xoves, 25 de outubro de 2018

Por que a avespa asiática avanza sen control?

Raíña de velutina formando o seu niño.
Raíña de velutina formando o seu niño.
Manuel Rey
https://www.gciencia.com/

A especie invasora, que se detectou en Galicia a finais de 2013, altera o ecosistema e causa graves danos na apicultura

Nos últimos anos, un pequeno insecto chegado do outro lado do mundo espallouse a toda velocidade por Galicia. Aavespa asiática (Vespa velutina) xa está presente en case a totalidade das provincias de A Coruña e Pontevedra, no norte da de Lugo e en vinte concellos de Ourense. Esténdese a unha velocidade duns cincuenta quilómetros por ano e todo apunta a que acabará aparecendo acabará aparecendo en toda a xeografía galega, con excepción das zonas máis altas de Lugo e Ourense.
Esta especie invasora, que provoca grandes perdas aos apicultores e ameaza o ecosistema, entrou en Europa por Francia, arredor de 2004, nalgún barco que atracou no porto de Burdeos. Comezou a estenderse polo sur do país galo e o norte da península Ibérica. Ao fin, no ano 2013 detectouse en Galicia.
A súa expansión foi rapidísima. No verán de 2016, en pouco máis de dous anos, xa se levaban retirados máis de 10.000 niños no noso territorio. Ao carecer de depredadores no ecosistema local, e debido á súa voracidade cara as abellas, colonizou amplas zonas.
O seu ciclo anual distribúese en cinco fases. En inverno, as raíñas fundadoras hibernan e morren os machos e as avespas obreiras. Arredor dos meses de febreiro e marzo, as raíñas comezan a construír os niños primarios, os máis pequenos, en zonas agochadas. Coa primavera, entre abril e maio, nacen as obreiras e mudan ao niño secundario, de maior tamaño, e que adoita estar en zonas elevadas.
A colonia medra durante o verán, ata alcanzar un máximo de entre 1.200 e 1.800 individuos por colonia entre setembro e outubro. Nesta estación prodúcense a maior parte dos ataques contra as colmeas das abellas. É neste momento cando nacen os machos e as femias e se produce a fecundación. Xa no outono, as raíñas fundadoras emigran do niño secundario e hibernan ata que comeza de novo o ciclo.
Os danos que causa son cuantiosos e diversos. Segundo cálculos da Asociación Galega de Apicultura (AGA) a aparición da velutina nas distintas comarcas galegas provocou unha perda que oscila entre o 30 e o 40 por cento da produción de mel nas zonas afectadas.
Non en tanto, os colectivos afectados xa levan tendo traballando para frear a invasión da velutina. Numerosos apicultores e expertos desenvolveron varios tipos de trampas para capturalas. A nivel institucional, a Deputación de A Coruña ten en marcha un convenio coa Universidade de Santiago que vai a actuar en varias liñas de investigación contra esta praga.
Ademais, fontes coñecedoras da praga sinalan que nos atopamos nunha fase de expansión da praga que deberá concluír nalgún momento. Pouco a pouco as abellas serán máis efectivas á hora de evitar os ataques das velutinas e tamén poden aparecer parasitos e depredadores que fagan diminuír os exemplares desta especie invasora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario