xoves, 11 de abril de 2019

Onde están as nosas fosas?


María Bragado

Esta semana vin dous programas na 2. E se iso por si só non fose noticia, ambos programas, o magnífico documental El silencio de los otros e o Escuchando Galicia,falaban do que son, do que somos como galegas e republicanas. Deixemos o de incluír música en galego para outra ocasión.
El silencio de los otros é un documental imprescindible, unha desas pezas audiovisuais das que, de ser anunciantes responsables, introduciríamos fragmentos entre as stories do Instagram de todas as menores de 30 anos do Estado. Unha porta á realidade esquecida nos libros textos, nas aulas universitarias e unha chamada de atención para todos aqueles que levan a banderita de España de pulseira como se non significase nada. Ou quizais é que non reparan, ou non queren reparar, en que a metade do que esa pulserita coa que tan patrióticos se senten representa segue enterrado sen que moitas de nós saiba realmente onde.
Me lo dicen en los bares, es algo que llevas dentro.
As millennials do sur de Galicia cantamos Turnedo como un dos nosos himnos xeracionais. Hai quen a aborrece pero a canta baixiño, quen o fai chorando e quen comeza amodiño pero remata a canción bicando o escudo ao estilo Iago Aspas. Mais aposto a que ningunha de nós sabe onde está a fosa común máis preto da nosa casa. Como moito, podemos falar do Bou Eva, ou da necesidade de que Caballero quite a cruz xigante do Castro. Pero, onde están as fosas comúns en Vigo? Aínda non o teño claro. Mais si podería marcar nun mapa o gueto de Varsovia, ou descubrir como se conxela o corpo ao percorrer as vías de Auschwitz.
Quizais non sabemos onde están as nosas fosas porque nolo contaron nunha desas excursións de Descubrindo Vigo coas que as escolares enchiamos buses todos os cursos e non estabamos atendendo, ou igual é que o deixaron fóra para facerlle sitio ao zoo ou a obra de teatro que viamos unha e outra vez.
Quien no tiene el valor para marcharse, quien prefiere quedarse y aguantar.
A que temos medo? Sabemos de quen era o silencio dos outros nos setenta, no oitenta e incluso nas eleccións do próximo 28 de abril. Pero e o silencio do futuro? Aínda que ás veces non o pareza, a nosa vida aínda non é un episodio de Black Mirror e ninguén nos vai deter por preguntar. Ou polo menos aínda non.
Millennials, tócanos a nós. Preguntemos. Indaguemos. Intentemos coñecer a historia das nosas cidades. A nosa historia. Se non sabemos quen somos, de onde vimos, nunca poderemos decidir cara onde impulsarnos no futuro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario