martes, 18 de xuño de 2019

O pastel dos lumes: están as empresas a repartir os territorios para quedar coas concesións?

A extinción de incendios é un negocio ao que queren acceder moitas empresas. Hai moito en xogo e algunhas destas grandes empresas poderían ter pactado un reparto de territorios por medio de negociacións pouco claras. Algúns xulgados inhibíronse ante Audiencia Nacional por denuncias relativas a supostas manobras nos contratos do lume. Galicia non é un terreo á parte.


“A nivel estatal reparten a torta entre varias empresas, unha non entra no terreo de outra, reparten de maneira ilegal os territorios onde entran” din fontes próximas á CIG consultadas por GC sobre os grandes contratos de extinción dos lumes. Este tipo de acordos son ilegais debido a que frean a libre competencia, quedando así o mercado en mans dun oligopolio ou cártel de compañías que impedirían a entrada de novas marcas no seu ámbito.

Un helicóptero traballa nun lume en Galicia | Fonte: que.es

Deste xeito, e supostamente no marco destes pactos, compañías como Babcock non entraría en terreos de Faasa, e viceversa. Estas prácticas foran denunciadas no seu momento ante xulgados de Sagunto en Valencia e de Sevilla. Ambos os dous xulgados inhibíronse en favor da Audiencia Nacional que nestes momentos está investigando o asunto.

ENTRA COMPETENCIA EN GALICIA PARA BABCOCK

Con todo, en Galicia este mesmo ano de 2019, concretamente no mes de abril, Babcock quedou sen o servizo do 061 en dúas bases, Santiago e Ourense. Parte dos motivos foron técnicos. “Babcock estaba moi mal afeita, os traballadores pedían aire acondicionado para as tripulacións e para as persoas trasladadas nestas unidades, porque a calor dentro era inaguantable en verán”. A solución que quixo aportar Babcock segundo fontes sindicais foi “poñer aparatos que refixeraban o helicóptero cando estaba na base, logo se retiraban cando o aparato saída atender un chamado”. Esta situación foi o detonante en parte, de que Habock, agora Eliance quedase con dous helicóteros do 061 galego. Babcock recorreu, mais Eliance resultou gañadora desta concesión por presentar aeronaves con aire acondicionado.

Investigacións independentes feitas por fontes sindicais que contactou Galicia Confidencial, sospeitan de presuntas connivencias entre empresas e “algún político”. As mesmas fontes sindicais sinalan que o actual director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, é “o principal problema que temos en extinción de incendios, tanto para coordinación e demais, porque desfai absolutamente todo, descoordina todo, divide o sector e fai todo o posible para privatizar tanto medios aéreos como outros”. Os outros medios sinalados polas fontes sindicais son “Natutecnia, que ten a Carlos del Álamo, ex conselleiro con Fraga, e ao que supostamente estaría tamén vinculado Fernández-Couto. A esta empresa se lle adxudican brigadas”.

Incendio en Rianxo | Fonte: EP

HELICÓPTEROS SEN CONTRATO
O feito de que tanto Babcock e Natutecnia leven contratos da Xunta de maneira parella, é pola súa unión como Unión Temporal de Empresas, pois están a ofrecer medios aéreos e medios humanos de extinción. O curioso é que segundo apuntan as fontes consultadas “a UTE non é Babcock España e Natutecnia, senón Babcock Galicia e Natutecnia”. Os motivos detrás disto son que “Babcock Galicia e Babcock España teñen convenios laborais diferentes, un piloto de Babcock españa pode cobrar entre 4.000 e 6.000 euros, un de Babcock Galicia cobraría 2.000 euros ou algo máis”.
Outra das situacións máis relevantes e que quedou reflectida no documento do Consello de Contas para os anos 2010 e 2011, foi a práctica cando menos “que irregular” da actividade dos helicópteros de Inaer, agora Babcock, que “estiveron case un ano operando sen contrato”. Así o apuntaba o Consello de Contas no seu documento, concretamente a páxina 87: “3.56.3. O contrato, asinado o 4 de abril de 2008, foi obxecto de dúas prórrogas a favor de  INAER que finalizaron o día 30 de decembro de 2011.3.56.4. Con todo, a prestación de servizos por esta empresa correspondentes aos lotes 1 e 2 continuou durante o ano 2012 sen a preceptiva cobertura contractual. Dúas certificacións, que obran no expediente, de data 31/1/2013, correspondentes a horas de voo realizadas no ano 2012, acreditan este feito”. O mesmo informe engade “3.56.5. Como feitos posteriores ao período de fiscalización, débese sinalar que a Consellería demorou en exceso a convocatoria dun novo procedemento para a contratación deste servizo”.
Quen conseguía os contratos para Babcock Galicia era José Candal, quen tiña unha empresa chamada Heli Europa” din as fontes consuladas por Galicia Confidencial. Heli Europa pasou a ser Inaer Galicia, ata a compra de Inaer por Babcock. Heli Europa era a empresa que no seu día “traía pilotos polacos contratados por 500 dólares”. Ademais disto, sumáronselle numerosas denuncias por incumprimentos de contrato. A consecuencia disto foi que “Babcock por cousa deste home, Candal, xubilouno con 72 anos”.
A cuestión é que a loita contraincendios acabou sendo un negocio onde queren participar todos e todas. Mais o comportamento de determinadas empresas semella que buscarían repartir todo o negocio entre ellas sen facer a competencia unhas a outras. Así, a Audiencia Nacional está investigando agora as manobras de posible “cártel” entre compañías, cousa que, como xa dixemos, é ilegal pois vai contra os termos da libre competencia.
En Galicia,  o comportamento das autoridades que deberan combater o lume, cando menos, é errático. As mostras son os cambios de criterio por exemplo, en adoptar determinada aparataxe (avións) que foran desbotadas no seu momento. Outra é a creación de listas da Xunta para brigadas contraincendios a base de retirar persoal a Seaga. E isto tampouco está libre de polémica como xa dixo onte Galicia Confidencial en base á denuncia da CSIF. En todo caso, quenda moitos puntos por ver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario