Hospital de Valdeorras e fragmento da sentenza
David Reinero
http://praza.gal/
De Ourense capital ao hospital do Barco de Valdeorras o medio de transporte máis rápido é o vehículo particular, co que se tarda unha hora e media circulando uns cen quilómetros pola sinuosa e perigosa N-120. Porén, o Sergas viña obrigando a médicos residentes en Ourense a que cubrisen gardas en Valdeorras pagándollas como “localizadas”, de menor custo que as “presenciais” xa que só esixen aos médicos presentarse no hospital nun prazo máximo de 20 minutos desde que son avisados. Unha sentenza, avanzada por Diario Médico e á que tivo acceso Praza.gal, ratifica agora que realmente os médicos tiñan que “permanecer continuadamente no Barco de Valdeorras, a máis de 100 quilómetros do seu fogar” e obriga ao Sergas a pagarlles máis por esa situación como gardas “presenciais” que eran na práctica.
O conselleiro de Sanidade, na presentación do novo xerente do hospital do Barco, o pasado agosto
Sanidade hipotecaba a vida de médicos residentes na capital obrigándoos a cubrir no Barco supostas gardas “localizadas” polas que paga menos que as “presenciais”, obviando as dificultades de desprazamento
A sentenza foi emitida polo xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense tras un recurso presentado por un pediatra con nomeamento temporal no complexo hospitalario universitario de Ourense (CHUO) ao que se obrigaba a cubrir gardas en Valdeorras baixo a máis barata modalidade de “localizada”. O texto conclúe que o Sergas “está outorgando un trato discriminatorio e desigual aos pediatras con nomeamento interino ou temporal do CHUO respecto dos fixos”.
O xuíz relata que “cando se produce a necesidade puntual de remitir algún facultativo pediatra de Ourense ao Barco de Valdeorras, só se envía a un fixo se o acepta voluntariamente, remunerándolle o servizo como garda presencial; porén aos pediatras temporais ou interinos do CHUO impónselles a obriga de acudir ao Barco de maneira forzosa, e ademais con remuneración de garda localizada en lugar de presencial”.
A sentenza critica que o tipo de garda que o Sergas impón en Valdeorras implica “a esixencia de presentarse no hospital nun prazo máximo de 15-20 minutos, o que resulta imposible se se reside en Ourense"
A sentenza constata que “con toda evidencia” esas gardas en Valdeorras de médicos residentes en Ourense “non poden cualificarse de localizadas” xa que este tipo de gardas implican “a esixencia de presentarse no hospital nun prazo máximo de 15-20 minutos desde o momento en que se avise ao médico, o que resulta imposible se se reside en Ourense, a unha distancia mínima de hora e media do Barco de Valdeorras”. O xuíz di que ese tipo de gardas “deben equipararse ás de presenza física, pola sinxela razón de que durante a súa vixencia o facultativo (adscrito ao distrito de Ourense e residente por tanto en dita cidade) ha de permanecer continuadamente no Barco de Valdeorras, a máis de 100 quilómetros do seu fogar, familia, lugares de ocio, etc.”
O xuíz condena ao Sergas “a que estableza un novo sistema para cubrir as gardas de facultativos especialistas pediatras no Barco de Valdeorras, previo trámite de consulta aos representantes dos traballadores”, dándolle “idéntico tratamento aos pediatras temporais que aos fixos”, pagando as gardas “como de presenza física” e equiparando os descansos posteriores.
O xuíz evidencia como a lei coa que a Xunta suprimiu áreas sanitarias lle facilitou desprazar médicos e critica que non contratase máis facultativos para resolver o problema de fondo
Supresión de áreas sanitarias e crítica á Xunta
Máis alá da demanda concreta e a condena, a sentenza tamén critica a lentitude do Sergas en solucionar o problema de fondo da falta de pediatras no Barco e evidencia como a Xunta aproveitou a supresión da área sanitaria de Valdeorras e a súa integración na de Ourense para tirar dos médicos desta última en vez de contratar novos facultativos.
A sentenza critica que o Sergas non fixese nada para dotarse de máis pediatras en Valdeorras
“O Sergas non adoptou no último ano medidas relativamente sinxelas para poder cubrir os postos non desempeñados efectivamente en dito distrito, como por exemplo mediante unha convocatoria pública de interinos”
O demandante argumentaba “a imposibilidade de destinar forzosamente a un facultativo especialista dunha área sanitaria (Ourense) a outra distinta (O Barco de Valdeorras), e o xuíz dálle a razón, pero só para a súa reclamación sobre os anos previos á entrada en vigor a pasada primavera da contestada Lei 1/2018 coa que a Xunta fixo desaparecer integrándoas noutras as áreas sanitarias de Valdeorras, Monforte, A Mariña e O Salnés. Pero máis alá dese cambio legal que xa permite á Xunta obrigar a médicos de Ourense a traballar en Valdeorras, o xuíz pronúnciase tamén sobre “o concreto déficit de pediatras na comarca do Barco” e di que “o Sergas non adoptou no último ano medidas relativamente sinxelas para poder cubrir os postos non desempeñados efectivamente en dito distrito, como por exemplo mediante unha convocatoria pública de interinos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario