martes, 9 de abril de 2019

A Xunta gasta tres veces máis en propaganda nos medios sobre a violencia de xénero que en axudas directas ás vítimas

Investirá 1,1 millóns de euros para facer publicidade nos medios para a prevención da violencia contra a muller, mentres que o diñeiro para axudas directas as vítimas é de 455.000 euros.

A Xunta licita 3,5 millóns en propaganda e suma xa case 15 millóns para os medios de comunicación

http://www.galiciaconfidencial.com

A Xunta de Galicia insiste en investir máis diñeiro en propaganda e publicidade nos grandes medios de comunicación que en axudar aos colectivos que publicita esa propaganda. Así se pon de manifesto nunha das resolucións da Secretaría Xeral de Igualdade que decidiu abrir unha convocatoria de publicidade nos medios para a prevención da violencia de xénero que case duplica a que destina ás axudas directas para as vítimas.
Feijóo participa con militantes e cargos do seu partido nunha marcha en contra da Violencia de Xénero
Feijóo participa con militantes e cargos do seu partido nunha marcha en contra da Violencia de Xénero | Fonte: EP
Así, na resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e as de prevención e o tratamento integral da violencia de xénero para o ano 2019 o importe é de 455.000 euros.
A finalidade das axudas, segundo a propia Xunta, "é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero" e "facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego".

AXUDAS A VÍTIMAS E MENORES AO SEU CARGO
Presentación da campaña do Día contra a Violencia de Xénero 2018
Presentación da campaña do Día contra a Violencia de Xénero 2018 | Fonte: xunta.gal

Un apoio económico ao que poden acceder mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e "unhas especiais dificultades para obter un emprego". Tamén para os menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas.

Estas axudas son de 400.000 euros no caso das medidas de protección integral contra a violencia de xénero e de 55.000 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Un crédito que di a Xunta que se pode aumentar pero que "quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste".

Un diñeiro que contrasta, e moito, co que recibirán os medios de comunicación, especialmente, as grandes familias mediaticas galegas como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso ou La Región, entre outros. E é que a Xunta destinará 950.000 euros para a "elaboración da estratexia e o plan de medios para o desenvolvemento dunha campaña publicitaria de ámbito galego sobre a prevención e a loita contra a violencia de xénero".

1,1 MILLÓNS EN PROPAGANDA

Estes cartos terán coma obxectivo "desenvolver unha campaña publicitaria a nivel autonómico coa finalidade de concienciar a toda a sociedade sobre a necesidade de previr e loitar contra a violencia de xénero, o rexeitamenteo ao maltratador e a consideración das vítimas, tendo en conta que esta violencia constitúe a expresión máis extrema da desigualdade entre mulleres e homes". Segundo os pregos de condicións do concurso, aos que tivo acceso GC, dita campaña desenvolverase en dous periodos do ano focalizando as mensaxes en cada un dese periodos na mocidade e nas mulleres que viven no ámbito rural.
A estas axudas de propaganda aos medios hai que sumarlle, ademais a campaña institucional do 8M. Este ano foron case 150.000 euros o diñeiro que a Secretaría Xeral de Medios repartiu entre os grandes medios galegos. Unha cifra que aumentou 25.000 euros con respecto ao pasado ano e que se triplicou con respecto ao 2016.
16 MILLÓNS LICITADOS
Con estas novas axudas ao medios, a Xunta leva xa licitados case 16 millóns de euros para repartir entre os grandes medios nun ano, ademais, que ven marcado por tres citas electorais; as xerais adiantadas, as municipais e as europeas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario