luns, 18 de abril de 2016

Un ano de protestas no Hospital Álvaro Cunqueiro

A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (III)*
Pablo Vaamonde
http://praza.gal/
O final de ano de 2015 resultou certamente convulso para a sanidade de Vigo. O novo hospital comeza a funcionar con múltiples deficiencias e cunha enorme desorganización que preocupa a cidadáns e profesionais.  O novo conselleiro –Vázquez Almuiña, exalcalde de Baiona-, estréase con dúas manifestacións –en Vigo e Pontevedra- en 48 horas. Na mobilización de Vigo os convocantes expresan as súas críticas ao modelo de xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), esixen o seu rescate para dominio público e reclaman que as instalacións sanitarias abandonadas sigan tendo un uso público para servizos sanitarios.

Durante semanas houbo continuadas protestas organizadas polos celadores do centro, por ver como as súas funcións eran adxudicadas a persoal externo contratado por unha ETT. Os 500 celadores do Chuvi foron relegados pola concesionaria a un papel residual, entregando o seu labor a traballadores externos. A confirmación deste situación chegoulles por un comunicado interno no que non figuraba a sinatura de ningún xefe de servizo nin responsable oficial. O escrito, con membrete da Xunta e da Xerencia, deixáballes claro que as súas tarefas eran reducidas ao mínimo –traslado de pacientes-: todas as demais funcións eran externalizadas.
O colectivo de matronas do HAC tamén expresou publicamente a preocupación polas súas condicións de traballo. Nunha rolda de prensa denunciaron que a falta de persoal pode provocar situacións de risco para as xestantes e os recen nados. Entenden que a condicións nas que as obrigan a traballar están en contra de todas as recomendacións estatais e internacionais. “Temos medo de ver o que nos imos atopar ao chegar ao traballo; calquera día pode pasar algo moi grave”, aseguraban.
Remata o ano e multiplícanse as protestas. Os doentes quéixanse polo colapso nas urxencias, onde teñen que esperan máis de sete horas para recibir atención. Ao desorde no funcionamento súmase a deficiencia das infraestruturas e o déficit de profesionais que teñen que asumir unhas cargas de traballo inabordábeis. A Xunta de Persoal do HAC convoca un calendario de mobilizacións para denunciar a falta de recursos, que persisten en 2016.

Os médicos tamén continúan coas protestas no HAC e din que non queren ser “cómplices calados do desastre" do hospital vigués. Nunha rolda de prensa expresan o seu descontento xeral co funcionamento e afirman que o problema fundamental é o sistema concesional do centro sanitario, que estarán condenados a sufrir durante vinte anos. Tamén destacaron que os médicos se senten "maltratados" xa que a súa opinión non foi "valorada"en ningún momento. Os xefes de servizo tamén se rebelan e 28 dos 40 existentes asinan un escrito no que declaran a súa "perda de confianza no equipo directivo" e reclaman medidas para arranxar os problemas existentes e que se "cumpra cos compromisos adquiridos de mellora asistencial". Núñez Feijoo tomou nota da reprimenda e anunciou cambios.
Poucos días despois substitúe a todo o equipo directivo do HAC –dous meses despois do cese da conselleira-, pero mantén ao xerente, Félix Rubial, no seu posto. Este, nunha comparecencia pública, tenta presentar estes ceses como un proceso de “cambio natural e tranquilo”, necesario para dar un novo impulso. As forzas sindicais, pola contra, coinciden en que non se trata de cambiar persoas senón de aplicar políticas diferentes; recordan que quen manda en realidade no HAC é a empresa concesionaria e  insisten en que é preciso un cambio radical no modelo sanitario e recuperar o hospital para a sanidade pública.


* Le aquí a primeira parte. Le aquí a segunda parte

Ningún comentario:

Publicar un comentario