Traballos de extinción na serra de Queixa, en Ourense, onde arderon preto de 200 hectáreas. Fonte: Amigos das Árbores da Limia.
14/01/2019
https://www.gciencia.com/
Cando apenas van quince días de xaneiro en Galicia, o tempo seco e a indubidable acción humana provocaron que se leven queimadas xa máis de 500 hectáreas. Máis da metade, como é habitual, na provincia de Ourense, na que máis hectáreas arden de toda España. E moitas destas zonas, segundo denuncian entidades como a asociación Amigos das Árbores da Limia ou o Comité de Defensa do Monte Galego, forman parte da Rede Natura 2000, como as serras de Queixa e O Courel.
Segundo datos da consellería de Medio Rural recollidas pola axencia Europa Press, entre o 30 de decembro e o 9 de xaneiro houbo máis de 100 avisos por lumes, dos que 44 quedaron en conatos e 65 foron declarados como incendios. “Constatouse unha clara intencionalidade de facer dano debido á hora e o lugar no que se detectaban os incendios. Non falamos de escapes de queimas”, subliñaron desde Medio Rural.
Nesta época do ano adoitan realizarse, con todo, queimas para desfacerse dos residuos de limpeza dos montes e terreos agrícolas e rexeneración de pastos, aínda que ao abeiro destas prácticas hai quen aproveita para queimar sen control o monte.
As condicións, sen ser as idóneas, eran favorables para que avanzara o lume. Desde MeteoGalicia, Carlos Otero sinala que “se enlazaron moitos días seguidos de tempo seco. O solo foi perdendo humidade e a vexetación secou. Ademais o anticiclón bloqueou o paso da humidade, e aínda que sopraba pouco vento, viña do sureste e o nordés, tamén bastante seco”.
A atípica vaga de lumes en pleno inverno comezou o 30 de decembro na parroquia de Penouta, en Viana do Bolo. Entre as 12 e as 19 horas arderon 35 hectáreas de monte raso. No mesmo municipio, pero na parroquia de Ramilo, tivo lugar o primeiro incendio do ano. Comezou ás 23 horas do 31 de decembro, e foi extinguido preto das 15 horas do día seguinte. As primeiras estimacións falaban de 50 hectáreas, pero Medio Rural informou despois de que só arderan 25.
Os días 3 e 4 comezaron os dous lumes de maior extensión no que vai de ano. O maior deles, en plena Serra de Queixa, avanzou de noite a pesar das temperaturas próximas aos 0ºC. Na parroquia de Requeixo arderon 175 hectáreas, todas elas de monte raso. Segundo o relato dos equipos de extinción, comezou con dous focos simultáneos en zonas de difícil acceso. Houbo que empregar cinco axentes forestais, 12 brigadas, dous avións e un helicóptero.
E tamén en Ourense, na parroquia de Castromil (A Mezquita) arderon 161 hectáreas (155 de monte raso e seis de arborado) os días 4 e 5. Segundo os servizos de extinción producíronse ata seis focos simultáneos.
Ese mesmo día, na parroquia de Caroi, en Cerdedo-Cotobade, quedou extinguido un lume que comezara o día anterior, no que arderon 45 hectáreas. Segundo subliñou a entidade ecoloxista Adega, a superficie queimada situábase dentro dos límites das sociedades de caza que organizaron os polémicos campionatos de caza do raposo a pasada fin de semana.
Este domingo tiveron lugar outros dous novos lumes en Fisterra e no Courel. Na parroquia fisterrá de San Martiño de Duio arderon 26 hectáreas de monte raso, mentres que en Noceda, na serra lucense, calcináronse 30.
Ningún comentario:
Publicar un comentario