Accións inesplicables como utilizar bases públicas para labores que deberan facerse en propiedades privadas. Helicópteros descartados pola súa perigosidade noutras zonas que destinan a Galicia. Procedementos que evitan publicidade para a contratación de aeronaves. Moitos puntos sobre un negocio arredor do lume. Galicia Confidencial analiza algúns deles.
- O escuro negocio dos helicópteros da Xunta, diñeiro público para empresas privadas
- Documento.- A Xunta reforza o dispositivo antiincendios con nove avións
- Empregados de helicópteros de salvamento e contraincendios protestan na Coruña contra os recortes
A Xunta de Galicia ten bases públicas que usan os helicópteros contraincendios da empresa Babcock durante a campaña contra o lume. Os aparatos terían que operar desde outras bases cando finaliza o contranto de tres meses. Aínda así, segundo escritos presentados polo grupo En Marea, Babcock ten usado bases públicas para labores de mantemento que debera facer noutros espazos contratados para ese uso.
Ademais diso, a contratación por parte da Xunta dos servizos da multinacional aeronáutica, foi obxecto de estudo por parte do Consello de Contas, sinalando esta institución o cambio e improvisación de criterios de puntuación das ofertas presentadas.
CONSELLO DE CONTAS
En 2014 o Consello de Contas de Galicia emitía o seu informe fiscalizador dos anos 2010-2011. O punto “III.2.2. Contratación de medios aéreos para la prestación de servicios contraincendios forestales y guardacostas de Galicia”, Contas apuntaba que Medio Rural “destaca pola utilización do procedemento negociado, fronte ao procedemento aberto, para adxudicar os contratos”. Durante o exercicio 2010 “o importe adxudicado polo procedemento negociado representou o 61% fronte o 39% adxudicado polo procedemento aberto, e no exercicio 2011 a 53% fronte ao 47%”.
O procedemento negociado e o procedemento negociado sen publicidade, utilizado por Medio Rural para a contratación de servizos, levaría á Lei de Contratos do Sector Público de 9/2017. Dentro desta lei, a Subsección 4.ª Procedementos con negociación, enumera os diferentes elementos que concorrerían para este tipo de contratacións. Con todo a mesma lei recolle no punto tres do artigo 166 que “Os procedementos con negociación poderanse utilizar nos casos enumerados nos artigos 167 e 168. Salvo que se dean as circunstancias excepcionais que recolle o artigo 168, os órganos de contratación deberán publicar un anuncio de licitación”.
Comparativamente, a relación de supostos que abre o 168 para negociar de maneira libre e sen publicidade son máis abundantes que os supostos engadidos no 167, aínda que os epígrafes alfabéticos no primeiro acaban en e) e no 167 en f), mais o 168 desenvolve máis puntos dentro de cada enumeración alfabética.
AVIÓNS E HELICÓPTEROS
En 2016 un accidente causa a morte de cartoce persoas no Mar do Norte, cando eran transportadas en helicópteros. A empresa Bond Offshore Helicopters era a operaria da aeronave. A compañía foi absorbida por Babcock con posterioridade. O modelo de helicóptero era o Super Puma, e a orixe do accidente foi o desprendemento da hélice durante o voo. A orixe foi un fallo no deseño das pezas do rotor, pois unha parte se fabricaba en Suecia e outra en Alemaña.
“Durante un ano e medio ese modelo de helicóptero estivo paralizado a nivel mundial. As empresas petroleiras mercaron outros aparatos e logo quixeron traer parte deses Super Puma para incendios en Galicia” din fontes sindicais consultadas por Galicia Confidencial. “Concretamente veu un para Toén onde estaba destinado un helicóptero Puma con 47 anos de actividade, máis tres anos de actividade e tres máis de prórroga, cobraron 9 millóns de euros por el”, din as mesmas fontes, o prezo incluía a aeronave máis as brigadas contraincendios. “O aparato valía medio millón de euros, e polo diñeiro do contrato poderían mercarse dezaoito helicópteros como ese”. Finalmente a empresa retirou a aeronave obsoltea para Albacete.
“O Super Puma vale 27 millóns de euros e ten unha cantidade enorme de aparataxe que non é necesaria para labores contraincendios”. Non obstante, hai que ter en conta as cualidades de cada modelo de helicóptero e para que está deseñado. Isto quere dicir que non se descartaría a retirada do Super Puma por outro modelo máis axeitado á zona.
Outro punto denunciado desde hai algúns anos é a falta de avións de carga en terra. Estes aparatos cargarían desde auga a elementos retardantes contra o lume. Durante varios anos, a Xunta e as empresas antiincendios non contaron con este tipo de naves. “Levamos anos pedindo que se trouxeran para combater de maneira eficiente os lumes e ata este ano, non volveron traelos” din fontes sindicais das brigadas contraincendios.
Os motivos alegados pola Xunta para non operar avións de carga en terra foi a falta de empresas que quixeran facelo. O concurso para a súa contratación en 2016 e 2017 quedara deserto. Agora a Consellería de Medio Rural contrata por case dous millóns de euros dous avións deste tipo polo “procedemento aberto”. Hai dez anos a Xunta tiña nove avións de carga en terra.
USOS DE BASES PÚBLICAS POR EMPRESAS PRIVADAS
A Xunta de Galicia mantén unha serie de bases para brigadas e helicóptero da súa propiedade. Os helicópteros son da empresa privada que accede ao contrato de extinción. Ademais existen bases de propiedade privada con brigadas contraincendios de empresas como Natutecnia. Esta última, forma parte dunha UTE (Unión Temporal de Empresas con Babcock) para os labores de extinción.
A comezos de xullo do 2018 En Marea rexitraba un escrito no Parlamento de Galicia onde denunciaba que as brigadas helitransportadas de Vilamaior, o Campiño e Marroxo “que contan con persoal propio da Xunta de Galicia, continúan a estar sen helicóptero” naquel momento. Con todo, fontes sindicais indican que é frecuente que as bases públicas estean un período de tempo sen aeronaves, aproximadamente entre o 15 de maio ata comezos de xullo.
Pola contra, no mesmo escrito de 3 de xullo de 2018 apúntase que “intencionadamente se limita a operatividade do servizo público, mantéñense bases como as de Toén (Ourense), xestionada pola empresa Natutecnia, con todo o persoal de terra e helicóptero”. Con anterioridade ao escrito de xullo, en marzo de 2018 En Marea tamén entrara un escrito onde se denunciaba labores de mantemento da empresa Babcock, nunha base da Consellería de Medio Rural, neste caso Toén.
Outros casos de uso irregular de instalacións públicas para outros labores fóra do de contraincendios, sería o uso da base de Queimadelos en Mondariz, como “aparcadoiro” para un helicóptero de Babcock que realizara labors de restauración en montes do Macizo Central de Ourense. Nese mesmo escrito dérase voz á queixa da CIG sobre o “incumprimento reiterado das prescricións técnicas do servizo (aintiincendios) ao mundar un helicóptero Puma por un de menos prestacións en carga de auga e brigadas, o Bell 412”.
Segundo fontes sindicais, o cambio de modelo ás veces responde ás necesidades específicas do terreo ou do lugar. Os helicópteros de máis capacidade de carga tardan máis en despegar, como os polacos Sokol que necesitan 10 minutos para quentar motires, fronte aos B3 que, con menos capacidade de carga apenas tardan a metade que os anteriores modelos.
A concesión do servizo contraincendios pode ser un negocio redondo. A contratación á baixa (presentar un orzamento inferior ao estimado polas autoridades públicas) redunda nun aforro para quen contrata e un negocio para quen leva o servizo, pois asegura carga de traballo que, como din fontes sindicais “redunda en beneficios maiores para os executivos da empresa fronte a salarios menores para traballadores”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario