois e que durou máis de cen días, e nos dous casos o tribunal emprega semellantes argumentos condenatorios. 
Fragmento da nova sentenza condenatoria da Xunta por non xustificar os servizos mínimos impostos na folga do mantemento do hospital de Ourense CC-BY-SA Praza Pública
“Ningunha xustificación existe da fixación do 50% dos efectivos que se establecen como servizos mínimos”
O TSXG considera que efectivamente o persoal de mantemento dos hospitais, malia estar contratado a través dunha empresa e non formar parte da propia administración sanitaria, é fundamental para garantir o funcionamento dun servizo esencial como o hospitalario e pode ver limitado o seu dereito de folga. Pero a continuación critica que a Xunta non xustificou en ningún momento por que impuxo os servizos mínimos que impuxo e non outros. “Ningunha xustificación existe da fixación do 50% dos efectivos que se establecen como servizos mínimos”, din as dúas sentenzas condenatorias. 
“Nada se concreta sobre a necesidade de que sexa precisamente o 50% a porcentaxe que deba permanecer atendendo o servizo nas xornadas de folga”
“Nada se concreta sobre a necesidade de que sexa precisamente o 50% a porcentaxe que deba permanecer atendendo o servizo nas xornadas de folga”, insiste o tribunal, para criticar tamén que o Goberno galego pretendese xustificar esa cifra con informes que achegou posteriormente ao proceso xudicial pero que non foron incluídos no expediente que establecera previamente os servizos mínimos. 
Fragmento da sentenza do TSXG anulando os servizos mínimos da folga do 061 CC-BY-SA Praza Pública
A semana pasada xa se coñeceu outra sentenza similar na que o TSXG condenou tamén ao Goberno galego por vulnerar igualmente o dereito de folga cos servizos mínimos que impuxo ás protestas do persoal de atención telefónica do 061 de emerxencias sanitarias, nunha sentenza na que o tribunal lembra que a Xunta debera ser “especialmente rigorosa á hora de xustificar os recortes no dereito á folga”. E a finais de novembro outra sentenza do mesmo tribunal xa criticaba, sobre outra folga do mesmo persoal do 061, que no expediente co que se fixaron os servizos mínimos “non consta unha motivación adecuada que xustifique o 100% dos efectivos que se fixa”. 
Similares críticas vén realizando o Tribunal Superior tamén en diversos ámbitos ademais do sanitario, como fixo con varias sentenzas anulando os servizos mínimos impostos en varios eidos pola Xunta na folga feminista do pasado 8 de marzo
Similares críticas vén realizando o Tribunal Superior tamén en diversos ámbitos ademais do sanitario, como fixo con varias sentenzas anulando os servizos mínimos impostos en varios eidos pola Xunta na folga feminista do pasado 8 de marzo. O TSXG chegou a criticar o “comportamento malicioso da Administración ao actuar cun retraso inxustificado” á hora de publicar os servizos mínimos, o que dificulta que as resolucións xudiciais poidan chegar a tempo de anulalos se son incorrectos. Porén, no caso agora coñecido do hospital de Ourense a sentenza chega case un ano máis tarde de convocarse a que foi unha das folgas de maior duración dos últimos anos en Galicia
Fragmento da sentenza do TSXG que criticou a reiterada "maliciosidade" da Xunta ao fixar os servizos mínimos CC-BY-SA Praza Pública
Preguntado por esta sucesión de condenas, o pasado outono o presidente Feijóo restoulle importancia e queixouse de que os medios de comunicación non dean igual cobertura ás sentenzas que lle dan a razón á Xunta por cumprir a lei como debe que ás que a condenan por vulnerala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario