luns, 15 de abril de 2019

Galicia xunta nun radio de apenas 60 quilómetros tres das 25 empresas máis contaminantes do Estado

Central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Banjo


A central de Endesa nas Pontes é a empresa máis contaminante do Estado e das máis de Europa. A instalación encabeza o ránking español de emisións de dióxido de carbono, segundo os últimos datos feitos públicos pola Axencia Europea do Medio Ambiente sobre as empresas da UE suxeitas ao mercado comunitario de dereito de emisións
A central térmica das Pontes é a instalación máis contaminante do Estado e a 17ª da UE; en 2018 emitiu 7,9 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro
A instalación térmica das Pontes é a 17ª factoría que máis CO2 equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os gases de efecto invernadoiro) botou á atmosfera na Unión Europea durante 2018, con 7,9 millóns de toneladas, malia reducir en 200.000 toneladas as emisións de 2017, o que non lle valeu para descender na táboa, senón mesmo ascender dous postos ante a diminución xeneralizada pero escasa da industria. 
Das 30 empresas que máis CO2 equivalente emiten na UE, a inmensa maioría son centrais que producen electricidade a partir de combustibles fósiles como carbón, gas natural ou gasoil, aínda que no 9º posto atópase a aeroliña Ryanair e tamén se inclúen refinarías ou siderúrxicas. A central de carbón de Belchatow, en Polonia, é a instalacións máis contaminante, seguida de varias de Alemaña do mesmo tipo. 
A nivel estatal, a térmica das Pontes supera por moito a seguinte na lista, outra central semellante de EDP en Aboño (Asturias), que reduciu as súas emisións a 7,1 millóns. Na lista de empresas máis contaminantes de España aparece tamén nun posto destacado outra central térmica, a que Naturgy ten en Meirama (Cerceda) e que ten previsto o seu peche para o vindeiro 2020. Sitúase entre as 150 instalacións máis contaminantes da UE e no posto 11º entre as do Estado, con 2,24 millóns de toneladas de CO2 en 2018. A refinaría de Repsol na Coruña, con 1,1 millóns, ocupa o 22º posto. 
A térmica de Meirama e a refinaría de Repsol na Coruña tamén están no top-25 de empresas máis contaminantes en España
Xa que logo, tres factorías galegas sitúanse entre as 25 máis contaminantes do Estado. Na mesma provincia, nun radio de apenas 60 quilómetros, a unha hora en coche como moito –entre Meirama e a refinería de Repsol hai media hora e de calquera das dúas ás Pontes 30 minutos máis– e con máis de 10 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro emitidos á atmosfera cada ano. A cifra supón, practicamente o dobre das emisións deste tipo de todo o sector do transporte en Galicia en doce meses, segundo os últimos datos accesibles, de 2015. A seguinte galega na lista é a planta de Alcoa, en San Cibrao, 45º en España con 650.000 toneladas; A homónima na Coruña emite unhas 183.000, algo menos que Cementos Cosmos, en Ourol. 
Tal e como destaca Xosé Veiras no seu blog Un claro no bosque, a térmica de carbón das Pontes contribúe ao quentamento global tanto ou máis que algúns estados. De feito, en 2016, as emisións do Uruguai procedentes de combustíbeis fósiles ascenderon a 6,9 millóns de toneladas, segundo o Atlas da Enerxía da AIE. O impacto climático positivo dun ano sen actividade na térmica de carbón das Pontes equivale a un ano con consumo cero de petróleo, carbón e gas natural nun país enteiro como o uruguaio.
Endesa prorrogou a vida da central das Pontes máis aló de 2020 adaptándose á Directiva de Emisións da UE, que reducirá emisións tóxicas pero non as de CO2 inherentes á queima de carbón
Como insiste Xosé Veiras, Endesa xa solicitou o peche de tres das súas centrais de carbón, pero optou por prorrogar alén de 2020 a vida das que opera nas Pontes de García Rodríguez e en Carboneras (Almería), adaptándoas á Directiva de Emisións Industriais (DEI) comunitaria que, despois de catro anos e medio de exención, se lles aplicará a partir de xullo de 2020. A adaptación á DEI reducirá emisións tóxicas (SO2, NO2, partículas...) pero non as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón.
Porque á marxe do efecto que as emisións teñen no empeoramento dos efectos do cambio climático, son diversos os informes que advirten dos prexudiciais efectos contaminantes e que para a calidade do aire e a saúde humana teñen varios tóxicos que aínda emite a instalación das Pontes e moitas outras industrias galegas altamente contaminantes. 
Así, cada ano, e de acordo cos datos recollidos no informe La calidad del aire en el Estado español de Ecologistas en Acción, procedentes das estacións de medición da contaminación do aire xestionadas por Xunta, Goberno estatal, Concellos e grandes industrias, constátase como as zonas achegadas a varias das devanditas empresas sitúanse entre as áreas con peor calidade do aire nun país onde os contaminantes con máis incidencia son as partículas PM10 e PM2,5, dióxido de xofre e o ozono troposférico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario