xoves, 29 de xuño de 2017

Feijóo presenta como éxito que Botín “estudará” manter a marca Pastor “que non existe hai seis anos”

Feijóo, ante Ángel Ron nun acto do Pastor en 2013, cando xa o mercara o Popular
David Reinero 
Miguel Pardo
http://praza.gal/
  
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gabouse este mércores no Parlamento do seu papel e do da Xunta na reestruturación bancaria dos últimos anos en Galicia. O presidente da Xunta asegurou que "volvería facer o mesmo" e mostrouse "orgulloso" da xestión levada a cabo polo Goberno galego nun proceso que, tal e como lle lembraron En Marea e BNG, rematou por "liquidar o sistema financeiro galego", coa desaparición das caixas, do Banco Gallego e do Etchevarría e agora coa compra do Popular por parte do Santander, que aboca á liquidación total do Pastor, que apenas mantiña a marca e ficha bancaria propia.
Villares compara o Santander cos eucaliptos porque “acaba coa variedade e empobrece o territorio” e Pontón di que a intervención de Feijóo ante Botín é “pedirlle a un lobo que non pape as ovellas”
Queda loitar polas faragullas, por un mal menor. E iso é o que procura a Xunta. O seu presidente Feijóo presentou como un éxito na sesión de control ao Goberno deste mércores que a presidenta do Banco Santander, Ana Patricia Botín, aseguroulle que "estudará" a súa petición transmitida por carta de "manter a marca do Banco Pastor" en Galicia. Un suposto logro que Feijóo salientou despois de asegurar que "hai seis anos que o Pastor non existe" tras a súa compra polo Popular. A misiva a Botín, enviada "72 horas" despois de que se certificase a compra do Popular, foi respondida con outra por parte da banqueira, que tería ratificado verbalmente o seu compromiso de analizar a petición nunha chamada posterior ao xefe do Executivo galego.  
"Dime que vai estudar todas e cada unha das consideracións do presidente da Xunta e chamoume para reiteralo", engadiu Feijóo, que asegura que solicitou o mantemento da marca Pastor, porque cre que axudaría no mantemento do emprego, pero tamén reclamou que se "velase polos pequenos accionistas". Así, asegurou que a moitos dos empregados "obrigóuselles a mercar accións", polo que agora "teñen accións a valor cero" e os seus postos de traballo "corren perigo". "O que fixen foi coller un papel, porque ten conta do que se lle pon, co membrete da Xunta, e dicirlle ao Banco Santander cal é a proposta do Goberno da Xunta", presumiu Feijóo.
Leiceaga tamén lle pide por carta a Ana Botín que manteña a marca Pastor en Galicia
Precisamente, o anuncio de Feijóo da súa solicitude e da resposta do Santander chega dous días despois de que o portavoz do grupo do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, enviase unha carta á presidenta do banco, Ana Botín, para solicitarlle tamén o mantemento da marca Pastor en Galicia. "Axudaría, sen dúbida, a que o Grupo Santander obtivese, de partida, un crédito social único", dille. Ademais, Leiceaga lémbralle a Botín que "a marca Banco Pastor está singularmente ligada a Galicia e forma parte da nosa memoria colectiva e sentimental" e pregúntalle se non sería posible que o apoio ao emprendemento e ás universidades do Santander fose "ampliado a aquelas entidades que manteñen unha afinidade de orixe no negocio bancario agora asumido polo grupo, apoiando as súas iniciativas máis proveitosas". 
Do mesmo xeito, o portavoz socialista reclámalle, ante a situación dos pequenos accionistas, moitos deles traballadores, que "faga o posible para que obteñan unha satisfacción xusta e rápida das súas demandas". "Sabe mellor que ningún de nós que os desacordos públicos e os litixios non xeran o clima máis propicio no negocio financeiro", insiste quen pide tamén que contacte cos sindicatos para "solventar ou mitigar os efectos" que o proceos de absorción do Popular poida ter no emprego. "O grupo que preside fortaleceuse e converteuse nun gran banco galego. Esta nova situación conleva oportunidades e responsabilidades. Aproveite ben as primeiras, honre as segundas e Galicia saberá agradecerllo", remata Leiceaga na carta á que tivo acceso este diario. 
A nacionalista Ana Pontón amosou unha moeda de un euro como exemplo do que lle custou ao Santander facerse co Popular-pastor

Críticas de En Marea e BNG

Pontón lamentou que o presidente galego se limite a “pedirlle sensibilidade ao Santander”, que ao seu ver é como “pedirlle a un lobo que non pape as ovellas”
O intercambio epistolar de Feijóo e Leiceaga con Botín revelouse este mércores coincidindo coa sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia, onde os portavoces de En Marea e BNG, Luís Villares e Ana Pontón, cargaron contra o Banco Santander pola absorción do Popular-Pastor.
Pontón, a primeira en intervir, comezou ensinando unha moeda de un euro exemplificando o barato que lle supuxo ao Santander facerse coa entidade e salientou que os reguladores puideron evitar a caída do Popular-Pastor “suspendendo a súa cotización” como se fixo uns días despois con Liberbank. A portavoz nacionalista salientou que tras nove anos de Feijóo á fronte da Xunta, Galicia quedou sen sistema financeiro propio mentres “no mesmo marco Cataluña e Euskadi mantiveron La Caixa e a Kutxa”. Pontón lamentou que o presidente galego se limite a “pedirlle sensibilidade ao Santander”, que ao seu ver é como “pedirlle a un lobo que non pape as ovellas”. A nacionalista pediu unha fronte común no Parlamento de Galicia para que se manteña a marca do Pastor, o emprego, as oficinas e un “retorno de beneficios” a través da Fundación Barrié. Igualmente, reclamou unha solución para os 60.000 accionistas, a inclusión desta operación na comisión parlamentaria que investiga a desaparición das caixas e a creación dunha banca pública galega.
Villares, formulando a pregunta a Feijóo
Villares salientou que o Santander “é o eucalipto do sistema financeiro galego”, xa que ao seu ver o banco, ao igual que a árbore, “acabou coa variedade e empobreceu o territorio”
Pola súa banda, Villares salientou que o Santander “é o eucalipto do sistema financeiro galego”, xa que ao seu ver o banco, ao igual que a árbore, “acabou coa variedade e empobreceu o territorio”. Para o portavoz de En Marea, a entidade “nin é un banco nin é de Santander” xa que o seu accionista maioritario é un fondo internacional de investimento. “Detrás desta operación non hai un banco, hai un voitre”, salientou. Ao seu ver, a progresiva desaparición das caixas e do sistema financeiro galego foi un “obxectivo político” que permitiu reducir os instrumentos económicos das comunidades autónomas e fortalecer os bancos. Villares reclamou finalmente que se manteña o Popular-Pastor como unha “filial” do Santander, que se investigue a operación de absorción e os pequenos accionistas recuperen os seus cartos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario