luns, 30 de marzo de 2020

Clientes de prostitución seguen a demandar servizos pese ao confinamento polo coronavirus


Anuncios de prostitución nun xornal CC-BY-SA eldiario.es


Os homes clientes da prostitución seguen a demandar servizos pese ao confinamento e as recomendacións de manter a distancia entre persoas para conter o coronavirus. As mulleres que a exercen senten unha presión para atender a algúns deles pola súa falta de recursos económicos, expoñen varias asociacións que traballan en Galicia.
Vagalume, en Santiago, constata que segue a haber demanda de servizos sexuais. A súa coordinadora técnica, Lourdes Pazo, indica que, segundo a información que reciben, os clubs están pechados, pero segue habendo actividade "en moitos dos pisos". A resistencia dalgúns clientes a utilizar medidas de protección coma o preservativo é un problema cotián, ao que agora se lle suma a posibilidade de contaxio da covid-19, sinala.
Os clubes están pechados, pero nalgúns dos pisos mantense a actividade e algúns homes reclaman que sexan elas as que se despracen á súa vivenda
A presidenta de Faraxa, Ana María García Costas, afirma que as mulleres teñen medo ante esta situación, pero a "necesidade" empuxa a algunhas delas a aceptar. Os clientes piden en moitos casos, ademais, que sexan elas as que se despracen ata a súa vivenda, co que se expoñen a ser multadas por estar na rúa sen xustificación
"Segue a haber moito anuncio e moito contacto nos webs", agrega Carlos Villar, avogado de Ecos do Sur, que avisa de que, co paso dos días, "é moitísimo máis probable" que "perdan o medo a atender a demanda dos homes" porque "moitas viven ao día e poden ter tamén a presión dos tratantes para pagar a débeda", no caso de que sexan vítimas de trata e explotación.
CC-BY-SA Samuel Tristán
As ONG están detectando necesidades de alimentos e de coberturas básicas, como o alugueiro, entre as mulleres que se atopan en situación de prostitución. Moitas das que exercen nos clubs estanse quedando nas propias instalacións e, nalgún caso, proporciónanlles alimentación. Porén, "falta de ingresos teñen todas", explica García Costas.
Están preocupadas por se a situación se prolonga porque é habitual que teñan cargas familiares
Unha traballadora da asociación Faraxa, que prefire non dar o seu nome, sinala que, entre as que exercen e viven en pisos, moitas permanecen nas mesmas vivendas, pero en Vigo teñen constancia de cinco ás que lles dixeron que as tiñan que abandonar e víronse obrigadas a desprazarse a outras zonas de España ou a recorrer a algunha amizade. En caso de non atopar onde ir, aclara, teñen a posibilidade de usar as instalacións para persoas sen fogar, pero polo momento ningunha das mulleres coas que falan o fixo.
Están, engade, preocupadas polo tempo que poida durar esta situación de confinamento e a perda de ingresos porque moitas delas teñen cargas familiares e envían cartos ao seu país de orixe. Na actualidade, a maioría das que están en Galicia proceden de América Latina.
Outro dos aspectos ao que lle prestan atención as asociacións é o psicolóxico. "A moitas éntralles ansiedade, algunhas non poden durmir", relata a traballadora de Faraxa. O teléfono, di, "non cala" e na asociación continúan atendendo tamén consultas xurídicas ou relacionadas co día a día no confinamento.
Moitas delas teñen ansiedade ante esta situación e comezan a precisar apoio psicolóxico
Tamén en Vagalume poñen o foco no apoio psicolóxico, que moitas están xa pedindo. O programa está proporcionando alimentos que lles subministrou Cáritas, unha das organizacións da que depende. Citan ás mulleres que o precisan de forma individual para respectar as medidas de seguridade. Tamén están a dar algunha axuda económica "para que pasen o mes". 
CC-BY-SA Hetaira
Os problemas, opina Lourdes Pazo, van aparecer cando as cousas volvan á normalidade. "Vai haber moitas que seguramente se están endebedando, nos pisos e nos clubs, por enriba da débeda que xa teñen. Os proxenetas, na maioría dos casos, non lles van perdoar a débeda, vanlla aumentar, e iso vai xerar moita máis ansiedade".
As asociacións temen que a súa estancia nos clubes e nos pisos con ningún ou poucos ingresos provoque un aumento da débeda das que son explotadas
A pobreza, engade, "é un dos motivos principais da prostitución", e esta vai unida "ao estigma". "Non se pregunta por que eles (os clientes) seguen indo, senón se elas o están facendo. Se a demanda existe, as mulleres están aí porque a pobreza tamén existe", expón e destaca que en época de crise "xorde unha prostitución aínda máis excluínte e pobre, de supervivencia". Ademais, lamenta que "á grande maioría da xente non lle preocupa onde están esas mulleres" e son "un colectivo invisible".
Pola súa banda, Carlos Villar destaca que os pisos "están moi invisibilizados" e "é complicado" que as forzas de seguridade entren nos mesmos. Cando hai trata sexual, reflexiona, "o confinamento moitas veces é todo o ano". Nas circunstancias actuais, permanecen en contacto coas mulleres por vía telefónica. Notan xa que "hai moita ansiedade, nerviosismo e preocupación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario