xoves, 29 de xuño de 2017

A Xunta celebrou o Día do Medio Ambiente cunha actuación agresiva no Parque de Corrubedo

Marcos Pérez Pena
http://praza.gal



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, saúda uns rapaces no acto

O pasado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, o Goberno galego organizou un acto conmemorativo en Corrubedo (Ribeira), aproveitando para festexar o 25 aniversario da creación do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan. Porén, denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) a celebración do Día do Medio Ambiente supuxo unha agresión ao propio medio ambiente e á integridade do complexo dunar, un espazo dun gran valor ecolóxico e tamén dunha gran fraxilidade.

Na celebración plantáronse árbores non axeitadas para este ecosistema

O acto organizado pola Xunta incluíu un xantar multitudinario, concertos durante varias horas, o uso de potente megafonía e o plantado de certas árbores, actividades todas que incumpren a normativa de xestión do Parque Natural recollida no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) deste espazo protexido e tamén no Plan Director da Rede Natura 2000. A festa da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio desenvolveuse na área contigua ao Centro de Interpretación do Litoral de Galicia, onde se instalaron diversas infraestruturas (palco ou carpa, toldos, mesas, bancos, etc) nunha área do ecosistema dunar (duna terciaria ou duna fixada, con vexetación natural de distintos tipos de hábitats arbustivos pero afectada en tempos recentes pola plantación de especies alleas como Pinus pinaster e Pinus radiata) que en parte viuse afectada polos incendios que arrasaron o Parque Natural nos veráns pasados e que aínda se atopa en proceso de restauración ambiental, tal e como se indica nos letreiros da Consellería de Medio Ambiente.



A celebración incluíu "unha inadecuada plantación de árbores sobre unha área do ecosistema dunar, elixindo especies que soamente contribúen a degradar estas áreas"

O artigo 3 do PORN só permite actividades científicas, estando as actividades de uso público restrinxidas á área de praia e ao acceso á mesma a través dos camiños habilitados para ese efecto. O plan restrinxe ademais a tipoloxía de actividades de uso público nestas áreas a actuacións de “paseo, baño, xogo, e actividades deportivas non permanentes” e non contempla nin as actividades musicais nin a organización de comidas campestres multitudinarias. Así mesmo, o artigo 3.5 do Decreto de Declaración do Parque Natural prohibe o uso de megáfonos ou de calquera instrumento de amplificación de son que perturbe a tranquilidade do parque, unha prohibición tamén recollida no Plan Director da Rede Natura 2000. Porén, denuncia a SGHN, o acto contou "cunha potente megafonía, homologable en potencia á de calquera verbena ou romaría, sendo utilizada de forma continua ao longo da mañá e durante toda a tarde".

O Decreto de Declaración do Parque Natural prohibe o uso de megáfonos ou de calquera instrumento de amplificación de son

Ademais, segundo denuncia a entidade, a celebración incluíu "unha inadecuada plantación de árbores sobre unha área do ecosistema dunar, elixindo especies que resultan incongruentes coas súas características ecolóxicas e botánicas, e que soamente contribúen a degradar estas áreas".


Petición de ceses

A SGHN subliña que "pola súa gravidade, estes feitos poderían ser constitutivos dunha acción tipificable como delito polo actual Código penal". A entidade vén de solicitarlle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o expediente completo en relación con estes actos de celebración, incluíndo tanto a documentación sobre as medidas de xestión e uso público establecidas para o desenvolvemento do acto e a salvagarda dos valores da biodiversidade e do patrimonio natural coma a documentación xustificativa dos gastos que asumiu a Xunta nunha festa que incorporou "un refrixerio con ampla subministración de comida e bebidas, incluídas as alcohólicas".

A SGHN subliña que "pola súa gravidade, estes feitos poderían ser constitutivos dunha acción tipificable como delito polo actual Código penal"

Finalmente, "polo nefasto exemplo dado á cidadanía" a SGHN solicita o cese inmediato dos cargos de libre designación responsables da organización de ditos actos: a Directora Xeral de Patrimonio Natural, a Xefa Territorial de Medio Ambiente da Coruña, o Xefe do Servizo de Parques Naturais e o Xefe do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Coruña.


"Desinterese na protección do patrimonio natural de Galicia"


Para os responsables da Sociedade Galega de Historia Natural, os feitos son unha mostra do "descontrol e desinterese na protección da biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia por parte das persoas oficialmente encargadas de garantir a súa protección e conservación". Para a entidade, os “actos festivos” organizados en Corrubedo "contrastan coa realidade dun Parque Natural que leva 25 anos soportando unha mala xestión (construcións de vivendas que nunca deberon ser autorizadas, falta de persoal dedicado a tarefas de conservación, xestión e vixilancia, falta de actuacións de restauración e control de ecosistemas, falta de control de especies invasoras)".



Para a SGHN, os “actos festivos” organizados en Corrubedo "contrastan coa realidade dun Parque Natural que leva 25 anos soportando unha mala xestión

Estas deficiencias, engaden, increméntanse no referente ao uso público, xa que "na actualidade estase a vulnerar de forma continua a normativa vixente, con tránsito ilegal de persoas sobre a duna móbil, un dos ecosistemas máis fráxiles e máis valiosos de todo o litoral galego, así como a circulación e aparcadoiro indiscriminado de vehículos sobre áreas expresamente prohibidas". Ademais, denuncia, a Xunta "reduciu considerablemente os efectivos de persoal e as medidas para controlar o masivo uso público do Parque Natural", que suma máis de 200.000 visitantes cada ano.

O complexo dunar de Corrubedo é un espazo de gran valor ecolóxico, pero tamén dunha enorme fraxilidade

Ningún comentario:

Publicar un comentario