“Povisa reduce los salarios un 40 % desde hoy”. Este titular non é nada actual, senón un da Voz de Galicia en 2013, que escribía o xornalista Ángel Paniagua. A historia repítese e non está de máis recordalo. O convenio levaba conxelado desde 2010, estado no que continúa no día de hoxe.
O prazo para acordar un novo acordo entre os directivos de Povisa e o comité de empresa remataba así sen resultados. E os salarios do hospital reducíanse un 40% de media para os 1.400 traballadores. Era a culminación de meses sen avances. O comité de empresa chamaba a xuízo.
Deste xuízo tiveron que saír escoltados un mes despois José Silveira, dono de Povisa e do imperio empresarial Nosa Terra 21, máis outros directivos. Dez policías nacionais protexían a elite de Povisa entre os gritos de furia de centenares de traballadores. Uns minutos despois golpeaban o coche do seu xefe con pancartas.
O xuízo, unha demanda de CO.OO contra Povisa, non durara nin unha hora. E o hospital dicía dos seus empregados que carecían de toda credibilidade por “impoñer con violencia seus argumentos”.
O cadro de persoal de Povisa xa realizara tres escraches a directivos no seu terceiro día de folga. Un centenar de folguistas perseguiron aos xestores desde unha cafetaría ata o hospital ás 8:30 da mañá. Cantaban contra a aplicación desa rebaixa do 40% dos seus soldos.
A dirección denunciou novos casos semellantes ese mesmo día, ás 11 e ás 14.45 (cando os diretivos comían nun restaurante), mesmo empregados queixáronse de coaccións por parte dos folguistas.
A tensión era evidente. O seguimento da folga, dependendo: para os sindicatos era de máis do 75%, para a empresa de só o 14%. O concelleiro vigués Manel Fernández defendía aos traballadores en folga, Compromiso por Galicia atacaba a Xunta.
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) lamentou o ataque anteriormente referido ao vehículo de Silveira posto que “o acoso violento aos membros da directiva atenta directamente contra os dereitos fundamentais e pon en risco a súa seguridade”. Os traballadores en folga indefinida tiraran tamén ovos contra a delegación da Xunta en Vigo.
O do xuízo foi sen dúbida outro día de moita tensión, entre asubíos desde as 8:30 da mañá. A folga en povisa comezara dez días antes, o 19 de agosto. Non era para menos posto que algunhas enfermeiras, co novo convenio, perdían máis de 500 euros mensuais.
Hai que subliñar que, nese momento, os traballadores de Povisa eran, cando menos en termos relativos, uns privilexiados. Os auxiliares de enfermería do hospital privado cobraban entre 6.000 e 7.000 euros máis ao ano que un auxiliar do Sergas. En tódalas categorías gañaba Povisa, normalmente con diferenzas moito menores que na referida.
Pero o 15 de agosto de 2013 a situación estaba a piques de cambiar para sempre. Esquerda Unida consideraba “absolutamente impresentable” que a dirección de Povisa, “unha vez máis, empregue as condicións laborais como arma contra a administración pública para xustificar incrementos no concerto co Sergas”.
Esquerda Unida aseguraba ademais que “a SICAV TÍTULOS GALICIA, con filiais en Illas Caimán e Madeira, ten sido un fondo de enriquecemento da familia Silveira tributando ao 1%, e gran parte dese beneficio saíu do traballo do cadro de persoal cuxas condicións laborais pretende agora rebaixar. Nesta SICAV ten invertidos máis de 2,6 millóns de euros”.
Unha estratexia que as fontes sindicais consultadas apuntan que se vai repetir. E, isto, a pesar de que en 2012 os directivos de Povisa subiran o seu soldo un 75% e en 2013 os beneficios do Hospital superaron os 11,345 millóns de euros despois de impostos, os maiores da súa historia con diferencia, despois de lograr estes acordos levando ao límite a paciencia do seu cadro de persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario