https://www.lavozdegalicia.es/
Falar non ten cancelas. Pero a ficción oral pode cansar cando se fala da suposta debilidade do castelán en Galicia. O habitual é que o galego se perda polo camiño. Que vaia devecendo nas aulas. Que as páxinas on-line das grandes compañías ofrezan versións en castelán, catalán e vasco, pasando por alto ese outro idioma que se fala neste recuncho. A realidade é que nas cidades o galego non é a regra, é a excepción. Xa non é que o confirmen os datos da RAG, dino os veciños de viva voz na rúa. Basta con escoitalos. O normal é ter que responder algunha vez na vida a aquilo de «¿y tú por qué hablas gallego?», coma se un día á hora do xantar decidises falar urdú en Chantada.
O galego sobreviviu nas lareiras, nos lavadoiros, nos carreiros, entre redeiras e mariñeiros, no medio das vacas e nos campos da festa, no millo e no liño. Que sería de Rosalía sen todo iso? Un verso solto suspendido no tempo, unha flor de Atacama. O galego continúa palpitando, feble, en vilas e aldeas, en xente moitas veces desprezada polos que usan o castelán a modo de escada para ollar desde arriba, en vez de mirar de fronte, pero tamén desdeñada por certos neofalantes que colocan mellor as medallas no peito que os pronomes. Así é o conto. Por iso case é unha broma cargada de humor negro pensar que o galego é a lingua opresora do poder, dicir que para a Xunta ou para os concellos non existe o castelán. De novo, chega con poñer a orella ou as lentes. Nos pinchacarneiros da burocracia o atallo adoita ser o castelán. E sobran exemplos de documentos que inclúen as dúas linguas. Antes de alporizarse cómpre darlle a volta á folla.
Tamén é curioso o sentido que se lle dá ao vocábulo «bilingüismo». Bilingüismo non é utilizar unha palabra en galego nunha conversa en castelán porque non atopamos un termo que nos guste tanto como colo ou como larpeiro, porque nos envolve coa súa musicalidade. Cando dicimos runner ou cool a iso chámanlle anglicismo, non bilingüismo.
E en cuestións laborais, aí vai un segredo que terían que saber aqueles que se gaban de defender o coñecemento da historia de España: os galegos xa traballan desde tempo e tempo en lugares como Cataluña e o País Vasco. En realidade foron moito máis atrevidos desde hai unhas cantas xeracións. Porque antes chegaron á Arxentina, Cuba, Suíza, Alemaña, o Reino Unido... Non os detivo nunca nin a distancia nin o idioma. Sen contar que hai persoas de fóra de Galicia que (ollo, sorpresa) lograron unha praza pública aquí e non tiveron razóns para sentirse coma os últimos membros dunha tribo amazónica en perigo de extinción. É o que pasa cando se vive con normalidade a coexistencia de dúas linguas (e oxalá foran catro ou cinco).
E que lle vai parecer todo isto aos galegos? Quen levanta as barreiras idiomáticas? Non serán os que falsean os datos sobre unha lingua? Non serán os que empregan a demagoxia para reducila á insignificancia? Tan complicado é comprendelo? Tan difícil é entender o galego?
Ningún comentario:
Publicar un comentario