Pescanova proba con éxito a patente dun novo protocolo con supervivencias de ata o 90% que pode revolucionar o mercado
Cría de polbo obtida nos cultivos realizados este ano no IEO.
Victoria García
https://www.gciencia.com/
O polbo á feira ‘de piscifactoría’ está máis preto que nunca. Un grupo de científicos vai revolucionar o mundo da acuicultura tras conseguir o cultivo completo deste prezado cefalópodo dende a súa fase larvaria ata a súa comercialización final como adulto. E a multinacional Pescanovavai facerse coa patente, que nas probas realizadas alcanza un éxito de supervivencia de ata o 90 por cento, cando ata hai pouco tempo era de apenas o 3 por cento.
Os resultados das probas xa realizadas son “espectaculares“, segundo o califican fontes do proxecto consultadas por GCiencia. E o novo sistema patentado soluciona o que os científicos chamaban o ‘bottleneck’, o funil no que fracasaban os sistemas empregados ata o de agora: a morte na fase larvaria, durante os 60 ou 70 días nos que o cefalópodo vive na columna de auga antes de asentarse na vida bentónica.
O novo protocolo patentado fixo ‘cambios revolucionarios’ que se saldan con éxito
Para conseguir estes avances, a nova patente fixo “cambios revolucionarios“. Mudaron moitas das condicións nas que se facía a cría con anterioridade. E as probas comerciais do novo sistema tiveron tal éxito que se espera un anuncio inminente, que probablemente chegará nas vindeiras semanas a través de Pescanova. As consecuencias de producir polbo de acuicultura poden supoñer toda unha revolución económica, porque afecta á produción dunha das especies máis demandadas do mercado, cando precisamente vén de pasar por un tempada de escaseza e elevados prezos.
Despois de decenios de investigación e de “colos de botella” que parecían insuperables, conseguiuse reducir a mortalidade das crías de polbo común (Octopus vulgaris) ata facer rendible a súa produción e comercialización. Ata o de agora, o cultivo en catividade do polbo só era posible en instalacións de crecemento e engorde, pero sempre a partir de crías capturadas no mar.
Proxectos anteriores
Non en tanto, os avances dos últimos anos en proxectos distintos á patente actual foron achegando cada vez máis o fito. Así, en xaneiro deste ano, os investigadores do proxecto Octowelf, no que participan IEO, CSIC e as universidades de Vigo, Granada e La Laguna, anunciaron que conseguiran “porcentaxes de supervivencia superiores aos obtidos en estudos previos, mediante novas técnicas de cultivo e alimentación”, segundo informou naquel momento o Oceanográfico de Vigo.
Do mesmo xeito, acadouse “un crecemento notable destas larvas, o que permitu que estas inicien a fase de asentamento, que ten lugar cando a paralarva deixa a vida plantónica (nadando libremente) e entra na fase bentónica, vivindo no fondo mariño, onde desenvolven a fase xuvenil e adulta”. Agora, os resultados conseguidos coa patente deste novo proxecto, alleo a Octowelf, destinados á produción comercial son aínda máis positivos.
Tras do éxito da investigación anunciada en xaneiro polo IEO, o investigador deste organismo Pedro Domingues xa provocou un balbordo o pasado 10 de outubro cando no foro ACUI celebrado no Grove dixo: “Desta vai, sen ningunha dúbida”. Tras asegurar que tiñan “resultados espectaculares” despois de cambiar o protocolo de cultivo de xeito radical. Pero o científico tivo que morder a lingua “para non falar de algo que non podo falar”.
Pero o éxito é tan grande que o converte tamén nunha nova científica de impacto. De feito, GCiencia puido saber que se prepara unha importante presentación deste fito histórico nas próximas semanas. Todo apunta a Pescanova, que tamén leva meses realizando probas con este protocolo patentado para comprobar a súa viabilidade comercial.
Así que o polbo á feira ‘de piscifactoría’ pode ser unha realidade moi pronto. E revolucionar o mercado e a economía de Galicia.
Unha carreira de obstáculos
As elevadas taxas de crecemento e fecundidade e o seu curto ciclo de vida, ademáis da súa importancia gastronómica e as súas propiedades nutritivas, converten ao polbo común nun candidato ideal para o cultivo comercial. Porén ata o de agora, as súas necesidades alimentarias durante as primeiras fases de crecemento só se podían conseguir no medio natural: non era posible producir a gran escala un alimento que fose efectivo para dar de comer aos milleiros de paralarvas dunha planta acuícola, o que reducía moito a supervivencia na transición da fase plantónica á bentónica.O máis que se conseguira ata agora foi a comercialización de exemplares engordados tras ser capturados no mar. E tamén se conseguira desenvolver o cultivo pero doutras especies, como o polbo vermello (Octopus maya) en México, xa que o seu ciclo vital ofrecía menos obstáculos no paso da fase larvaria á xuvenil. Porén, esta especie ten unha fecundidade moito máis baixa que o Vulgaris, polo que o seu cultivo comercial é moito menos rendible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario