venres, 20 de marzo de 2020

O son das potas retruca o discurso do rei dende fiestras e balcóns

Durante o discurso do xefe do Estado houbo mostras de desacordo dende as fiestras CC-BY-NC-SA Praza Pública


O pasado domingo, en plena declaración do estado de alarma polo coronavirus, a Casa Real emitía un inédito comunicado no que o actual xefe do Estado, o rei Felipe VI, aseguraba estar disposto a renunciar á herdanza do seu pai, o anterior rei e avanzaba, ademais, a retirada da asignación de fondos públicos a Juan Carlos de Borbón. Facíao no mesmo documento no que admitía que, cando menos de hai un ano, sabía dos 100 millóns de euros presuntamente recibidos polo seu proxenitor de Arabia Saudita e depositados nunha fundación na que el mesmo, Felipe de Borbón, figuraba como beneficiario -tal e como publicaron medios como o británico The Telegraph-.
O discurso do monarca sobre o coronavirus chegou tras o inédito comunicado sobre a herdanza do seu pai e os fondos de Arabia Saudita
Este comunicado daba resposta á pregunta que, en diversos ambientes políticos e mediáticos -pero tamén entre sectores da cidadanía-, se refería ao silencio do monarca a respecto da pandemia. Máis aínda despois da súa última e soada intervención á marxe das mensaxes de Nadal: o durísimo discurso contra o independentismo catalán apenas corenta e oito horas despois do referendo do 1 de outubro do 2017.
Con este pano de fondo, dende que a Casa Real anunciou que Felipe de Borbón ofrecería un discurso este mércores, 18 de marzo, espalláronse polas redes sociais e os teléfonos móbiles de milleiros de persoas a convocatoria dunha cazolada para, cadrando con esa intervención, protestar contra o rei. Xa fose para reclamarlle que os controvertidos fondos de Arabia Saudita vaian para a sanidade pública ou tamén para reivindicar a república, o dereito de autodeterminación ou, sinxelamente, expresar indignación cara á súa persoa.

Todos estes sentimentos confluíron en balcóns e fiestras de múltiples barrios por todo o Estado. Tamén en Galicia. Unha hora despois do aplauso que xa está a tornar tradicional durante o confinamento para recoñecer o traballo do persoal que está a loitar contra a pandemia dende múltiplas frontes, o que bateron foron as potas. As redes foron testemuño da expansión da protesta, dende barrios que tradicionalmente votan maioritariamente pola esquerda ata en rúas tradicionalmente máis tendentes á dereita.
No que atinxe estritamente ao discurso, o rei obviou o caso dos cartos de Arabia Saudita e limitou a súa alocución a apelacións máis ou menos xenéricas á unidade na loita contra o coronavirus. "Agora temos que resistir, que aguantar e temos que adaptar os nosos modos de vida e os nosos comportamentos ás indicacións das nosas autoridades e ás recomendacións dos nosos expertos para gañarlle ao virus. Todos debemos contribuír a ese esforzo colectivo coas nosas actitudes e as nosas accións, por pequenas que sexan", dixo nunha breve intervención. A intervención completa pódese ver aquí.



Ningún comentario:

Publicar un comentario