https://www.lavozdegalicia.es/
Señor Cantó: supoño que compartimos os dous o desexo de vivirmos en sociedades de cidadáns libres e iguais. Porén, o tratamento que recibimos quen queremos utilizar o galego con toda normalidade non é o de libres e iguais. O galego é a lingua propia de Galiza. Non sería normal que quen serve na Administración pública atenda e entenda á cidadanía na lingua que ten dereito a empregar? Restrinxir e prohibir o exercicio dese dereito é contrario á igualdade e á liberdade. Que liberdade teriamos para empregar un servizo no que prima a inferioridade -desigualdade- da nosa lingua? Vaia a un centro de saúde galego e observe cal é a lingua que impera. Pareceríalle normal nunha situación de vulnerabilidade, como o é unha doenza, ter que mudar de lingua no seu propio país porque o médico non o entende, e asegura ademais non ter por que facelo?
Isto pasa en Galiza, tamén na sanidade pública. É isto igualdade?
Xuíces e fiscais, persoal de Facenda, da Seguridade Social, ou calquera outro organismo da Administración xeral do Estado non teñen nin que coñecer o galego. Exíxenlles outros coñecementos, mais ese non.
Igual que a vostede non se lle exixe saber que o BOE excluía o requisito de coñecemento de linguas cooficiais na oferta de emprego, publicada días antes de rexistrar a súa proposición de lei pola que pretendía que o funcionariado non tivese que atender e entender os cidadáns que lexitimamente utilizan no seu territorio a súa lingua propia e cooficial.
Non sei se por descoñecemento, mais non aplica o argumento cirúrxico contra o galego e outras linguas, para os cidadáns da UE que si teñen que demostrar coñecemento de español para optaren a praza pública no Estado español. Sabe que hai casos en Galiza onde se obriga a doentes a asinaren consentimentos para operacións en castelán, baixo a coacción de aprazamento no caso de reclamar un documento tipo en galego? É esa a liberdade que proclama? Galiza conta cunha Facultade de Medicina. Gustaría de que houbese máis recursos para que os futuros profesionais puidesen desenvolver o seu labor en Galiza sen teren que emigrar. Sería a mellor garantía de calidade, tamén para os nosos dereitos lingüísticos. Con pobres recursos conta a sanidade pública galega cando o programa informático aínda limita o uso do galego. Non o vexo escribindo un artigo titulado ¿Españoles, qué les parece?
Mais se un día se atopa na situación de ver un eurodeputado utilizando os seus mesmos argumentos para que un cidadán de Albacete non teña dereito a ser entendido en español, asegúrolle que ese día se sentirá algo galego e recibirá a solidariedade das persoas que queremos galego e defendemos a diversidade lingüística.
Ningún comentario:
Publicar un comentario