xoves, 30 de novembro de 2017

Pontón pide un concerto como o vasco e soberanía para Galicia: “Non debemos ter medo a ser independentes”

A portavoz nacional do BNG tamén di ter "a man tendida" para un novo modelo de Estado e lamenta que, actualmente, o debate poida ser salvar Galicia como "nacionalidade histórica" cando, di, se debería estar a falar do seu recoñecemento como "nación".

E.P.
http://www.galiciaconfidencial.com/

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no Fórum Europa
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no Fórum Europa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou a aposta da formación nacionalista por un concerto coma o vasco e "máis soberanía" para Galicia, mentres que atacou a "letal irrelevancia" na que se atopa Galicia baixo a presidencia dun Alberto Núñez Feijóo "subordinado" a Mariano Rajoy, segundo as súas propias palabras.
Nun almorzo informativo organizado por 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', no que a acompañaron o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e outras personalidades como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e rexedores e outros cargos do BNG, a tamén portavoz parlamentaria do Bloque debullou algunhas das cuestións sobre as que, entendeu, Galicia perdeu "peso". Ademais, dixo, "non debemos ter medo a ser independentes".
Ademais, reclamou que se publiquen os balances fiscais, segura de que revelarían que en Galicia non existe "dependencia" do Estado e convencida de que, precisamente, se non se coñecen estes números é porque non beneficiarían o discurso "centralista". "Se a teoría da dependencia fose certa, o Estado sería o primeiro interesado (en publicalos)", remarcou.
Durante a súa intervención inicial, na que se mostrou moi crítica con Alberto Núñez Feijóo, Ana Pontón botou en cara ao presidente galego, entre outras cuestións, que nos seu case nove anos desde que chegou á Xunta non houbo "ningunha" transferencia a Galicia e impediuse o debate da transferencia da titularidade da AP-9, a pesar de que é unha demanda unánime do Parlamento autonómico, incluído o PP.
Tamén recriminou que non entrase "nin un documento" no Parlamento de Galicia sobre a postura do Goberno autonómico acerca do financiamento autonómico, debate que se volveu a abrir por mor da negociación da nova cota vasca, recentemente aprobada no Congreso dos Deputados.
Presentada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña e membro da Executiva Nacional, Goretti Sanmartín, Ana Pontón tamén explicou que o BNG "ten a man tendida" para un novo modelo de Estado e lamentou que, actualmente, o debate poida ser salvar a Galicia como "nacionalidade histórica" cando, engadiu, debería estarse falando do recoñecemento como "nación".
"NADA MÁIS LETAL QUE A IRRELEVANCIA"
Ana Pontón incidiu en que "non hai nada máis letal" para o futuro de Galicia, un "país rico e con talento", que a "submisión a Madrid e "subordinación ao proceso de recentralización". "E isto, feito á conta dos intereses dos galegos, anúlanos como nación con altísimas consecuencias", advertiu.
Moi severa en contra da suba das peaxes da AP-9 (ante representantes da propia empresa no almorzo), preguntouse que diría a presidenta madrileña, Cristina Cifuentes, "se houbese cero euros para rescatar as radiais e 4.000 millóns para o rescate" da autoestrada do Atlántico. "Estou convencida de que a resposta sería ben distinta", remarcou nunha intervención na que tamén censurou que Galicia quede fóra do corredor europeo de mercadorías do Atlántico, que pasará por Madrid para chegar a Lisboa.
Así mesmo, fixouse en que este ano se celebrou o 25 aniversario da primeira liña de alta velocidade, Madrid-Sevilla, mentres que Galicia, despois de 3.240 quilómetros construídos, recibiu "un enésimo adiamento" baixo a presidencia de Feijóo. "Como respondeu?, silencio e xustificar como sempre a Rajoy", apuntou.
A dirixente nacionalista expresou como outra "mostra da irrelevancia política" que, 15 anos despois do PrestigeGalicia non conte con competencias para mellorar a pesca, levar a cabo unha actuación integral sobre as rías ou incidir nos sectores produtivos. "É moi urxente corrixir esta situación, xogámonos avanzar ou retroceder", incidiu a parlamentaria, quen avisou de que se está cuestionando "o estatus de nacionalidade histórica, cando se debería estar a loitar polo recoñecemento de Galicia como nación".
BANCA PÚBLICA
As propostas que deu o BNG tamén versan no ámbito económico na necesidade, dixo Pontón, de crear unha banca pública. Como paso previo, reclamou, de novo, converter o Igape nun instituto de crédito.
"É incomprensible que a banca non cumpra coa función de financiar a familias e empresas. Unha entidade pública permitiría que fluíse (o crédito)", remarcou Pontón, quen defendeu a súa proposta de concerto económico para que Galicia xestione o 100 por cen de recursos e despois envíe unha cota anual ao Estado para financiar os servizos comúns en concepto de solidariedade.
"Para iso hai que confiar no propio país e saber que somos capaces de valernos por nós mesmos, e desterrar que somos un país pobre e que só nos mantemos da solidariedade", sinalou a deputada do Bloque, quen fixo fincapé en que Galicia debería contar cunha tarifa eléctrica propia, como produtora.
A parlamentaria nacionalista tamén expuxo a proposta política do BNG definida no documento 'Bases democráticas' e co que aspira a "avanzar en soberanía e autogoberno real, para avanzar unha democracia avanzada e con dereitos reais".
Durante a súa intervención e durante as preguntas, Pontón abordou a necesidade de mellorar a atención á dependencia, de mellorar o emprego público para cubrir os servizos —sociais, educación, sanidade— e a importancia de que, ademais da chegada da AVE a Galicia, haxa unha rede interna de transporte por ferrocarril.

Ningún comentario:

Publicar un comentario