mércores, 4 de marzo de 2020

Outra ocorrencia de Feijóo para seguir desmantelando o sistema sanitario en Galicia

Centro de saúde baleiro en Vigo durante unha folga da Atención Primaria © Primaria Digna

A Xunta anuncia que "humanizará" centros de saúde con madeira e persoal insta a facelo con máis profesionais


Xosé Mª Dios Diz

O día 20 de febreiro do 2020, pasará a historia como o maior despropósito feito por Feijóo en moitos anos. Sabíamos que o seu fin é o desmantelamento da sanidade pública en Galicia, pero o do día 20 linda co esperpento: “A Xunta impulsa a utilización da madeira para acondicionar consultas e salas de espera dos centros de saúde públicos (humanización)". A Consellaría de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, colabora co Servizo Galego de Saúde na realización destas actuacións, que se desenvolverán preferentemente nos espazos de pediatría de atención primaria. Búscase así favorecer o benestar dos e das usuarias ao tempo que se promove a utilización deste material autóctono e sustentable. Trátase de conseguir, en definitiva, que a madeira e os produtos forestais actúen como o elemento central de impulso á bioeconomía”. 
É impresentable gastar os cartos neste tipo de temas e non usalos en poñer persoal que de verdade humanice as consultas
Lin o de "humanización" e pareceume impresentable. Penso que gastar os cartos neste tipo de temas e non usalos en poñer persoal que de verdade humanice as consultas, tanto de pediatría como de enfermería, odontoloxía ou outros, é infumable. 
As diferentes asociacións científicas e profesionais, colexios ou sindicatos estamos nunha negociación co Sergas (na que están implicadas 206 persoas) para mellorar a Atención Primaria e conseguir un novo modelo. Son quince comisión sectoriais de traballo, no Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia, que traballaron arreo para elaborar unhas conclusións que o Sergas trata de diluír e non poñer en práctica. Cando comenzamos os traballos, o primeiro que lle dixemos todos e todas é que o que fai falta é persoal que poida substituír profesionais sobrecargados e con exceso de traballo pola non reposición de compañeiros cando faltan ao traballo. 
O de facer máis con menos persoal é imposible e trae consecuencias: aumento da comorbilidade e da mortalidade de persoas debido aos recortes efectuados polo PP e o señor Feijóo. 
Gastaron 17,5 millóns de euros en impresoras novas que non se necesitaban e que ninguén pedíu (ou si, pero non eran máis importantes que o persoal); gastaron 3,5 millóns de euros en sillóns para os profesionais que non se necesitaban (ou si) e ninguén pediu; gastaron 40 millóns de euros en cambiar as fiestras do edificio de San Caetano da Xunta... E non teñen cartos para humanizar os centros de saúde con persoal, algo que todos e todas pedimos dende hai moitos anos e do que nunca se nos fixo caso. 
É unha verdadeira pena que os xestores do sistema sanitario público en Galicia teñan tan pouca humanidade coas necesidades reais dos cidadáns e cidadás
Este persoal podería facer atención continuada, que non se bloqueasen as axendas,  lograr que non te atenda hoxe un profesional e mañá outro ouque non se contrate en precario aos substitutos (que por iso marchan a outros lugares onde os traten con dignidade e de acordo ao seu nivel de especialización). Se humanizar un centro de saúde, supón poñer madeira nos espazos de Pediatría (xa van comenzar e con orzamento propio para isto) a pregunta que nos facemos é a quen llelo compran? Inebitablemente será a algún amiguiño do PP. E outra pregunta importante: por que a Consellaría de Sanidade e o señor Feijóo non lle fan caso aos profesionais que están traballando no novo modelo de Atención Primaria? A que se quere beneficiar coa deterioración do sistema?
É unha verdadeira pena que os xestores do sistema sanitario público en Galicia teñan tan pouca humanidade coas necesidades reais dos cidadáns e cidadás. A sanidade pública en Galicia, un ben tan prezado e que tanto custou conseguir, non pode ser demolida por uns xestores que pensan en todo menos na cidadanía. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario