venres, 27 de marzo de 2020

12º día

12 día de confinamento
Vimos dicindo que temos a mellor sanidade publica do mundo. Non amigos, baixemos da nube. Tiñamos a mellor sanidade publica fai 10 ou 15 anos. Pero agora está descapitalizada. Hoxe os medios están informando de nosos pobres datos estatísticos en persoal sanitario, materiais e tecnoloxía, cun grave descenso de camas e longas listas de agarda, especialmente na Galiza.
Temos os mellores sanitarios pero non a mellor sanidade do mundo. Cando remate todo isto haberá que darlle unha volta a todo e desprivatizar moito. E non falo das residencias de anciáns. Que podería. Eu mesmo antes de xubilarme comecei a sufrir estes efectos. O noso gran hospital comezou a reducir camas no verán, a non cubrir prazas, e desprazar médicos duns centros a outros coa coartada de unha mellor calidade de asistencia para os pacientes, a reconverter espazos para outros usos non sanitarios...
Coa rebaixa nos presupostos, e a eliminación das xerencias de AP. Coa Lei de Saúde onde as Áreas Sanitarias pasaron de once a sete, onde a xestión pasou a depender dos centros de referencia os hospitais comarcais perderon capacidade favorecendo actuacións como o recente intento de peche do paridoiro do hospital de Verín...
Resultado, que os médicos de garda teñen que derivar diariamente decenas de enfermos (e non exaxero) aos hospitais de referencia ou á colaboración público-privada.
Ao mesmo tempo, suspendíanse os quirófanos da tarde, que aliviaban as listas de agarda e chamase ós enfermos dende a administración para ofrecerlles mellores datas de consulta ou quirófano en clínicas concertadas neses novos hospitais de escura privacidade. Todo isto aliñado cunha importante conxelación ou recorte de salarios e un forte incremento de contratos temporais.
Decisións, claramente políticas, de lectura moi clara: entrega do Hospital Álvaro Cunqueiro á xestión privada (concesión por vinte anos) á continuidade do concerto co Hospital Povisa (prorrogado por dez anos) fai que a atención hospitalaria estea controlada por intereses privados. Este goberno aposta por grandes hospitais de alta tecnoloxía -onde hai espazos abertos ós negocios- e deixa de lado a atención próxima ás persoas. O dereito á atención sanitaria queda anulada e a saúde convertese nunha mercancía.
Neste contexto prodúcese a pandemia. Comezan as acusacións sobre ós supostos erros do Goberno Central dende certos ámbitos políticos sen tan sequera facer autocrítica, non deixa de ser UN ACTO DE CINISMO INDECENTE I ESCANDALOSO
Houbo fallos do Goberno? Sen dubida, anque non eran as autonomías quen tiñan as competencias sanitarias?, as que decidían e ordenaban as compras... non eran os políticos de quenda os que decidían que era mellor facer unha rotonda xigante ou a festa das conchiñas antes que aumentar as plantillas de médicos e enfermeiras logo da derradeira crisis...
Esas mesmas autonomías gobernadas por partidos de distinto signo, tamén tiñan as competencias sobre as residencias de maiores, cuxa xestión en moitos casos foi posta en mans privadas, nun exercicio de altruísmo e filantropía. E agora esas mesmas comunidades escandalízanse polas mortes de anciáns..., non era a quen correspondía a inspección destes centros...
Cando a pandemia remate, España deberá abordar a década de falta de inversión en Sanidade... Tristeza infinita por un país con tanta xente mentírona adrede.
E agora un exercicio de corentena, cando entres do balcón, despois de aplaudir cada día as oito, contesta con sinceridade: Seguiremos votando por sentimentos ou emocións, ou valoraremos que programa ten cada partido político en relación á sanidade? Seguiremos tolerando como normal que o persoal sanitario teña, polo xeral, contratos lixo con unha precariedade que "lo flipas"? Seguiremos considerando á sanidade como un asunto dós políticos e os xestores ou interiorizaremos que tamén é nosa e hai que coidala?
E, por certo, cal é o "custo" social de non implantar unha renda básica?

Ningún comentario:

Publicar un comentario