domingo, 29 de marzo de 2020

Os casos asintomáticos de coronavirus revolucionan os protocolos de uso de máscaras

Especialistas en Medicina Preventiva consultadas por Nós Diario apostan porque as profesionais sanitarias leven máscaras no contacto con todas as pacientes.

Máscara FFP.

ANA G. LISTE

Ninguén volverá preguntar o significado da palabra distopía nin o que é unha máscara FFP2 despois desta crise sanitaria provocada pola expansión dun novo coronavirus que provoca esta enfermidade que deron en denominar COVID-19; outra palabra que tampouco esquecerán as que viviron este estado de alarma. 
Estes días fálase de equipos de protección individual (EPI) como se foran unha sorte de escudos nunha batalla contra o descoñecido. Deixando a un lado a terminoloxía belicista, este coronavirus, procedente dunha familia de virus semellante á do VIH, está a revolucionar a eficiencia científica. En menos de seis meses xa se saben máis cousas deste coronavirus que do que se soubo en anos sobre o VIH, así o contan os epidemiólogos, tan desbordados estes días. 
Sabemos que este coronavirus se transmite a través das pinguiñas da saliva que emitimos ao falar e que son capaces de chegar ás mucosas das persoas que temos perto. De aí a recomendación de gardar dous metros de “distancia de seguridade” entre nós. Desta maneira tamén se contaxian a gripe e mais a meninxite
O coronavirus vai en “grupos goticulares de máis de cinco micras”, é dicir, que por moito que sexa minúsculo ten unha dimensión considerábel e ten pouco alcance: non chega máis alá de metro e medio, segundo sinalan as especialistas en Medicina Preventiva. Polo seu peso, xa que vai con moita saliva, estas gotículas caen ao chan e non fican no aire como sucede no caso da tuberculose e da varíola. 
O paradigma que manexan as expertas en Epidemioloxía até o momento defende que as profesionais sanitarias non deben empregar máscaras todo o día no traballo. Con todo, as epidemiólogas consultadas por Nós Diario recoñecen que os casos de persoas con COVID-19 pero sen síntomas están a cuestionar este paradigma porque a situación actual chama a protexerse de maneira preventiva con cada paciente que se atenda a menos de dous metros. 

Guía galega sobre as máscaras de protección

O grupo de traballo de protección respiratoria da Sociedade Galega de Medicina Preventiva (Sogamp) ten publicado unha guía para o Uso das máscaras cirúrxicas e das máscaras FFP nas precaucións de illamento nos centros sanitarios no que se dan instrucións claras sobre cando empregar cada modelo de máscara. 
As cirúrxicas, as máis sinxelas, pensadas para protexer ao paciente da profesional sanitaria, contan cunha barreira externa na que se quedan as gotas proxectadas. Deberían ser dun só uso, mais nestes días iso é imposíbel polo aumento da demanda e a escaseza de material
As FFP (Filtering Face Piece), de nivel un, dous ou tres, son as que levan un filtro maior e poden contar cunha válvula de exhalación que as fai máis cómodas. As FFP2 son idóneas para o coronavirus porque “reteñen o 97% das gotiñas menores de cinco micras”, segundo explica un especialista a Nós Diario. Este modelo funciona correctamente até que se humedece e se deteriora o material. 
Esta guía realizada por expertas galegas en 2015 viña actualizar os protocolos após o aprendido co brote da Severe Acute Respiratory Syndrome (a enfermidade coñecida como SARS), que comezou en Vietnam e se extendeu por varios países do sudeste asiático, Europa e América do norte, e provocou que os protocolos de uso de máscaras protectoras no eido sanitario foran sometidos a axustes. O mesmo que pode pasar agora. 
Trátase dun traballo asinado por Francisco L. Vázquez-Vizoso, que foi xefe de Medicina Preventiva no Hospital Montecelo en Pontevedra e actualmente é o responsábel deste servizo no hospital vigués de Fátima; Víctor del Campo, xefe do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalar Universitario de Vigo (Chuvi); María Xesús García, facultativa do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalar de Pontevedra; e Luisa Abraia, profesional do servizo de Medicina Preventiva do Hospital de Monforte.
Nesta guía deféndese o emprego de máscaras cirúrxicas en todo procedemento que non xere aerosois, é dicir, en todo momento salvo nunha “intubación endotraqueal”, nunha “ventilación manual previa a unha intubación”, nunha “ventilación non invasora” e durante unha “traqueotomía”. É nestes casos nos que recomendan ás profesionais o uso de máscaras FFP2. Así mesmo, en “alertas epidemiolóxicas emerxentes” refiren o uso de protección FFP2 ou FFP3, se é posíbel. 

Estudos e prediccións na ciencia

Nada se pode afirmar con rotundidade nestes días porque non hai experiencia científica, así o defenden as profesionais consultadas por Nós Diario. O Ministerio de Sanidade recoñeceu que entre un 1% e un 2% das pacientes con coronavirus poden transmitilo nos últimos días do período de incubación, que ascende a 15 días. 
Pero unha cousa é a evidencia científica e outra as previsións do que pode pasar. Artigos publicados estes días en revistas científicas de relevancia internacional, baseados en modelos matemáticos, manifestan que até un 45% dos casos da COVID-19 pode deberse a transmisións de persoas que non demostraron síntomas. Pero non hai evidencia, aínda, de que isto vaia ser así. 
Neste momento, as especialistas en Medicina Preventiva consultadas por Nós Diario apostan por manter a distancia de seguridade, que as profesionais sanitarias reserven as máscaras FFP para procesos xeradores de aerosois e defenden que no resto de circunstancias serven as máscaras cirúrxicas. Ademais, engaden unha recomendación para o persoal sanitario: levar a máscara posta sempre que se acheguen a alguén. Sempre tendo en conta que as máscaras son un elemento que hai que tratar con coidado para que non se convirtan no foco da infección debido a un mal uso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario