Sucédense as enquisas. Mentres diversos grupos de comunicación continúan facendo públicas as súas sondaxes de cara ás eleccións de 5 de abril, as forzas políticas definen as súas tácticas cun ollo posto nos seus estudos de opinión internos. Segundo algún destes, ao Partido Popular comezan a fallarlle as contas.
Alberto Núñez Feixoo (Arxina).
XACOBE FERREIRO
O PP observa con preocupación as súas propias enquisas internas. A dirección galega da formación entrou en pánico a pasada semana cando recibiu os datos de dúas enquisas encargadas ás súas empresas de sondaxe de cabeceira, onde se apartaba da maioría absoluta. Segundo puido saber Nós Diario, unha delas situaba as populares nos 36 escanos, con significadas baixadas nas circunscricións de Pontevedra e A Coruña. A outra, sinalaba que tres das súas parlamentarias correspondíanse cos últimos postos a repartir en Pontevedra, A Coruña e Lugo.
O nerviosismo é obvio na equipa de campaña da formación. Se as enquisas internas de febreiro indicaban que catro escanos populares procedían dos restos das respectivas circunscricións, estas últimas situaban o PP ao redor de 43% do sufraxio, moi por baixo de 46% ou 47% que lle outorgaban na última semana de xaneiro. Os números ofrecidos nestes traballos internos das populares gardaban similitude con outras sondaxes coñecidas nos últimos días, onde a súa porcentaxe de intención de voto minguaba de xeito acusado.
As enquisas internas das populares certifican a vontade de cambio entre o electorado galego
As enquisas internas das populares certifican a vontade de cambio entre o electorado galego. Segundo unha destas mostras, realizada por unha recoñecida compañía madrileña cunha longa traxectoria de colaboración co partido, máis de 65% das consultadas apostaban por unha mudanza de goberno na Galiza. A porcentaxe manexada polo PP non presenta grandes diverxencias cos números doutras sondaxes internas do PSOE e do BNG situando, o desta última, a vontade de cambio en preto de 70%. Precisamente, a táctica de campaña na Galiza do partido de Pablo Casado pasa por evitar que unha parte deste sector do electorado non acuda finalmente a votar.
O PP traballa en fomentar a abstención e concentrar o sufraxio de todo o espectro da dereita nas súas candidaturas. Así, en relación co primeiro dos obxectivos, as dirixentes da formación centran o seu discurso en dar por feita unha maioría popular, co fin de desmobilizar o electorado da esquerda e do nacionalismo, convencidas, tal e como sinalan as súas enquisas internas, que cunha participación superior a 68% resúltalles practicamente imposíbel reter o Goberno galego. Noutra liña insisten na imposibilidade de que Ciudadanos e Vox acaden representación na Galiza, na perspectiva de favorecer o re-agrupamento da dereita baixo as súas siglas.
Radiografía das sondaxes
As enquisas publicadas após as eleccións de 10 de novembro marcan unhas tendencias claras. Mentres o PP se mantén practicamente plano en todas as sondaxes elaboradas antes do 20 de febreiro, cunhas porcentaxes situadas entre 46% e 47%, esa inclinación comeza a inverterse até situarse en 43% nos últimos días. A este respecto, o presidente de GAD3 e sociólogo de referencia do PP, Narciso Michavila, non dubida en recoñecer as dificultades de Feixoo para manter a maioría absoluta. Fica por saber até onde chegará a baixada das populares.A outra póla da dereita, neste caso Vox e Ciudadanos, presén-tase con expectativas diverxentes.
A negativa do PPdeG a unha coalición con Ciudadanos empuxa a formación laranxa aos comicios, cunhas enquisas moi desfavorábeis. Pola súa banda, as perspectivas de Vox son máis elevadas, até o punto de outorgarlle algunha sondaxe representación pola Coruña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario