luns, 30 de marzo de 2020

A carga viral e os seus perigos na transmisión ea gravidade da doenza Covid-19

A cantidade de SARS-CoV-2 á que chegamos a estar expostos garda relación coa gravidade dos síntomas e un peor prognóstico

A carga viral pode complicar o prognóstico da doenza.A carga viral pode complicar o prognóstico da doenza.

Sonia Villapol
https://www.gciencia.com/

Hai tres meses, ninguén sabía que o coronavirus existía. Hoxe o número de mortes pola enfermidade Covid-19 supera as 4.000 en España, segundo os últimos datos, e sen ter alcanzado o seu pico máximo de infectados. Nestes días aprendemos que a nova síndrome respiratoria aguda grave coronavirus 2 (SARS-CoV-2) era máis grave ca unha simple gripe estacional, e que o 86% das persoas infectadas non presentaban síntomas ou ben non foron contabilizadas durante as primeiras semanas de propagación en Wuhan. Polo tanto sabemos da rápida transmisión do coronavirus, o que parece un dos maiores problemas que nos dificultan controlar esta pandemia. 
Aínda hai demasiadas preguntas sen resposta, mentres que o coronavirus xa sobrevoa países cun veo negro que agocha moitas incógnitas e deixa á comunidade científica sen resposta en moitos casos, pero tamén máis alerta e activa que nunca. A Covid-19 pode ter graves consecuencias sobre grupos considerados vulnerables, pero non só, causando mortes en persoas novas e saudables antes de que foran infectadas.
“Sabemos que a carga viral do SARS-CoV-2 nun organismo está relacionada coa gravidade da Covid-19″
O persoal sanitario, transportistas ou traballadores que atenden ao público nos supermercados, por exemplo, poden ter certo risco de infectarse seriamente se as medidas de protección e prevención non están o suficientemente reforzadas. Un exemplo son os profesionais sanitarios que se atopan en contacto diario con pacientes con coronavirus, e que ás veces presentan un cadro clínico grave ou incluso perden a vida en cuestión de días. Isto é algo que está a desconcertar moito á sociedade. O problema esténdese á unión de traballadores esenciais que están en contacto con infectados, sintomáticos ou non, durante o período de corentena. O mesmo ocorre cando a xente vai mercar aos supermercados que, aínda que é seguro, precisan estimar precaucións, manter case dous metros de distancia con outras persoas, ir cando hai menos xente ou levar luvas ou máscaras.

Por que é tan necesario un cribado viral masivo? 

Comezouse a discutir a importancia da carga viral, o concepto que utilizamos para cuantificar o grao de infección polo virus que se mide estimando a cantidade de partículas virais nos fluídos corporais, por exemplo, no sangue ou no cuspe. O que sabemos é que a carga do coronavirus está relacionada coa gravidade da Covid-19. As persoas cos síntomas graves para a Covid-19, tenden a ter unha carga viral elevada e un longo período de recuperación. Aínda non hai datos concluíntes que determinen unha correlación entre a carga viral respiratoria e as respostas de anticorpos séricos de pacientes infectados co novo coronavirus. Un novo estudo publicado pola revista The Lancet esta semana afirma que a elevada carga viral do SARS-CoV-2 pode agravar a enfermidade e incluso cando os pacientes presentan síntomas leves. Non se atoparon diferencias na carga viral das persoas infectadas que presentaban síntomas ou non. Polo tanto máis claro que antes, o virus esténdese rapidamente entre os infectados sen síntomas. Unha vez máis, resaltase a importancia dun control rigoroso da infección e o uso precoz no desenvolvemento da enfermidade de potentes axentes antivirais, só ou en combinación, para as persoas de alto risco. O ensaio serolóxico pode complementar as probas RT-qPCR para o diagnóstico e sería moi recomendable para evitar falsos positivos.
exposición repetida a doses baixas de virus demostrou ser tan infecciosa coma unha única dose alta. Por iso, en xeral, é crucial limitar todas as posibles exposicións ao coronavirus, ben sexa para individuos altamente sintomáticos que emiten grandes cantidades de virus, ou ben para individuos asintomáticos que verten pequenas cantidades. O mesmo acontece se non temos síntomas, debemos observar medidas estritas de confinamento para limitar as nosas posibilidades de infectar aos demais.
Se a cantidade de coronavirus no sangue na primeira infección está directamente relacionada coa gravidade da enfermidade que se padecerá tal e como indica o estudo de The Lancet, é mellor reducir o risco de exposición. Se estamos rodeados de moitas persoas infectadas aínda que non teñan síntomas, podemos respirar pingas respiratorias que nos poden infectar. Isto significará que a carga viral vai subir ata alcanzar niveis tan altos coma para desbordar o seu sistema inmunitario e agravar a enfermidade. Porén, se convivimos cunha persoa infectada en proceso de recuperación, pode que recibamos unha baixa carga viral e o noso sistema inmune poderá soportala se non temos unha patoloxía previa que a complique. De aí a importancia de contar cun sistema inmunitario fortalecido para que o noso corpo poida combater calquera infección.

Entón, como se pode limitar a carga viral? 

O perfil de carga viral é importante para deseñar un tratamento antiviral axeitado. O estudo de The Lancet di que unha tripla combinación de antivirais podería mellorar o resultado clínico, diminuíndo a carga viral e a aparición de virus resistentes. O problema é que estes tratamentos están en fases experimentais. A Covid-19 está a ser tratada en ensaios clínicos con interferón, hidroxicloroquina, azitromicina, lopinavir-ritonavir, favipiravir, remdesivir, ribavirina, plasma convalescente, esteroides e tocilizumab, segundo o cadro clínico, pero aínda que non temos estudos comparativos e concluíntes que demostren a seguridade e eficacia dun deles ou a combinación de varios.
Outra medida para evitar riscos, é a aplicación de procedementos para manter os profesionais sanitarios ou ás persoas de traballan servicios esenciais, con perigos reducidos para ser infectados. Nalgúns hospitais estadounidenses acaban de incorporar un equipo moi económico. Trátase dunha caixa acrílica cun deseño sinxelo pero eficaz que protexe aos médicos dos aerosois e das gotas respiratorias do paciente e pódese desinfectar rapidamente. Este equipo pode ser útil nos sistemas sanitarios que están sobrecargados ou presentan unha escaseza de máscaras. Esta caixa pode adaptarse ás necesidades individuais do médico e foi deseñada polo doutor Hsien-Yung Lai en Taiwán. Ademais os equipos de protección persoal con altas medidas de seguridade son fundamentais, incluída a cuberta da cabeza para evitar o contacto aéreo ou co virus coronavirus, ou sistemas respiratorios incorporados no traxe, tal e como recomenda o Centro de Control e Prevención de Enfermidades (CDC) .
Cada día chegan máis datos para entender mellor esta enfermidade e tamén como se transmite. Os profesionais sanitarios deben protexerse e ser avaliados constantemente para determinar o grao de carga viral no caso de estar infectados, e tratarse o antes posible cos antivirais dispoñibles. Son necesarios máis estudos virolóxicos e inmunolóxicos para comprender a infección por SARS-CoV-2, así como máis datos sobre a rápida evolución epidemiolóxica da Covid-19. Cómpre facer un esforzo loxístico inmenso e urxente para producir en masa equipos médicos, ventiladores, probas nasofarínxicas e equipos de protección do persoal sanitario. Parece que sen a vacina e outros tratamentos eficaces e seguros aínda sen aprobar, protexerse sería outro xeito de salvar vidas. Facer probas, probas e máis probas, con ou sen síntomas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario