venres, 26 de outubro de 2018

Esta é a espectacular ponte-acueducto do século XVII perdida ata agora no Courel

ÍÑIGO MOUZO RIOBÓ
http://historiadegalicia.gal

Ponte acueducto do Arco da Veiga, no Courel 
A ponte do Arco da Veiga, en Folgoso do Courel, servía para salvar o cauce do río Lourenzá, mais tamén para levar auga deste río cara a ferrería de Lousada, non moi lonxe desta. Para isto o río tiña un caneiro e un rego que conducía a auga dende 650 metros río arriba ata a parte superior da propia ponte. Era alí que no propio extradorso da ponte, na parte superior, unha canle facíaa servir tamén como acueduto, levando a propia auga do río que cruzaba a través deste dende alí ata uns herbais preto dela.
A singular ponte-acueduto é unha construción, feita de lousa e xisto, que tería pertencido no seu día á ferrería de Lousada, edificada en 1669 funcionando como fundición ata o ano 1874 e como fragua a partir desta data. A ponte, como elemento accesorio a esta, é moi probable que se remonte ó último terzo do século XVII ou, se cadra, algo despois, mais a pesares disto e de estar ata estes días en cuberto de vexetación atópase nun notable estado de conservación.
E é que foi nos pasados días cando o propio Concello de Folgoso do Courel procedeu ó acondicionamento da ponte e a limpeza da vexetación que a cubría e facía case intransitable. Ademais de preservar a súa conservación, deixar libre a súa pasaxe procedeuse á sinalización dos accesos e a instalación de paneis informativos. Para isto o Concello contou cun investimento de 24.000 euros, incluídos nunha liña de axudas para Rede Natura. Tamén se prevé a intervención nunha pasarela sobre o río Lóuzara, preto da porte, que leva a Louzadela, a capital do municipio.
E que Arco da Veiga, ademais de ser unha das pontes máis singulares de Galicia, forma parte tamén dun roteiro de de 9,88 quilómetros que discorre polo concello pasando pola súa cabeceira, un roteiro que se prevé como unha peza clave dentro do futuro proxecto de Xeoparque das Montañas do Courel. O roteiro, xa transitable na súa totalidade tras a recuperación da ponte, é un dos activos desta candidatura, formando ponte e ferrería parte dun dos singulares conxuntos da zona do patrimonio mineiro e industrial local.
Cumios do Courel nevados / Íñigo M. Riobó
Escrito por Íñigo Mouzo Riobó
Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Ningún comentario:

Publicar un comentario