venres, 13 de marzo de 2020

Auga e xabrón: a razón pola que o freo ao coronavirus comeza polas mans


Unha persoa lava as mans con xabrón CC-BY-SA Arlington County


Todas as recomendacións do Servizo Galego de Saúde e do Ministerio de Sanidade para facer fronte ao coronavirus están encabezadas, no que atinxe ás accións individuais da cidadanía, pola necesidade de ter gran coidado coa hixiene persoal. Moi especialmente, coa hixiene das mans, que deben ser lavadas frecuentemente con auga e xabrón, sen necesidade de produtos adicionais, especifican.
"O coronavirus ten unha capa de graxa que é imprescindible para el e esa capa destrúea o xabrón", explican dende o Sergas para subliñar a importancia do lavado das mans
A importancia de que o lavado inclúa xabrón ten unha explicación moi concreta, que a Subdirección de Calidade do Sergas transmitiu nunha circular a colectivos vinculados á sanidade galega como a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do Clínico de Santiago (AUSO-CHUS), que a fixo pública. "A mellor medida que podemos adoptar é fomentar a todos os niveis a hixiene de mans" con auga e xabrón, sinala.
"É fundamental", detalla a nota, porque "o coronavirus ten, na súa estrutura, unha capa de graxa interior". "É imprescindible para el, sen esa capa non pode meterse dentro das células e sen meterse dentro das células, non pode facer dano". "E esa capa -conclúe o texto remitido polo Sergas- destrúea o xabrón".
"Lavar as mans con auga e xabrón é a medida hixiénica máis poderosa para frear os contaxios"
Neste sentido, agrega, cómpre ter en conta que "a principal maneira de contaxio do virus é polas mans", toda vez que "cando tocamos algo que foi infectado e despois levamos as mans á boca ou ao nariz", o contaxio "é moito máis probable que o aéreo" mediante pingas en suspensión. Por todo isto "lavar as mans con agua e xabrón, tan eficaz como as solucións hidroalcólicas, sempre antes e despois de comer, sempre despois de ir ao baño", tras abrir portas ou tocar as barras no transporte público "é a medida hixiénica máis poderosa para frear os contaxios e está ao alcance de todos".

A importancia de "aplanar a curva"

Unha boa hixiene de mans, ao xeito do explicado polo Sergas, contribúe a evitar contaxios e tamén a frear o ritmo dos que continuará habendo. Porque precisamente isto, frear o ritmo de novos positivos, é outra das claves perseguidas polas autoridades sanitarias. Así o explica neste vídeo o doutor Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias e principal voceiro do Goberno central a respecto da epidemia.
Nun vídeo divulgado polo Ministerio de Sanidade, explica que mediante a aplicación de medidas preventivas, tanto individuais como colectivas, procúrase que o espallamento do virus sexa máis lento e así, é posible "controlar máis a enfermidade". Este factor tamén é determinante para que os sistema sanitario poida absorber os casos de persoas máis necesitadas de atención esquivando os colapsos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario