domingo, 28 de outubro de 2018

Os leóns do Pasatempo: de Betanzos a Covadonga



As dúas esculturas de mármore de Carrara custodian desde 1968 o acceso ao santuario tras ser compradas por 500.000 pesetas




Os leóns están na entrada que dá acceso á cova e o santuario de Covadonga. Imaxe: santuariodecovadonga.org.
Os leóns están na entrada que dá acceso á cova e o santuario de Covadonga. Imaxe: santuariodecovadonga.org.

Victoria García
https://www.gciencia.com/

Á entrada do Real Sitio de Covadonga, onde a lenda católica da Reconquista conta que Don Pelayo se refuxiou xunto ao seu exército e foi axudado pola virxe para vencer aos musulmáns, hai dous magníficos leóns de mármore custodiando o acceso. Son unha réplica dos que están no Vaticano, no monumento funerario do papa Clemente XIII. Podería parecer que, nun lugar tan solemne, os leóns levan alí séculos. Porén, pouca xente da que visita Covadonga sabe que ata 1970 eses leóns estiveron en Betanzos.
Juan García Naveira encargou unha réplica despois de ver os leóns que custodiaban a tumba do papa Clemente XIII
En 1899, os irmáns García Naveira, benefactores da vila betanceira, visitaron Roma nunha das súas moitas viaxes polo mundo. Un deles, Juan, o impulsor do parque do Pasatempo, tomaba sempre nota dos lugares e obras de arte que atopaba nestas expedicións, e moitas destas ideas trasladounas ao célebre parque cando o comezou a construír. En Roma quedou marabillado na basílica de San Pedro polos dous leóns que protexían a tumba do pontífice. Así que decidiu reproducilos tamén en Betanzos.
Encargoullos a un escultor italiano, que deu forma aos leóns con mármore de Carrara, a mesma pedra coa que está feita o David de Miguel Ánxel. E unha vez rematados, saíron por mar cara ao porto da Coruña, onde desembarcaron.
Debido ao peso e tamaño das esculturas, contan en Betanzos que houbo que reforzar a estrutura da ponte do Carregal sobre o río Mendo, que une o casco histórico da vila co parque, para previr accidentes. Unha vez salvados os obstáculos, os dous leóns quedaron instalados a modo de gardiáns na porta da entrada da finca do parque, que existía antes de que se destruíse gran parte da súa extensión orixinal. Estaban situados sobre dous pedestais, decorados á súa vez con azulexos.

Crise e venda

Á morte de Juan García Naveira, os seus herdeiros quedaron coa propiedade do parque. Ante o elevado gasto de mantelo, e á imposibilidade do Concello de adquirilo, decidiron poñer á venda os leóns, uns dos elementos máis prezados do Pasatempo.
Así, a finais dos anos 60, no marco da reconstrución que se estaba levando a cabo en Covadonga, chega a oídos dalgúns dos membros do patronato a posibilidade de mercar os leóns. E así, no ano 1968, por500.000 pesetas da época, as dúas esculturas foron parar á entrada do santuario, onde seguen hoxe.
Levan en Covadonga, por tanto, case 50 anos. En 2016, o Concello de Betanzos fixo saber que ía reclamar ao Arcebispado de Oviedo a devolución dos leóns, pedindo incluso a mediación do arcebispo de Santiago. Naquel momento, o abade do santuario asturiano, Juan José Tuñón, declarou que “están moi ben onde están, e forman parte da paisaxe emblemática de Covadonga”.
E alí seguen porque meses despois, segundo recollía La Opinión de A Coruña, o arcebispo santiagués Julián Barrio contestou por carta ao Concello de Betanzos para transmitirlle a negativa da curia asturiana a devolver os leóns. Na resposta, dicían que “forman parte do entorno natural” do santuario e que, ademais, no seu momento “foron adquiridos, non doados”. É, por agora, o último capítulo desta curiosa historia. E a restauración do parque do Pasatempo, golpeado polo abandono e o vandalismo, segue pendente.

VER TAMEN:
http://ecoshospitalarios.blogspot.com/2012/03/el-pasatiempo-un-capricho-de-indianos.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario