martes, 3 de marzo de 2020

Dez boas noticias sobre o coronavirus

A cooperación na investigación, as medidas de contención e algúns datos sobre a enfermidade levan ao optimismo para frear o seu avance


O coronavirus está a provocar preocupación internacional, pero hai sinais que convidan ao optimismo.
Ignacio López-Goñi
Podemos clasificar o coronavirus como pandemia ou non, pero o tema vai en serio. Non hai que quitarlle importancia. En menos de dous meses estendeuse por varios continentes, pero ao virus dálle igual como o chamemos. Unha pandemia implica unha trasmisión sostida, eficaz e continua da enfermidade de forma simultánea en máis de tres rexións xeográficas distintas. Quizá xa esteamos nesa fase, pero iso non é sinónimo de morte, pois o termo non fai referencia á letalidade do patóxeno senón á súa capacidade de transmisión e extensión xeográfica.
O que sen dúbida si que hai é unha pandemia de medo. Por primeira vez na historia estamos a vivir unha epidemia en tempo real: todos os medios de comunicación, varias veces ao día, todos os días, en todo o planeta, falan do coronavirus. Seguimos a pingueira de cada un dos casos en directo. Mesmo foi noticia de portada que o virus en Brasil mutou tres veces!
Insisto: o tema é serio, pero una das primeiras vítimas do coronavirus en España foi o Ibex35. Hai que informar do que está a ocorrer, pero tamén necesitamos boas noticias. Velaquí dez delas:

1. Sabemos quen é

Os primeiros casos de sida describíronse en xuño de 1981 e tardouse máis de dous anos en identificar ao virus causante da enfermidade. Os primeiros casos de pneumonía severa notificáronse en China o 31 de decembro de 2019 e o día 7 de xaneiro xa se identificou o virus.
O xenoma estivo dispoñible o día 10. Xa sabemos que se trata dun novo coronavirus do grupo 2B, da mesma familia có SARS, polo que o denominamos SARSCoV2. A enfermidade chámase COVID19.
Está emparentado con coronavirus de morcegos. As análises xenéticas confirman que ten unha orixe natural recente (entre finais de novembro e principios de decembro) e que, aínda que os virus viven mutando, a súa frecuencia de mutación non é moi alta.
Análise filoxenética dos xenomas completos de 2019- nCoV e dos virus representativos do Betacoronavirus. Fonte: The Lancet - Genomic characterisation and epidemiology of 2019 novel coronavirus: implications for virus origins and receptor binding.
Análise filoxenética dos xenomas completos de 2019- nCoV e dos virus representativos do Betacoronavirus. Fonte: The Lancet – Genomic characterisation and epidemiology of 2019 novel coronavirus: implications for virus origins and receptor binding.

2. Sabemos como detectalo

Desde o 13 de xaneiro está dispoñible para todo o mundo un ensaio de RT-PCR para detectar o virus.

3. En China a situación está a mellorar

As fortes medidas de control e illamento impostas por China están a dar os seus froitos. Desde hai xa varias semanas, o número de casos diagnosticados diminúe cada día.
Noutros países está a facerse un seguimento epidemiolóxico moi detallado. Os focos son moi concretos, o que pode permitir controlalos con maior facilidade. Por exemplo, en Corea do Sur e Singapur.

4. O 80 % dos casos son leves

A enfermidade non causa síntomas ou son leves nun 81% dos casos. No 14% restante pode causar pneumonía grave e nun 5% pode chegar a ser crítica ou mesmo mortal.

5. A xente estase curando

Os únicos datos que ás veces se mostran nos medios de comunicación son o aumento do número de casos confirmados e o número de falecementos, pero a maioría da xente infectada se cura. Hai 13 veces máis pacientes curados que falecidos, e a proporción vai en aumento.
Recuperados por día. Fonte: Coronavirus COVID-19 Global Cases by Johns Hopkins CSSE.
Recuperados por día. Fonte: Coronavirus COVID-19 Global Cases by Johns Hopkins CSSE.

6. Non afecta (case) aos menores de idade

Só o 3% dos casos ten lugar en menores de 20 anos, e a mortalidade en menores de 40 anos é só do 0,2%. En menores os síntomas son tan leves que o ocoronavirus pode pasar desapercibido.

7. O virus inactívase facilmente

O virus pode ser inactivado das superficies de forma eficaz cunha solución de etanol (alcol ao 62-71%), peróxido de hidróxeno (auga osixenada ao 0,5%) ou hipoclorito sódico (lixivia ao 0,1%), en só un minuto.
O lavado de mans frecuente con auga e xabón é a maneira máis eficaz de evitar o contaxio.

8. Xa hai máis de 150 artigos científicos sobre o coronavirus

É o momento da ciencia e a cooperación. En pouco máis dun mes xa se poden consultar 164 artigos en PubMed sobre o coronavirus, ademais doutros tantos dispoñibles nos repositorios de artigos aínda non revisados por pares (pre-prints). Son traballos preliminares sobre vacinas, tratamentos, epidemioloxía, xenética e filoxenia, diagnóstico e aspectos clínicos.
Estes artigos están elaborados por preto de 700 autores repartidos por todo o expón. É ciencia en común, compartida e en aberto. En 2003, cando tivo lugar o do SARS, tardouse máis dun ano en obter menos da metade de artigos.
Ademais, a maioría das revistas científicas puxeron en aberto os seus fondos sobre os coronavirus.

9. Xa hai prototipos de vacinas

A nosa capacidade de deseñar novas vacinas é espectacular. Xa hai máis de oito proxectos contra o coronavirus. Hai grupos que traballan en proxectos de vacinas contra outros virus similares e agora tratan de cambiar de virus.
O que pode adiar o seu desenvolvemento son todas as probas necesarias de toxicidade, efectos secundarios, seguridade, inmunoxenicidade e eficacia na protección. Por iso, fálase de varios meses ou anos, pero algúns prototipos xa están en marcha.
Por exemplo, a vacina mRNA-1273 da empresa Moderna consiste nun fragmento de RNA mensaxeiro que codifica para unha proteína derivada de glicoproteína S da superficie do coronavirus. Esta compañía ten prototipos similares para outros virus.
Inovio Pharmaceuticals anunciou unha vacina sintética ADN para o novo coronavirus, INO-4800, baseada tamén no xene S da superficie do virus. Pola súa banda, Sanofi vai empregar a súa plataforma de expresión en baculovirus recombinantes para producir grandes cantidades do antíxeno de superficie do novo coronavirus.
O grupo de vacinas da Universidade de Queensland, en Australia, anunciou que xa está a traballar nun prototipo empregado a técnica denominada molecular clamp, unha nova tecnoloxía que consiste en crear moléculas quiméricas capaces de manter a estrutura tridimensional orixinal do antíxeno viral. Isto permite producir vacinas empregado o xenoma do virus nun tempo récord.
Novavax é outra empresa biotecnolóxica que anunciou o seu traballo sobre o coronavirus. Posúe unha tecnoloxía para producir proteínas recombinantes que se ensamblan en nanopartículas e que, cun adxuvante propio, son potentes inmunóxenos.
En España é o grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola do CNB-CSIC quen está traballando en vacinas contra os coronavirus desde hai anos.
Algúns destes prototipos pronto se probarán en humanos.

10. Hai máis de 80 ensaios clínicos con antivirais en curso

As vacinas son preventivas. Máis importantes aínda son os posibles tratamentos das persoas que xa están enfermas. Xa hai máis de 80 ensaios clínicos para analizar tratamentos contra o coronavirus. Trátase de antivirais que se empregaron para outras infeccións, que xa están aprobados e que sabemos que son seguros.
Un dos que xa se ensaiou en humanos é o remdesivir, un antiviral de amplo espectro, aínda en estudo, que foi ensaiado contra o ebola e o SARS/MERS. É un análogo da adenosina que se incorpora na cadea de ARN viral e inhibe a súa replicación.
Outro candidato é a cloroquina, un antimalárico que tamén ten unha potente actividade antiviral. Sábese que bloquea a infección aumentando o pH do endosoma que se necesita para a fusión do virus coa célula, o que inhibe a súa entrada. Comprobouse que este composto bloquea ao novo coronavirus in vitro e xa se está usando en pacientes aos que o virus causou pneumonía.
Lopinavir e Ritonavir son dous inhibidores das proteasas empregados como terapia antirretroviral que inhiben a maduración final do virus da sida. Como se comprobou que a proteasa do SARSCov2 é semellante á do VIH, xa se ensaiou esta combinación en enfermos polo coronavirus.
Outros ensaios propostos baséanse no uso do oseltamivir (un inhibidor da neuraminidasa empregado contra o virus da gripe), interferón-1 b (proteína con función antiviral), antisoros de persoas xa recuperadas e anticorpos monoclonais para neutralizar o virus. Mesmo se suxeriron novas terapias con substancias inhibidoras, como a baricitinibina, seleccionadas mediante intelixencia artificial.
A pandemia de gripe de 1918 causou máis de 25 millóns de mortos en menos de 25 semanas. Podería volver ocorrer algo similar hoxe en día? Como vemos, é moi probable que non. Nunca estivemos mellor preparados para combater unha pandemia.

Ignacio López-Goñi é Catedrático de Microbioloxía na Universidad de Navarra.
*Cláusula de divulgación: non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario