Manuel Rey
https://www.gciencia.com/
Son pouco máis de 300 hectáreas, pero nelas hai máis riqueza natural ca noutras extensións moito maiores do monte galego. A Devesa da Rogueira, na Serra do Courel, é unha pequena gran xoia que cae desde os cumios máis altos da zona e enche este espazo de centos de especies de flora e fauna. Un exemplo do que podía ser, pero por desgraza non é, a paisaxe do país.
Ao observala nun mapa, a Devesa da Rogueira aparece como unha especie de foxo semicircular, orientado cara ao norte. Na parte máis alta están algúns dos picos máis sobranceiros do Courel, como Formigueiros ou o Teso das Papoulas, con altitudes de máis de 1.600 metros. Ao outro lado destes picos está a campa de Lucenza e a súa coñecida lagoa de orixe glaciar.
Está tamén preto de aldeas como Visuña ou Moreda, situadas a carón da estrada que as une con Seoane, a aldea principal do concello de Folgoso xunto á capital municipal. Moi preto da devesa está, igualmente, acova de Arcoia, con formacións calcáreas de centos de miles de anos no seu interior.
Unha variedade extraordinaria de flora
Un estudo publicado en 2013 por investigadores da USC no lugar describiu 21 tipos de bosques diferentesen apenas tres quilómetros cadrados. Con estes datos, concluíuse que é a unidade territorial máis reducida cunha maior variedade de flora, non só na comarca do Courel, senón no conxunto de Galicia e das áreas montañosas próximas do noroeste da Península.
Desde as uceiras e o resto de monte baixo das zonas máis elevadas pásase aos faiais, soutos, bidueirais e carballeiras segundo se vai descendendo pola devesa. Na parte máis profunda, a vexetación chega a amosar un matiz mediterráneo, con varios tipos de plantas aromáticas. Varios regatos, que nalgún punto conforman pequenas fervenzas, conflúen na parte baixa no rego da Rogueira, que recolle a auga que alimenta toda a vexetación e dá de beber e comer á fauna que vive aquí. Tritóns, ras, corzos, martas, furóns, gatos monteses, garduñas e leiróns móvense polo lugar.
Ademais da rica vexetación, hai algúns enclaves na Devesa da Rogueira nos que aflora o valor mineral do seu subsolo e dalgunhas das grutas que sucan a Serra. Un exemplo pode verse nas Fontes do Cervo, unha parede de varios metros de altura pola que caen augas ferruxinosas e tinguen cun ton avermellado o lugar durante todo o ano. No aspecto xeolóxico destaca tamén o afloramento rochoso calcario que cruza o bosque desde o alto do Couto ata a vertente norte do pico Polín.
A Devesa da Rogueira a pé
O mellor xeito de coñecer a Devesa da Rogueira é percorrer a pé as rutas de senderismo habilitadas. Hai varias opcións, adaptadas aos distintos niveis de esixencia. Ben desde a aula da natureza da aldea de Moreda, ou desde o aparcadoiro situado no alto do Couto, onde tamén se poden ver unhas fermosas vistas da paisaxe do Courel, saen os camiños que nos meterán de cheo no corazón do bosque. Hai varios paneis informativos que completan a información sobre a importancia ecolóxica da Devesa.
Ata agora, quedou a salvo do impacto prexudicial do ser humano. Aínda que os habitantes da zona se valeron no pasado do bosque para cazar, obter pastos e outros usos, a súa riqueza segue practicamente intacta. Porén, cómpre non baixar a garda. Un incendio que tivo lugar na primavera de 2017 preto da aldea de Seoane achegouse bastante aquí.
O mesmo estudo de 2013 lembra que máis do 90% da superficie da Devesa da Rogueira está composta por tipos de hábitats que precisan protección segundo a normativa da UE, e o 15% (unhas 47 hectáreas de superficie arborada) corresponden a hábitats prioritarios que se atopan nunha situación de especial fraxilidade ou risco de desaparición.
Referencias: Descrición, cartografía e valor de conservación dos bosques da Devesa da Rogueira (Serra do Courel, NW Península Ibérica). Publicado en Recursos Rurais (2013).
Ningún comentario:
Publicar un comentario