http://www.osil.info/
Tras 35 anos exercendo a medicina en terras de Valdeorras, neste mes de xuño o doutor Antonio Enériz Calvo despedirase do Hospital do Barco. Nel leva traballando como médico internista nas últimas décadas, sendo unha persoa moi querida e valorada. Con motivo da súa xubilación, un grupo de compañeiros do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) organizábanlle unha cea-homenaxe no Pazo do Castro na noite do 2 de xuño na que participaban unhas 120 persoas.
Entre os asistentes había persoal do HCV (dende celadores, auxiliares, enfermeiras e facultativos ata persoal administrativo), así como ex xerentes do centro, outros compañeiros internistas que pasaron por Valdeorras, persoal sanitario dos Centros de Saúde da comarca e tamén amigos, ademais da súa esposa. A reunión comezaba cuns aperitivos e, de seguido xa na zona da carpa, dábase paso a cea.
Dende a organización desta homenaxe destácase a valía profesional e humana do doutor Enériz, un dos internistas que traballou para a posta en marcha deste servizo no hospital, así como a súa defensa da sanidade valdeorresa e do hospital. Durante as últimas semanas íase despedindo, un a un dos seus pacientes. E na noite do día 2 de xuño eran os seus compañeiros os que agarimosamente se despedían del con esta celebración.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Ningún comentario:
Publicar un comentario