luns, 23 de marzo de 2020

8º día

8º día de illamento
De ti no sei case que nada. Pero tampouco necesito das aparencias para supoñer que non estás pasando por unha boa racha, que eses corpos que todo resistiron responden á infección con números de estatísticas e que a dor é unha potra de mal gusto.
Confinados na casa. A xente comeza a tuitear como se levara recluída máis anos que Julian Assange e Nelson Mandela xuntos, fíos infinitos con tódolos libros que lerán e tódalas series que verán durante estes 15 días (agora 30) de peche, mentres alexa ou spotify repasan sons de apareamento, soños ou recordos... a min xa non me da a vida nin as ganas para facer maratóns. E non pasa nada. É así. Forma parte dun momento vital... a ducha antes das 12 convertese nun feito épico, e o pixama comeza a ser uniforme de elegancia...
Xa lín "La Peste" (Camus) e vin "Contagio" (Steven Soderbergh)..., nas creacións recentes fálannos da globalización e as tecnoloxías que permiten que medo e virus se propaguen polo planeta dun modo fulminante, así mesmo as ameazas de capital especulativo, as fake news, os emigrantes, os alimentos tóxicos, as sustancias contaminantes ou a promiscuidade entre humanos e animais...
...ao balcón! porque mellor non achegarse nin á televisión nin ás redes... están infectadas de maneira grave... os chinos, dándonos unha lección de solidariedade, compromiso, xenerosidade e eficacia médica e investigadora postas en dúbida fai uns días. Os americanos nin están nin se esperan xa mandaron suficientemente leite en po e queixo amarelo fai décadas. Mentres nós seguemos orgullosos de facer as probas dende os nosos coches...
Non isto non é unha guerra, nin libramos ningunha batalla. Afrontamos unha crisis sanitaria. Ao mellor, os gobernos terían que empezar a considerar a conveniencia de armar un relato máis complexo. O ardor guerreiro é facilmente manipulable, non paga a pena manter un confinamento de semanas apelando unicamente ós sentimentos máis primarios. Non seria mala idea comezar tratar á cidadanía como adultos en lugar de chamar á guerra, resultaría máis sostible convocar á solidariedade, ó esforzo, ó sacrificio, a humanidade...
A natura non entende de epidemias, ós brotes de primavera sorpréndense da chegada da UME e a preparación para a semente da pataca mantense coma se tal.
Este virus, non distingue entre pobres e ricos, entre homes de Estado e cidadáns de a pe. Coas esperanzas nunha pronta solución, o primeiro que debemos aceptar é que esta ameaza está aquí para quedarse. Incluso retrocedendo, reaparecerá baixo novas formas, pode que aínda máis perigosas.
Aproveito este confinamento vírico máis longo do que auguraba para facer unha reflexión seria sobre coidados fora dos hospitais, a forza, a calma, a alegría e a resistencia cotiá, sobre das persoas que a exercen habitualmente (nais, aboas, traballadoras de fogar, limpadoras, camareiras, caixeiras, coidadoras de persoas dependentes...), alguén dicía "no amor e na rabia, debemos pensar nun planeta habitable".
Escotar os paxaros neste momento de exhibición e cortexo arráncame soidades...

Ningún comentario:

Publicar un comentario