Vista do porto de Marín CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, que preside o marido da ex-ministra Ana Pastor, ampliará novamente os seus peiraos, agora para tráfico de turistas, 143 en 2017
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra prevé lanzar no último trimestre deste ano a contratación para ampliar en 148 metros un dos seus peiraos para acoller nel tráfico de cruceiros, o que o convertería no quinto porto galego de interese xeral do Estado con ese tipo de tráficos, xunto cos da Coruña, Vigo, Ferrol e Vilagarcía. Así o vén planificando desde hai meses e así llo ratificou este luns o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez, á alcaldesa de Marín, a popular María Ramallo. Ata agora o tráfico de cruceiros nese porto foi anecdótico, cun só barco de 143 pasaxeiros en 2017 fronte aos máis de 300.000 que sumaron os peiraos da Coruña e Vigo.
A decisión do porto de Marín, dependente do Estado pero cuxa presidencia é designada desde a Xunta, prodúcese ao tempo que se aviva a polémica internacional polo impacto ambiental das emisións contaminantes dos cruceiros. Tamén chega mentres Galicia aínda non foi quen de coordinar os seus tres aeroportos. O presidente da Autoridade Portuaria de Marín é precisamente marido da ex-ministra popular de Fomento Ana Pastor, que no seu momento se comprometeu a coordinar as terminais de Alvedro, Lavacolla e Peinador pero cuxa inacción nese eido mesmo lle valeu críticas públicas por parte do presidente Feijóo. Ao tempo, malia ser de competencia estatal, o feito de designar as súas presidencias e controlar boa parte dos seus consellos de administración vén facendo que a Xunta se gabe da coordinación das cinco autoridades portuarias existentes en Galicia.
Nos últimos anos as autoridades portuarias de Marín e Vigo tiveron varios enfrontamentos localistas polo desvío dalgúns tráficos marítimos
Porén, a gran autonomía coa que traballa cada autoridade portuaria, moi superior á dos aeroportos, fixo que nos últimos anos a de Marín se vise involucrada en varios conflitos localistas coa de Vigo a conta de diversos tráficos que intentou captar e que na veciña meridional foron vistos como roubosou competencia desleal. Hai tres anos o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, o ex-conselleiro Enrique López Veiga, chegou a pedir formalmente a Puertos del Estado, dependente de Fomento e polo tanto daquela de Ana Pastor, que impedise ao porto de Marín acoller tráficos de colectores dunha empresa que viña de deixar os peiraos vigueses.
A decisión do porto de Marín de ampliar novamente os seus peiraos para agora facilitar tamén a chegada de cruceiros prodúcese despois de recibir condenas xudiciais polo xeito en que no pasado acometeu tanto a ampliación das súas instalacións como a súa conexión ferroviaria. Coa nova actuación pretende ampliar un peirao que actualmente ten 180 metros de lonxitude e 9 metros de calado ata os 328 metros de lonxitude facendo que os 148 que se gañen teñan 11 metros de calado.
Cifras do sector en Galicia
Vigo perdeu nos últimos anos o liderado en cruceiros a mans da Coruña ao tempo que viu como aumentaba a competencia tamén polo sur coa apertura dunha nova gran terminal no porto de Leixões
Segundo as estatísticas oficiais de Puertos del Estado, en 2017, último ano dispoñible de xeito íntegro, por todas as autoridades portuarias de competencia estatal pasaron un total de 34 millóns de cruceiristas, a maioría polos portos de Barcelona e os das illas. Os portos galegos de interese estatal só supuxeron o 1% desa cifra, cuns 346.000 cruceiristas totais, repartidos entre A Coruña (184.069), Vigo (140.188), Ferrol (20.379), Vilagarcía (1.596) e os 143 que de xeito puntual rexistrou Marín cun barco en outubro de 2017.
O porto de Vigo, que durante anos ocupou a moita distancia do resto o primeiro posto en tráfico de cruceiros no noroeste peninsular, viu nos últimos tempos como era adiantado en Galicia polo da Coruña e como, en 2015, a súa competencia polo sur acrecentábase coa apertura dunha nova gran terminal no porto de Leixões coincidente co boom turístico rexistrado nos últimos anos na cidade do Porto.
Ademais das cinco autoridades portuarias estatais, outros peiraos galegos de competencia autonómica a través de Portos de Galicia, como os de Celeiro ou Cee, veñen acollendo nos últimos anos atraques puntuais de cruceiros máis pequenos especializados en rutas afastadas das ofrecidas polas grandes compañías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario