venres, 8 de abril de 2016

O Congreso aproba a anulación da prórroga a ENCE solicitada por En Marea


http://enmarea.gal/
Ence_Pontevedra_Galiza
O Congreso dos Deputados aprobou esta tarde a anulación da concesión da prórroga de 60 anos a ENCE a iniciativa de En Marea. A Proposición Non de Lei foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos agás o PP, que votou en contra, e Ciudadanos, que se abstivo.
O portavoz da Comisión de Agricultura Antón Gómez-Reino, encargado de defender a iniciativa de En Marea, lamentou que “hoxe teñamos que defender aquí a anulación dunha prórroga concedida por un goberno en funcións que nin tivo a decencia de someter a ningún órgano desta cámara unha decisión de tal trascendencia. Non cabe a menor dúbida de que ENCE é unha factoría prexudicial tanto para o medio ambiente como para as persoas. Ademais, convertiu a Galicia no segundo produtor de eucalipto, só por detrás de Australia”. Gómez-Reino tamén se referiu ao consumo de auga da papeleira na comarca. “Só ENCE consome máis de 4 millóns de metros3, máis que toda a cidadanía da ría pero pagando menos do 10% do canon que lle correspondería. Ademais, Ence xa só constitúe o 1,1% do emprego total da cidade de Pontevedra e tampouco xera riqueza fiscal pois está domiciliada na Castellana de Madrid”, engadiu Gómez-Reino. “Estamos diante dun goberno en funcións que non executa medidas para deter os desafiuzamentos, para deter a pobreza enerxética ou consolidar o Estado español como lugar de acollida para refuxiados pero aproba, contra o criterio da maior parte da cidadanía galega, a prórroga dunha empresa privatizada, poboada de ex altos cargos do PP e que se destaca polo seu nivel de agresividade a un ecosistema”, sinalou o voceiro da Comisión de Agricultura.
Con motivo da defensa da Proposición Non de Lei, asistiron ao Congreso nesta xornada o portavoz da plataforma ENCE Fóra da Ría, Xulio Carmona, e mailo portavoz da Marea de Pontevedra, Luis Rei. Para Xulio Carmona “o Goberno en funcións no pode atrancar a comarca de Pontevedra durante 60 anos máis. Agora mesmo hai sensibilidades no Parlamento e pódese botar para atrás algo que nunca se debeu aprobar. Impediremos que os intereses privados e as portas xiratorias sexan os que impoñan este tipo de decisións”.
Tamén o portavoz da Marea de Pontevedra, Luis Rei se posicionou con vehemencia contra unha concesión que dá carta branca “a unha empresa condenada por delicto ecolóxico en 2002 que en 2013 recibe a boa nova de que o goberno de Mariano Rajoy fai unha contrarreforma da Lei de Costas que permite prorrogar a súa concesión. Pero non se fai con valentía durante o período electoral, senón con alevosía prorrogando durante 60 anos a condena perpetua a toda a comarca de Pontevedra. Entrégaselle a unha empresa que declara beneficiios de 50 millóns de euros en 2015 entre 2.500 e 3.000 millóns de euros en seis décadas, carretadas de diñeiro para unha empresa mentres se condena aos paisanos do presidente do goberno en funcións que mentres tanto fuma un puro… ou dous.”

Ningún comentario:

Publicar un comentario