Urxencias, Puntos de Atención Continuada (PAC), ambulancias, pediatras, médicos eventuais, xefes de servizo, pacientes... Desde hai tempo, múltiples colectivos e sectores da sanidade pública galega revírasenlle ao presidente Feijóo e á Xunta pola “deterioración” na asistencia sanitaria e nas condicións de traballo dos seus profesionais. As folgas e mobilizacións son habituais desde hai anos, pero especialmente constantes e intensas nos últimos meses. “A xente fartouse logo de tempo denunciando; non é unha cousa de agora, pero non se achegan solucións e o vaso tiña que rebordar”. A frase, con máis ou menos matices, é repetida desde diferentes ámbitos do Sergas que, ademais, afronta investigacións xudiciais e da Fiscalía pola morte de doentes que os demandantes, ou o propio Ministerio Fiscal, atribúen á mala praxe da Xunta, aos recortes ou ao afán pola austeridade. Todo ante un presidente galego que adoita presumir do seu veterano compromiso coa sanidade e da súa experiencia na xestión, e que atribúe as protestas a “intereses inconfesables” da esquerda e a unha “premeditada descualificación global” do sistema.
Con folgas, mobilizacións e protestas en Urxencias, PAC, Atención Primaria ou dos usuarios, Feijóo atribúe as críticas "destrutivas" a "intereses inconfesables" da esquerda
“Os críticos destrutivos teñen un relato elaborado que alimentan á marxe da verdade". Así o dixo Feijóo este pasado mércores, na comisión de investigación sobre os recortes na sanidade aberta polos grupos da oposición, que a abandonou despois de que o PP impuxese un plan de traballo á súa medida. Cualificou o sistema sanitario galego como un dos mellores de Europa e volveu presumir do elevado investimento dos seus gobernos en edificios e tecnoloxías sanitarias.
Non é novo. A cada aumento das protestas, Feijóo presume de xestión e bagaxe. “Tento levar vinte anos protexendo a sanidade pública”, adoita dicir, ao tempo que acusa outros de intentar “destruíla”. E advirte de que nos anos 90 a situación era moito peor e os mesmos de agora xa falaban de “recortes”. Sábeo ben porque el era, daquela, máximo responsable do Sergas. E malia a sona de bo xestor, foi quen impulsou un experimento de xestión sanitaria, o primeiro que lideraba, que rematou na quebra: as fundacións hospitalarias.
Hai 20 anos, o Consello de Contas advertía das múltiples "irregularidades" do primeiro experimento de Feijóo como xerente do Sergas: as fundacións sanitarias
Chegaron a ser catro fundacións, tendo como emblema a do Hospital de Verín, constituída en setembro de 1993, cando Feijóo era xa xerente do Sergas. Tivo unha dotación inicial de 100 millóns de pesetas e poñía a funcionar un centro que na práctica era parte da rede pública, pero rexido polos principios do sector privado na contratación ou no pago de incentivos. Tres anos despois, a capacidade era da metade, a xestión opaca e as perdas económicas enormes.
O Consello de Contas advertiu de “falta de control orzamentario”, “irregularidades” nas contratacións e “precariedade” laboral “non admisible”. Daquela, en 1998, Feijóo e o seu mentor –Romay Beccaría, ex-conselleiro de Sanidade– xa non estaban no Sergas, senón que comandaban o Ministerio de Sanidade co Executivo de Aznar e impulsaban o modelo de fundacións en boa parte do Estado. Fraga acabou por converter as fundacións en públicas e o goberno bipartito tivo que rescatalas con máis de 10 millóns de euros para logo disolvelas.
Vinte anos despois, son xefes de servizo de Atención Primaria, médicos, persoas usuarias, sindicatos, oposición ou Fiscalía os que lle advirten a Feijóo das eivas dunha sanidade que supera este exercicio a dotación orzamentaria de hai dez anos, logo que dende 2011 e ata 2017 estivese por baixo do de 2008, no albor da crise, e que ese recorte acumulado en pouco máis de media década superase os 1.000 millóns de euros.
Ante as denuncias, Feijóo e Sanidade acusan os denunciantes. Fixérono, varias veces, coa médica de Urxencias do Clínico de Santiago que trasladou á Fiscalía a morte de dous pacientes tras tempo esperando nos corredores a seren atendidos nunha xornada de enorme colapso. Acusárona de “mentir” e de levar a cabo “unha canallada”, logo de que avisase ata tres veces naquela xornada da situación e de que a asociación de usuarios do CHUS a apoiase e advertise do “linchamento” ao que está sendo sometida.
Persoal das Urxencias do Clínico, onde se produciron dous falecementos que son investigados pola Fiscalía, segue en folga; nas Urxencias do CHUAC denuncian tamén unha "situación caótica"
A denuncia chega co persoal apoiando maioritariamente continuar cunha folga que afronta a 11ª semana reclamando máis medios e espazo. Neste mesmo venres, a comisión de centro das Urxencias do CHUAC da Coruña denunciou tamén a “situación caótica” que sofre o servizo. Agora, a Fiscalía investiga o caso de Santiago, logo de que denunciase xa a Xunta por outro falecemento en 2017. Lembran estes casos á denuncia pola que o Ministerio Fiscal acusou a Xunta de homicidio por atrasar fármacos da hepatite C por "razóns orzamentarias", un caso que acabou nos xulgados, polos que seguen a pasar testemuñas para prestar declaración. Son investigados neste proceso o ex-director de Asistencia Sanitaria da Xunta, Félix Rubial Bernárdez -actual xerente da área sanitaria de Vigo-, e a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado Mateo.
Ademais, a Xustiza investiga tamén o falecemento dun home no PAC da Estrada sen atención médica o pasado verán. Aquela morte supuxo tamén un punto de inflexión, con máis mobilizacións e protestas, tamén nos propios PAC, arestora en folga indefinida logo de que, segundo denuncian, a Xunta non atendese as súas demandas que, como en todos os ámbitos, céntranse na necesidade de máis medios, tempo e persoal para a atención sanitaria. “Non queremos mortes baixo a nosa responsabilidade”, advertiron profesionais ao analizar na comisión alternativa da oposición no Parlamento aquel tráxico pasamento.
Porque as denuncias sobre a situación precaria e masificada da Atención Primaria –e das súas lóxicas consecuencias nas Urxencias– é constante. Unha vintena de xefes de servizo dos centros de saúde da área de Vigo dimitiu en bloque pola “deterioración sanitaria”. Denunciaron unha situación "insostible" con "sobrecarga asistencial", listas de espera "inaceptables" ou "condicións de traballo deplorables" para os máis novos. E advirten dos "recortes" que afectan o sistema sanitario desde 2012. A indignación provocou o apoio, este mesmo venres, de máis de 300 compañeiros médicos de Ourense e unha masiva manifestación na cidade olívica –como a que despois se deu en Santiago pola situación no Clínico– e a reacción da Xunta foi crear unha comisión con profesionais na busca de mellorar o sistema. “É inviable ver 58 pacientes ao día. A calidade asistencial é mínima”, advirten os afectados.
Unha vintena de xefes de centro de saúde de Vigo dimitiu pola "deterioración sanitaria" e a loita contra a precariedade dos médicos eventuais xa está organizada nunha amplo colectivo
Desde os sindicatos e asociacións pola sanidade pública, a “privatización” é outra das causas máis repetidas para explicar os problemas. En Vigo, por exemplo, advirten de que o caos acentúase polos “150 millóns que cada ano se entregan a Povisa e ao canon do Hospital Álvaro Cunqueiro”, un centro que foi sinalado como paradigma da política sanitaria da Xunta, tanto polo modelo económico vinculado como polos problemas que sufriu, sobre todo nos seus inicios.
Ao tempo, a Consellería de Sanidade asina cos sindicatos –agás CIG e CCOO– un novo modelo de contratación para os médicos eventuais co que pretende dar estabilidade e que topou cun novo e importante colectivo organizado: Precarias pola Atención Primaria. Profesionais que acumulan ducias de contratos ao mes, decenas de centros de saúde, centos de quilómetros e nula estabilidade. Outros que xa preparan mobilizacións e que se unen a unha vaga de protestas infinita. "Isto é vocacional, ten que gustarche moito para aturalo", resumen.
Entre a cidadanía tampouco paran as protestas. Son varias as comarcas nas que as familias tiveron que saír á rúa pola problemática cos pediatras. A súa escaseza é tamén unha constante en Galicia, tanta que nos últimos quince anos 78 concellos perderon o único que tiñan. Un 60% dos municipios carecen de pediatra e moitos compárteno cunha localidade veciña. A odisea relatada en Praza.gal por unha nai de Carnota, que percorreu 140 quilómetros e fixo tres horas de coche á procura de pediatra para un bebé no Nadal, serviu como cru exemplo do panorama. Neste ámbito, a Xunta tivo que rectificar e retirar a súa proposta de pediatras desprazables tras a indignación dos profesionais.
Non fixo así coa reforma sanitaria, fortemente contestada na rúa e entre os profesionais, que blinda pactos do Sergas co sector privado, como ese que permite que unha multinacional americana controle servizos en catro hospitais, e fai desaparecer áreas sanitarias. Ao tempo, vellos problemas que se repiten cada pouco, como o ocultado peche de camas no verán ou o seu descenso, as dúbidas sobre o futuro dun servizo de saúde, o galego, no que máis do 40% dos médicos xubilaranse na vindeira década ou as listas de espera, cuxo conflito foi retratado naquela carta de dimisión do xefe de Oftalmoloxía de Pontevedra.
O 60% dos concellos carecen de pediatra e 78 municipios perdérono nos últimos quince anos; unha familia de Carnota percorreu 140 quilómetros no Nadal na busca de un para o seu bebé
Nunha das súas últimas análises sobre a sanidade galega, Feijóo volveu presumir dela. Segundo di, grazas á súa xestión o Sergas ten "máis fondos, máis profesionais e máis medios ca nunca". Con todo, propuxo reclamar do Goberno central "unha convocatoria extraordinaria de MIR para Atención Primaria" ou "revisar o modelo de atención das urxencias na súa totalidade".
Na rolda de prensa tras o Consello da Xunta do pasado xoves, foi preguntado pola súa experiencia persoal no Sergas. "A verdade é que non teño de momento mala saúde e vou pouco ao médico”, dixo. "Desde logo, o que non teño é ningún seguro privado e, polo tanto, confío plenamente na sanidade pública”, rematou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario