Defende dar este diñeiro para ter "uns medios de comunicación plurais e independentes”. La voz recibiu máis da metade destas axudas o pasado ano. O goberno de Feijóo só pide que se utilice un 10% de galego por parte destes xornais para recibir as subvencións.
publicidade, axudas, medios, cabeceiras, propaganda,
“A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental... E estes obxectivos son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen, na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos”. Por iso, faise necesario que o Goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación”. Así xustifica a Xunta a convocatoria, a menos dun mes das eleccións, dun paquete de axudas diretas aos medios de comunicación de 2 millóns de euros.
Este diñeiro será canalizado pola Secretaría Xeral de Medios que dirixe Mar Sánchez Sierra a través da concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para promover a “liberdade de prensa” entre medios “plurais e independentes”. É dicir, axudas que se dan a dedo e de xeito completamente discreccional.
GRANDES FAMILIAS MEDIATICAS GALEGAS
Con todo, e a pesar de apelar á lingua, á cultura e á galeguidade, case a totalidade destas axudas van para as grandes familias mediaticas de Galicia que publican en español, e delas quedan excluídas practicamente os medios en galego. Así, o grupo Voz, que recibe axudas por triplicado ao seu xornal en papel, o seu xornal dixital e a súa radio é o medio máis beneficiado. O pasado ano recibiu case un millón de euros destas axudas.
O segundo grupo é Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña). Seguelles o grupo El Progreso (El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, Galiciae e Axencia Galega de Noticias), o grupo La Región (La Región de Ourense e Atlántico Diario) e o Grupo La Capital (El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e DxT). Ademais dos medios tradicionais galegos reciben anualmente axudas grupos como o ABC, El Mundo, Intereconomía, a Cadena Cope ou a Cadena Ser, entre outros.
A Secretaría Xeral de Medios mantén o mesmo importe que o pasado ano. As axudas son de 1.255.000 de euros para xornais en formato papel, os 266.400 euros a empresas radiofónicas e de máis de 455.000 euros para as empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet, que soen ser, na maioría dos casos, as divisións dixitais dos grandes medios en papel.
USO DO GALEGO
Supostamente, estas axudas teñen coma fin difundir o uso do galego en medios que se publican, case na súa totalidade, en castelán. A Xunta tan só pide que xustifiquen o 10% de informacións en lingua galega nos medios escritos. Un requisito que, a pesar de aumentado no último ano, non impide que, ano tras ano, sexa incumprido por algúns medios de comunicación sabedores de que non existe ningún tipo de control ao respecto.
A orde de axudas tamén recolle como “oferta positiva” a adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada. Un parámetro que é imposible de medir á hora de conceder as subvencións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario