“As comunidades de Groenlandia confían no xeo mariño para o transporte, a caza e a pesca. Os episodios extremos, como este no que o xeo fica inundado polo rápido derretemento da súa superficie, requiren unha maior capacidade predictiva no Ártico”. É o comentario difundido polo investigador Steffen Malskaer Olsen, do Instituto Meteorolóxico Danés, ao publicar unha imaxe tomada o pasado 13 de xuño a media tarde, no golfo de Inglefield, ao noroeste de Groenlandia. Unha zona que na maior parte do tempo está cuberta polo xeo, pero que tamén sufriu o impacto das altas temperaturas na illa ártica.
Nestes días próximos ao solsticio, con case 24 horas de luz solar, as investigacións realizadas por científicos que traballan no terreo revelan unhas cifras récord de desxeo en Groenlandia. Os datos que achega o National Snow and Ice Data Center (NSIDC) dos Estados Unidos, expoñen que a velocidade do desxeo neste mes de xuño é unha das máis rápidas rexistradas a estas alturas do ano.
Do mesmo xeito, calcúlase que á altura do 12 de xuño, un 45% da superficie do xeo de Groenlandia estaba derretida, tal e como se pode ver neste mapa, elaborado tamén polo NSIDC. Unha situación que parece vincularse ás elevadas temperatuas acadadas en gran parte da illa e á pouca neve caída nas últimas datas. Como exemplo, unha estación da axencia estadounidense NOAA superou por primeira vez os 0ºC desde xuño de 2012.
O reseñable deste desxeo, segundo expertos consultados por The Washington Post, como Jason Box, é a rapidez e a época na que se produce, xa que o derretemento non adoita acelerarse ata mediados do verán. Neste sentido, xa se está falando dunha perda “sen precedentes” do xeo mariño noutras zonas do ártico, como os mares de Chukchi e Beaufort, ao norte e oeste de Alaska:
Ningún comentario:
Publicar un comentario