http://historiadegalicia.gal/
Semella unha brincadeira, pero é a crúa realidade. Unha construtora terá que ser indemnizada por danos e prexuízos logo da paralización dunha urbanización que estaba realizando noCastro da Atalaia, no Concello de Cervo, un lugar no que mesmo se chegou a atopar evidencias de caza de baleas.
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo acaba de ditar sentenza estimando parcialmente o recurso de casación presentado por Promociones San Ciprián, S.L. recoñecéndolle á empresa o dereito a cobrar unha indemnización pola redución de aproveitamento urbanístico sufrido nos dous solares situados na Rúa do Faro (San Cibrao) para os que tiña licenzas de obras do Concello de Cervo tras aparecer restos arqueolóxicos nos terreos.
Esta obra fora paralizada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura nunha resolución do 28 de xuño de 2010 na que establecía varias obrigacións á empresa, entre elas, a de adoptar solucións técnicas e medidas de protección que garantisen a conservación do xacemento achado nas parcelas. Por iso, a sentenza acorda tamén que se lle reintegren á empresa os gastos que realizara polos proxectos de obra, licenzas e promoción inmobiliaria. Cantidades que tería que sufragar a propia Xunta.
No que polo momento non hai acordo é, precisamente, nos cartos que tería que recibir. E é que a actual sentenza do Supremo, aínda que recoñece que a empresa ten que ser resarcida economicamente, desbota a cantidade inicial que a empresa pedía, 4,4 millóns de euros e que fora aceptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Informes contundentes contra a empresa
A construtora decidiu levar a xuízo a paralización da urbanización logo dun contundente informe de Patrimonio da Xunta que suliñaba que edificar as vivendas no Castro da Atalaia é “incompatible” con conservar os restos arqueolóxicos da Península de San Cibrao. Restos, apuntaba ese informe, que van desde a Idade do Ferro até a Idade Media.
Nel, os arqueólogos públicos aseguraban que se trataba “dun dos asentamentos da época galaico-romana de maiores dimensións da mariña lucense”. De feito, indicaban que é posíbel que se teña detectado indicios da caza de baleas, entre outros descubrimentos sorprendentes, algúns recollidos neste vídeo de Mariña Patrimonio:
Os técnicos pronunciabanse en contra da urbanización que o Concello de Cervo autorizou antes de que a Xunta catalogase o espazo. Co inicio das obras atopáronse restos. O informe é demoledor para Promociones San Ciprian SL. E é que os técnicos mesmo aconsellaba que o Goberno ampliara as actuais escavacións, a terreos de titularidade publica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario