luns, 11 de abril de 2016

A primeira enquisa pública da precampaña pon a Feijóo á beira da maioría absoluta


Pleno do ParlamentoDavid Lombao 
http://praza.gal/

As diversas organizacións políticas galegas manexan internamente enquisas dende hai semanas, na súa práctica totalidade procedentes dunha única fonte. Estes inquéritos, segundo fontes consultadas por esta redacción, veñen situando o PP nun intervalo de entre 34 e 36 escanos con tendencia á alza dende que Alberto Núñez Feijóo anunciou a súa decisión de recuncar como candidato. Asemade, avanzan un panorama preelectoral no que a entrada de Ciudadadanos no Pazo do Hórreo lle permitiría aos conservadores soñar cun terceiro goberno. A primeira enquisa pública desta precampaña non só afonda nesa tendencia, senón que ademais ubica o PPdeG ao bordo da súa terceira maioría absoluta.
O xornal ABC publica este domingo un inquérito realizado pola consultora GAD3 entre o 4 e o 6 de abril, xusto despois de que Feijóo escenificase a súa repetición á fronte da candidatura do PP. Co actual presidente como único candidato coñecido a enquisa augura un panorama no que o PP retrocedería apenas dous puntos en estimación de voto a respecto dos resultados de 2012 que lle outorgarían un intervalo de entre 36 e 38 escanos, isto é, de 3 a 5 asentos menos que na actualidade pero suficientes, no mellor dos escenarios para os seus intereses, como para volver gobernar con maioría absoluta.
Feijóo podería aspirar, segundo o inquérito, a renovar goberno en solitario ou co apoio de Ciudadanos
Alén da evidente posición de vantaxe inicial que lle outorga aos populares galegos a expectativa dunha terceira maioría absoluta en plena crise económica e en pleno devalo xeral do PP, o estudo de GAD3 dálles tamén un motivo adicional para a esperanza. O partido de Albert Rivera entraría no Pazo do Hórreo con entre 2 e 3 escanos e arredor do 5% dos votos, segundo GAD3. Esta representación de Ciudadanos podería, eventualmente, facilitar a investidura de Feijóo se non lograse os 38 escanos necesarios para o nomeamento en solitario.
Mentres, sempre segundo os datos da enquisa, a banda esquerda reestruturaríase moi notablemente. Ao contrario do que as diversas forzas políticas din agardar en privado, esta proxección mantén o PSdeG como segunda forza política, tamén con apenas un punto menos que en 2012 e retrocedendo entre 1 e 3 escanos, ata un intervalo de 15 a 17. A continuación estaría o espazo de En Marea, con entre 14 e 16 escanos e medrando uns 4 puntos a respecto dos votos que recibiu AGE hai 4 anos. O BNG, pola súa banda, tería un retroceso de algo máis de tres puntos que o deixaría ao bordo da obtención de grupo parlamentario, con 4 ou 5 representantes.
A enquisa realizouse sen ter en conta que A Coruña gañará o escano perdido por Lugo a causa da mingua de poboación
Os propios autores da enquisa admiten, non obstante, unha cautela na súa distribución de escanos. Esta foi realizada "segundo a distribución de escanos por provincia en 2012", é dicir, sen ter en conta que a perda de poboación da provincia de Lugo vai provocar,como relatou Praza.gal, que elixa un escano menos, quedando con 14, mentres que A Coruña gaña un e chega a 25. Este trasvase, indica ABC, deixaría os de Albert Rivera fóra de Lugo e sumaría un escano a En Marea, que nese escenario estaría a piques de situarse como segunda forza, por diante do PSdeG.
Estas estimacións obtéñense nun escenario no que o único candidato confirmado á Presidencia -alén de Democracia Ourensana, que a enquisa obvia- é o propio Feijóo. Agás sorpresa a seguinte organización en confirmar a súa candidatura será o BNG, que vén de iniciar un proceso de elección que culminará o vindeiro día 30. Mentres, aínda é descoñecido cando se celebrarán as primarias para o PSdeG e quen concorrerá a elas, así como o proceso que finalmente seguirán as mareas para constituír a súa candidatura, elaborar o seu programa e elixir a persoa que as lidere nos comicios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario