martes, 9 de abril de 2019

A Xunta dálle unha subvención de dous millóns aos medios para fomentar “a liberdade de expresión”

O pasado ano La voz recibiu case 1,2 millóns do total das axudas, a moita distancia de El Progreso, 300.000 e La Región, máis de 182.000. O Goberno galego só esixe que se utilice un 10% de galego por parte destes xornais para recibir as subvencións.

http://www.galiciaconfidencial.com/
A liberdade de expresión e de difusión. Estes son parte dos argumentos que a Xunta utiliza para repartir entre os grandes medios de comunicación galegos preto de dous millóns de euros. Este diñeiro será canalizado pola Secretaría Xeral de Medios a través da concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, case de xeito discrecional, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para promover a “liberdade de prensa” entre medios “plurais e independentes”. Unhas axudas que suman case dous millóns de euros a repartir, principalmente, entre as grandes familias mediaticas.
Grandes cabeceiras galegas
Grandes cabeceiras galegas

“A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social”, apunta a Secretaría Xeral de Medios para xustificar estas axudas.
Tales obxectivos, engade, “son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes” que cheguen, “na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos”. Por iso, insiste, “faise necesario que o Goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación”.
GRANDES FAMILIAS MEDIATICAS GALEGAS
Con todo, e a pesar de apelar á lingua, á cultura e á galeguidade, case a totalidade destas axudas van para as grandes familias mediaticas de Galicia que publican en español, e delas quedan excluídas practicamente os medios en galego. Así, o grupo Voz, que recibe axudas por triplicado ao seu xornal en papel, o seu xornal dixital e a súa radio e Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), son os grupos máis beneficiados. Síguelles o grupo El Progreso (El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, Galiciae e Axencia Galega de Noticias), o grupo La Región (La Región de Ourense e Atlántico Diario) e o Grupo La Capital (El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e DxT). 
O pasado ano La voz recibiu case 1,2 millóns do total das axudas, a moita distancia de El Progreso, 300.000 e La Región, máis de 182.000. Ademais dos medios tradicionais galegos reciben anualmente axudas grupos como o ABC, El Mundo, Intereconomía, a Cadena Cope ou a Cadena Ser, entre outros.
A Secretaría Xeral de Medios mantén o mesmo importe que o pasado ano. As axudas son de 1.255.000 de euros para xornais en formato papel, os 266.400 euros a empresas radiofónicas pero triplica a cantidade para as empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet, que soen ser, na maioría dos casos, as divisións dixitais dos grandes medios en papel.  
USO DO GALEGO
Supostamente, estas axudas teñen coma fin difundir o uso do galego en medios que se publican, case na súa totalidade, en castelán. A Xunta tan só pide que xustifiquen o 10% de informacións en lingua galega nos medios escritos. Un requisito que, a pesar de aumentado no último ano, non impide que, ano tras ano, sexa incumprido por algúns medios de comunicación sabedores de que non existe ningún tipo de control ao respecto.
A orde de axudas tamén recolle como “oferta positiva” a adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada. Un parámetro que é imposible de medir á hora de conceder as subvencións.
17 MILLÓNS
No que vai de ano, a Xunta leva xa licitados concursos de publicidade e propaganda en medios de comunicación por un montante total de case 17 millóns de euros nun ano, ademais, que ven marcado por tres citas electorais; as xerais adiantadas, as municipais e as europeas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario