martes, 10 de marzo de 2020

Captan o raio verde no solpor das illas Cíes

O raio verde captado nas illas Cíes dende a praia de Samil, en Vigo.

Benjamín González é o autor das imaxes nas que se observa o fenómeno durante uns segundos na ría de Vigo


O raio verde volveu coruscar nas illas Cíes co solpor deste domingo. Benjamín González captou este inusual fenómeno, que dura uns segundos xusto cando o Sol se oculta no mar, tal e como sinala O Tempo TVG, que compartiu as imaxes. O fenómeno coñecido como raio verde adoita producirse xusto despois da saída do Sol ou antes do solpor. É debido a que en determinadas condicións a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual velo, e aínda menos retratalo. Artistas e escritores como Jules Verne (que lle dedicou un libro á súa procura) teñen moito falado sobre el. Tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito. O pasado verán a fotógafa afeccionada Sandra Sánchez xa captou o fenómeno coa súa cámara tamén nas illas Cíes:

Raio verde captado o pasado venres nas Illas Cíes. Imaxes: Sandra Sánchez.
A fotógrafa afeccionada Sandra Sánchez puido fotografar coa súa cámara este curioso fenómeno desde a ponte que cruza a Lagoa dos Nenos

Hai outra variante, menos habitual, que é o raio azul ou violeta. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Hai poucos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Un deles foi captado hai tres anos en Galicia por Alfredo Madrigal nos cantís de Loiba. Do mesmo xeito que Sandra Sánchez, Madrigal non caera na conta de que vira este pouco habitual fenómeno ata que revisou o seu material.

Raio azul retratado desde A Lanzada o 11 de xaneiro de 2020. Fonte: Antonio Costa.
O fotógrafo Antonio Costa conseguiu retratar o fenómeno, bastante difícil de observar, o 11 de xaneiro desde O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario