A Comisión de Centro do CHUAC denunciou "unha nova situación de colapso" no servizo de atención a Urxencias do complexo hospitalario, que consideraron "unha consecuencia directa" do peche de camas iniciado este verán.
https://gal.galiciapress.es/
Pacientes nos corredores do Hospital coruñés
Nun comunicado, advertiron de que este luns se repetiron imaxes doutros anos "de pacientes amontoados nos corredores" en condicións "que atentan contra a intimidade e a dignidade das persoas", todo por insistir en tomar este tipo de medidas a pesar das necesidades asistenciais "constantes" de camas de hospitalización.
A presidenta da Comisión de Centro, María J. Seijo, trasladou que pacientes ingresados tiveron que estar nos corredores do servizo desde o venres esperando o seu traslado a planta, e a propia Xerencia mantivo "bloqueadas as camas pechadas en medicina interna do Abente e Lago".
Esta situación vese agravada, ademais, polo "continuo desmantelamento da capacidade asistencial" de atención primaria, dado que ao non cubrir postos profesionais demóranse as citas e os pacientes acoden a Urxencias para ser atendidos.
"Esta Comisión esixe á Xerencia medidas urxentes, que se rectifique, inmediatamente o peche de camas nas unidades de hospitalización e mantéñanse dispoñibles todos os recursos para garantir a drenaxe de pacientes do servizo de urxencias ás unidades correspondentes", demandaron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario