O partido socialista vén de rexistrar unha moción que pide instar á Xunta a derrogar a reforma da Lei de Saúde de Galicia, que supuxo a desaparición da área sanitaria valdeorresa
O SIL
https://www.osil.info/
Sobre o Hospital Comarcal Valdeorras, os seus servizos actuais e recursos falarase na sesión plenaria que a Corporación do Barco celebrará no mes de febreiro. O grupo municipal socialista vén de presentar unha moción sobre este tema a través do seu voceiro, Aurentino Alonso.
A moción comeza lembrando a aprobación en agosto de 2017 da reforma da Lei de Saúde de Galicia, o que supuxo a modificación do mapa da sanidade en Galicia e a desaparición da área sanitaria de Valdeorras, xunto coas de Monforte, a Mariña Lucense e O Salnés. Isto, segundo o partido socialista barquense, abriu “a porta a perda de servizos nestas áreas comarcais en favor das concentracións de servizos nos centros hospitalarios das grandes urbes”.
Na súa exposición de motivos, a moción tamén resalta que no caso do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), o “déficit de especialistas agudízase cada vez máis, prexudicando non soamente aos propios profesionais, cansos xa de asumir responsabilidades que non lles competen debido á precariedade da escaseza de recusos que teñen ao seu dispor, senón tamén aos propios usuarios que cada vez con máis asiduidade teñen que acudir ao CHUO (a máis de dúas horas circulando en vehículo particular pola sinuosa N-120), ou mesmo aos centros hospitalarios de Vigo (a máis de tres horas do Barco), a realizar tratamentos ou probas que antes se realizaban no HCV. Recentemente dende o grupo socialista tiñamos coñecemento de que neste centro non se están a cubrir todas as gardas de traumatoloxía, un piar básico nun centro hospitalario que atende a unha poboación cunha elevada idade media, chegando incluso un facultativo de urxencias a denunciar fallos na organización e coordinación durante o mes de decembro, con situacións que xeraban risco para a saúde dos usuarios”.
Neste senso, o grupo municipal socialista do Barco pedirá, a través desta moción, que o Concello do Barco inste á Xunta de Galicia a “derrogar a reforma da Lei de Saúde de Galicia para, entre outros cambios, modificar a actual distribución das áreas sanitarias”, así como a “dotar ao HCV dos recursos materiais e humanos necesarios para manter os citados servizos sanitarios básicos con persoal e capacidade asistencial en cada un deles, sen que a atención dependa fundamentalmente da presenza rotatoria de profesionais entre distintos hospitais” e a “asegurar o nivel asistencial do HCV coa cobertura de todas as baixas e vacacións de todo o persoal que presta os seus servizos de maneira estable neste centro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario