Leo nun xornal de tirada estatal un artigo asinado por un deses “expertos” de despacho, nomeadamente hábiles no corta e pega que tanto abundan nas universidades españolas, que “el siglo XXI parece que será la era de la islamofobia y de la persecución de los musulmanes”. Así, de súpeto e de xeito concluínte! A demostración de tal aserto sería, segundo este home, a matanza de Christchurch, onde tería quedado en evidencia que este fenómeno, de escala global xa, ten acadado o estadio terrorista, o da mobilización para a total aniquilación do inimigo mahometano. A xénese desta islamofobia a sitúa o susodito profesor, citando daquela maneira a un grande intelectual de orixe palestino, Edward Said, na “cuestión musulmá” de mediados dos anos setenta, vencellada esta co embargo petroleiro imposto á OPEP, a revolución islámica do Irán e a convulsa situación no Líbano, feitos que terían minado a imaxe dos seguidores de Alá en Occidente. Sería a partir de aí que este colectivo, alomenos o instalado en Europa, comeza a ser percibido con temor, como clan que non se integra plenamente nas sociedades de destino, acaparando os postos de traballo e as limitadas prebendas públicas, erixíndose “en el chivo expiatorio de las clases menos formadas”. Logo chegaron os Al Qaeda, a “guerra contra a terror” e o Estado Islámico, acentuando as dinámicas racistas e xenófobas, converténdose en obxecto predilecto da ira e populismo neofascistas.
A conclusión do noso “experto” é que a islamofobia é o principal caldo de cultivo do fanatismo e terrorismo islamita. Porque “si las comunidades musulmanas no encuentran suficiente protección en el sistema para poder expresar su religiosidad con garantías, éstas perderán la lealtad y la confianza en nuestro sistema político y por lo tanto buscarán nuevos protectores”. Os musulmáns radicalizánse por residir en estados laicos e aconfesionais pero, entón, por que ocorre o mesmo, e desde moito antes, en países musulmáns onde o islam é relixión de Estado, marcando ritmos e usos, respectando -cando non impoñendo- a todos e todas até o extremo a doutrina do profeta? Non estaría de máis atender aos males do orientalismo, que non comezan co bo de Said e si coa construción “do árabe” -que se confunde as máis das veces co musulmán se ben non é o mesmo- aló nas colonizacións; introducir na análise as independencias e formación dos estados-nación musulmáns, a instrumentalización da relixión con fins políticas, expansión de doutrinas relixiosas esóxenas, nacionalismo árabe, conflitos propios e con terceiros, agromar do islamismo político e procesos de reislamizacion e novas influencias mediáticas; ou mesmo atender a variables como desenvolvemento, educación e analfabetismo, acceso aos coidados, protección, liberdade e democracia... Deixando de lado esaxeracións e simplificacións, non contribúe a paliar o fenómeno, teña este a dimensión que teña, a vitimización dos musulmáns, converténdoos en suxeito pasivo dunha radicalización inducida polas sociedades occidentais, sen atender a procesos moito máis complexos para cuxa comprensión é preciso afondar nunha pléiade de vectores e circunstancias.
A carón de apocalípticos superficialmente informados predispostos a imputar a nós-outros occidentais todos os males da humanidade, están os adeptos das teorías da conspiración, con ou sen mecenas. Nunha canle de televisión iraniana que emite en español para América Latina alguén presentado como “analista político”, responsable dun centro de investigación con sé en Euskadi, conclúe, sen matiz algún, que a islamofobia é un feito sen paliativos fomentado sistematicamente pola elite occidental para non perder a súa hexemonía mundial. Os ataques racistas e islamófobos como o de Nova Zelandia serían directamente inducidos, e mesmo dirixidos, por aqueles que controlan Occidente. Para este, un punto de inflexión nesta expansión intencionada da islamofobia foron os atentados do 11 de setembro de 2011 nos Estados Unidos, cando se terían impulsado de xeito sistemático vagas de fobia contra os seguidores do islam. Un odio e intolerancia por encargo, alimentado por actores sinalados pero non identificados cun obxectivo de dominación planetaria. Un complot en toda regra, vaia, no que novamente os musulmáns son presentados como vítimas, invariablemente determinados a sucumbir pola acción malintencionada de potentados occidentais. Máis aló do peregrino e pouco fundamentado da tese, certo que o “experto” vascongado queda descualificad case de partida pola natureza do medio difusor, unha canle financiada por Teherán para potenciar a súa influencia no mundo latino.
Xunto con superficiais analistas e seudosexpertos afíns a unha determinada axenda política, outro segmento de vitimización provén do propio mundo musulmán, nomeadamente dos seus líderes. É así como varios destes responsables non dubidaron en atribuír o crime de Christchurch á “crecente islamofobia”. É o caso do primeiro ministro do Pakistán, Imran Khan, ou mesmo do xefe da diplomacia turca, Mevlut Cavusoglu, quen arremeteron a través das redes sociais contra políticos e medios de comunicación occidentais, cargándolles a responsabilidade da matanza, ao mesmo nivel que ao propio asasino. O comunicado da universidade exipcia de Al Azhar, principal referente do islam sunnita, e as declaracións públicas de Anwar Gargash, ministro de Asuntos Exteriores de Emiratos Árabes Unidos, abondan nesta liña, apuntando á un suposto feito consumado: a islamofobia rampante como culpable. Mesmo sen tomar en consideración as frontes bélicas aínda abertas, como en Siria ou o Iemen, onde musulmáns acaban coa vida de musulmáns, a que atribuír logo as máis de 26.000 vítimas mortais provocadas por preto de 10.000 ataques terroristas en países de maioría musulmá durante 2017, segundo os dados dun recente informe elaborado pola Universidade de Maryland? Son tamén caídos pola vaga de islamofobia, andazo maior do século XXI segundo o experto citado unhas liñas máis enriba? Cando un responsable político musulmán profire certo tipo de enunciados debemos considerar que son para consumo de cadansúas opinións públicas, puro populismo cotiá, persuadido quen subscribe estas liñas, tras case tres lustros de residencia ininterrompida nestas entornas, que a realidade supera á demagoxia e que as leccións a impartir son máis ben poucas.
Rexeitar a unha persoa ou grupo en virtude dunha característica, real ou imaxinada, é un acto epidémico, emocional, que non se pode xustificar pola razón. Insultar, deshumanizar ou violentar a unha persoa por mor da súa cor de pel, a súa orixe, relixión ou pertenza, baixo pretexto dun suposto vencello entre esta característica, a miúdo física e visual, e un estigma, é a mesma denegación da intelixencia humana. Hai que dicir non ao racismo e á xenofobia cada vez que os constatamos, baternos contra estes males de xeito cotiá. Pero tamén hai que atender aos feitos, ás realidades, e non deixarse seducir por alarmismos pouco fundados e advertencias preventivas, as máis das veces elaboradas por mentes pouco preclaras. E logo, unha constatado o mal de xeito fidedigno, actuar adecuadamente. O máis recente horror neocelandés de musulmáns asasinados por ser musulmáns foi obra dun tarado imbuído de ideoloxía supremacista. Un atentado, por certo, antimusulmán, que non islamófobo, xa que bebe do odio cara os seus adeptos e non se trata da crítica dunha relixión. Do mesmo xeito que rexeitamos a amalgama cando se produce un atentado reivindicado por radicais islamitas en Occidente, diferenciando entre unhas poucas mazás esganadas e a globalidade da umma(comunidade de fieis musulmáns), agora debemos aplicar a mesma lóxica e non dar renda solta a elucubracións e profecías. Porque se nos deixamos levar de xeito irresponsable é ben seguro que a vitoria é deles, supremacistas brancos e yihadistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario