Xosé Manuel Pereiro
https://luzes.gal/
Naturalmente, ignoro as razóns da marcha atrás que deu Alberto Núñez Feijóo na súa marcha triunfal a Madrid. Supoño que tería razóns de peso, políticas, persoais e mediopensionistas, para non dar o paso que ía ser case un paseo, segundo a opinión publicada. Pero esas reflexións e eses cálculos –lexítimos- que debeu facer, quedan ocultos e silenciados polas salvas de eloxios a discreción que están facendo os botafumeiros de garda, que están vendendo un paso atrás como un compromiso férreo e un poñerse a cuberto como se tal fose unha manobra directamente extraída de A arte da guerra de Sun Tzu.
Se tan claro tiñan os conservadores galegos que a permanencia de Feijóo era vital o normal sería telo dito, en vez de pasar semanas contendo a respiración
Non se compadece a tensa calma dos medios e dos líderes do PP en Galicia –perdón pola tautoloxía- coa explosión de alegría incontinente que produciu o «¡se queda!». Se tan claro tiña o presidente que o seu compromiso coa terra era tan firme como o dos granxeiros de Raíces profundas (Shane, George Stevens, 1953), tal e como pregoan os voceiros –tamén el, pero aos políticos a sinceridade máis que relativa vénlles de serie-, non sei a que viña tanta dúbida e tanto marear a perdiz. Suponse que non tivo que mirar a letra pequena do contrato de presidente para darse conta de que non remataba ata 2020.
Se tan claro tiñan os conservadores galegos que a permanencia de Feijóo á fronte da Presidencia de Galicia e do partido era vital para os seus intereses –os seus, os de Galicia, os do partido ou todos por xunto- o normal sería telo dito por activa e por pasiva, en vez de pasar semanas contendo a respiración. Lembro vagamente que cando Fraga se veu na mesma tesitura –mais ben a contraria, vir ou non vir- había quen publicamente se mostraba a favor e quen non era precisamente entusiasta da medida. E estamos falando de Fraga.
E o mesmo os medios, grandes e pequenos, que agora fan correr ríos de tinta e saliva enxalzando a decisión albertiana. Perderon unha ocasión de ouro para informar de que a súa partida sería para Galicia unha catástrofe comparable ás crises agrarias de mediados do XIX. Como é que non houbo campañas e rogativas invocando a responsabilidade histórica do gobernante co seu prezado corpo electoral? A que obedeceu tamaña deixación das responsabilidades públicas da prensa en democracia, de sobra contrastadas noutras ocasións? Por que agora, cando os destinos do principal partido da oposición seguen en boa parte rexidos desde Monte Pío, segundo nos contan, Feijóo non inclina a balanza a favor de ningún dos candidatos -máis exactamente candidatas- segundo lle conveña aos intereses de Galicia?
Teño que buscar o exemplar d’A arte da guerra que non sei onde teño. De seguro que alí vén explicado todo isto que a min se me escapa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario