A Barrié financia e inviste na rehabilitación do Pórtico da Gloria
Miguel Pardo
http://praza.gal/
A venda por un euro do Grupo Banco Popular ao Santander ten consecuencias engadidas para Galicia. Supón a desaparición definitiva do histórico Pastor, entidade con 250 anos de historia que mantiña certa autonomía e a súa propia marca e ficha bancaria malia ser absorbida pola entidade agora subsumida tamén. A concentración bancaria será máis evidente aínda no país, onde arredor do 60% das sucursais serán ou de Abanca ou da entidade que preside Ana Botín. Pero hai máis: a Fundación Barrié queda sen as accións que tiña e non terá nin participación nin voz neste reforzado banco, polo que perde o dereito aos dividendos por acción e, xa que logo, a unha das súas principais formas de financiamento. Non a única.
A Fundación Barrié queda sen as acción e sen os dividendos do Popular, do que chegou a ter o 8%
Tal e como informara Economía Digital hai un ano, a Fundación Barrié ingresaba case o dobre polas rendas dos alugueiros dos edificios polos que o Popular lle paga na Coruña, Vigo e Bergondo que polos dividendos. Arredor de 6 millóns de euros fronte a algo menos de 3 cada ano. Cando o Pastor foi absorbido, a Fundación Barrié de la Maza recibiu máis do 8% do Popular a cambio do 42% que posuía na entidade galega, que tiña na devandita Fundación o seu principal accionista. As accións estaban valoradas nuns 1.000 millóns de euros. A principios de 2016, e logo da ampliación de capital, esa participación representaban 55,8 millóns de accións e unha mínima participación que foi a menos, ata quedar en aproximadamente o 1,5%. Agora non ten nada.
A importante carteira de activos inmobiliarios da Fundación e a renda que recibe do Popular polos alugueiros -os principais os das sedes do banco na Coruña e Vigo- poderíanlle permitir seguir adiante, no caso de que agora o Santander se faga cargo deles. Ingresaría uns 30 millóns de euros até 2029.
Se o Santander mantén o acordo que a Barrié tiña co Popular, ingresaría uns 30 millóns até 2029 polos alugueiros de inmobles ao banco
Foi despois da absorción do Pastor, hai seis anos, cando se cedeu o contrato de arrendamento polo que o Popular mantería os dereitos e obrigas desde ese verán de 2012. Queda por ver se o Santander mantén este acordo, xa que as duplicidades de oficinas e sedes son evidentes. Na Coruña, a sede central do Pastor situada no Cantón Pequeno ten a poucos metros -e coa Fundación Barrié polo medio- a oficina principal do Santander, un histórico e amplo edificio cuxo caseiro é Amancio Ortega e onde tamén traballa o despacho de avogados Garrigues.
A sede do Pastor na Coruña está a tan só uns metros da oficina principal do Santander, un histórico edificio propiedade de Amancio Ortega
A Fundación Barrié foi creada en 1966 por Pedro Barrié de la Maza, que declarou a institución como herdeira universa da súa fortuna, ao que se lle engadiu logo o patrimonio da súa irmá e da súa viúva. Declarada de interese galego pola Xunta vinte anos despois, foi a accionista maioritaria do Pastor ata que este foi absorbido polo Popular.
Coas dúas grandes sedes no centro da Coruña e Vigo, a Barrié contribuíu en varios proxectos culturais, educativos ou sanitarios e colaborou na creación das escolas universitarias de Arquitectura e Arquitectura Técnica na cidade herculina e a de Enxeñería Industrial nar urbe olívica, así como do Instituto da Lingua Galega. A Fundación di "orientar toda a súa actividade ao desenvolvemento de Galicia". Sen banco xa de referencia, o camiño continuará, pero queda ver se poderá manter todos os proxectos, desde a concesión de importantes bolsas de formación no estranxeiro para estudantes destacados ata o seu actual investimento na rehabilitación do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago. Conta, ademais, cun importante patrimonio cultura e artístico.
A Barrié mantén importantes proxectos educativos e culturais, desde bolsas no estranxeiro á rehabilitación do Pórtico da Gloria
Alén desas importantes bolsas de posgrao para a formación no estranxeiro, a Barrié tamén ofreceu outras para estudos universitarios, levou a cabo programas para o desenvolvemento de competencias e creou diversos institutos de investigación. "Estamos nunha etapa de valoración de novos proxectos", aseguran na súa web. No mesmo ámbito do ensino, son coñecidas tamén as iniciativas da Fundación na formación do profesorado e na innovación tecnolóxica e educativa.
Ademais, a Barrié leva anos financiando varios proxectos de investigación nas universidades, concede premios ás mellores iniciativas de mozos e mozas investigadores e colabora coa formación destes a través de diferentes programas. En canto á acción social, a Fundación ofrece programas de balde para axudas na sustentabilidade económica de diferentes entidades, conta con proxectos de reinserción co Proxecto Home ou centros penitenciarios e outros de prevención do abandono escolar ou do consumo de drogas e de axuda a familiares de persoas con Alzheimer.
En canto a patrimonio e cultura, a Fundación financia e inviste traballos de rehabilitación na Catedral de Santiago -como o do Pórtico da Gloria- e leva a cabo iniciativas coa Real Academia Galega como o Portal das Palabras. Cunha importante colección de arte, s súas achegas a pintores galegos e a súa importante actividade cultural, a Barrié conta tamén con senlleiros fondos documentais como a biblioteca de Carlos Martínez Barbeito ou a de Domingo García-Sabell.
Ningún comentario:
Publicar un comentario