luns, 20 de novembro de 2017

Se te violaron, ten que parecelo

Sara Torreiro
http://praza.gal/

Imagen relacionada
Hai un ano máis ou menos, cinco homes violaron a unha rapaza nun portal. Eles din chamarse“la manada” e seica desde adolescentes se chamaban uns a outros lobitos. Cada un flípase co que quere (ou co que pode).
Ben, estes cinco homes colleron a unha rapaza e fixeron con ela o que lles deu a gana. Pero seguro que ela o estaba pasando pipa. E seguro que ía medio destapada, ensinando perna e escote. E comprenderán que iso é pouco decoroso e que ademais, nun San Fermín, cun montón de borrachos che pode pasar calquera cousa. Se cadra bicou a algún dos agresores. Vaia, en resumo, que o que lle pasou, pasoulle por puta. E aquí vén o primeiro xuízo que se lles fai ás vítimas da violación. Que facían no intre previo a que pasase.
A proba definitiva de que lle encantou o que lle fixeron é que non se defendeu. Ou, polo menos, iso parece. Porque para unha rapaza de 18 anos e complexión feminina debe ser moi sinxelo arrepoñerse a cinco… CINCO homes que a rodean para dispoñer dela ao seu gusto. E aquí vén o seguinte xuízo: que fai a vítima durante a violación: berra? deféndese?  arreponse? pecha as pernas o suficiente? tivo a precaución de saír da casa con algún tipo de arma defensiva porque era visto que nun San Fermín a ían violar?
E logo vén o xuízo final: está a vítima sendo unha boa vítima? Está metida na casa cunha pañoleta negra na cabeza, saia ata os pés e ollos semianegados en bágoas todo o tempo?  Ou, pola contra, anda por aí coas súas amigas como se nada pasase? Se isto último é o que está a facer, igual é que non o está pasando tan mal, non? Non só tes que ser unha violada, tes que parecelo.
Este último xuízo é o que recolle a defensa dun dos, seica, lobitos. A familia del contratou un detective para que seguise os movementos da rapaza. E claro, compartiu unha publicación de “carácter festivo” nas súas redes sociais. Vaia, que xa andaba pendoneando por aí adiante tras unha violación.
Nese xuízo definitivo entra a consideración social de que unha violación é algo horrible do que nunca te vas poder recuperar. Pois ben, unha sociedade responsable ensinaría a cinco homes que non se pode meter a unha rapaza nun portal para facer con ela o que lles pete. Ensinaría aos homes activamente que non se pode violar. E tamén ás vítimas a defenderse, porque eu mesma podo intuír que é horrible que che abran as pernas pola forza, pero gustaríame ter as ferramentas para que iso non pasase. Unha sociedade responsable non preguntaría a unha vítima se pechou as pernas o suficiente nin por que compartiu unha publicación alegre no seu facebook. Porque o único que provoca este xuízo sumarísimo é desincentivar a outras mulleres na mesma situación a denunciala. Sinalamos á vítima, non ao agresor.
Pois vaia, non sei, igual a quen a sociedade tiña que xulgar é a cinco homes que violaron a unha rapaza de 18 anos. Dous deles, por certo, garda civil e militar. No xuízo pediron que non se difundisen imaxes deles porque atentaba contra a súa intimidade. Eles non tiveron problema en gravar o que lle facían a ela e envialo a un grupo no que había 21 –creo recordar- lobitos máis. VINTEÚN homes que non xuntaron entre todos o sentido preciso para denunciar o que os seus compinches acababan de facer. E a eses 21 tamén hai que xulgalos socialmente. Porque quen cala, outorga, polo tanto é cómplice.  Ou sexa que eu case prefiro saber cales son as caras destes cinco individuos, nunca sabes cando podes cruzarte con eles pola rúa.
Resultado de imagen de Se te violaron, ten que parecelo

Ningún comentario:

Publicar un comentario