mércores, 15 de novembro de 2017

Máis da metade do plan contra incendios anunciado por Feijóo figura en normas xa vixentes


David Lombao
http://praza.gal

 
O pasado martes o presidente da Xunta aproveitou a súa comparecencia sobre a vaga de incendios, na que arderon case 50.000 hectáreas en dous días do pasado outubro, para reeditar a idea dun "acordo de país" contra o lume que xa lanzaran, sen éxito, mandatarios anteriores como o socialista Emilio Pérez TouriñoAlberto Núñez Feijóo sintetizou a súa iniciativa en trinta medidas que non compartira previamente cos grupos da oposición, pero que o Goberno galego divulgou por escrito despois do debate parlamentario. Ao día seguinte, o mércores, os grupos parlamentarios incorporáronse á segunda xornada do pleno coñecendo xa as liñas mestras do plan e comezando a cuestionalas. Moitas das medidas, aseguraban, ou xa existían ou eran reformulacións doutras vixentes pero incumpridas.
Foi no contexto da sesión de control ao presidente no que este cuestionamento comezou a tomar forma. A orde do día indicaba que o voceiro de En Marea ía preguntar a Feijóo sobre a vaga de lume e na súa intervención Luís Villares instou o xefe do Executivo a "aclarar" se "non lle parece raro" que "veña propoñer un pacto no que a maioría das medidas son leis vixente" e as escasas novidades, "unha emenda á totalidade da súa política". "Investigue -convidou- por que o señor Fernández-Couto", responsable da política forestal da Xunta que acumula 17 anos no cargo, "lle ocultou os incumprimentos e lle fai pasar como grandes medidas" o que non é máis ca "un pacto para cumprir a lei".
Feijóo instou a poñer o foco nas medidas "novidosas" cando Villares lle reprochou que gran parte da súa proposta é "cumprir a lei" vixente
O presidente retrucou á acusación de Villares instando a poñer o foco nas medidas "novidosas" da súa proposta, como "dedicar 12 millóns de euros a empregos no rural" e negou, en calquera caso, que 16 das 30 medidas xa estean en vigor, como afirmou o voceiro de En Marea. O certo é que non só 16, senón practicamente unha vintena das 30 medidas de Feijóo contra os incendios son parte de normas xa vixentes, algunhas cumpridas total ou parcialmente e a maioría, por desenvolver. Ademais, algunhas das propostas son realmente engádegas a proxectos xa existentes, tanto impulsados polos gobernos do PP como polo bipartito.
1. Colaboración Xunta-Concellos para financiar a limpeza dos montes
artigo 59 da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais do ano 2007, reformado en 2012 por iniciativa do actual Goberno, estipula que a Xunta "colaborará" con concellos e deputacións "para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios" ou "por medio de mecanismos de apoio económico. A través de convenios, detalla, o Goberno galego financiará "traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal".
5. Facilidades para actuar nas parcelas de titular descoñecido
O mesmo artigo 59 da lei de prevención de incendios detalla que os convenios da Xunta cos concellos servirán para a "xestión da biomasa nas parcelas de propietario decoñecido". Ademais, o Plan de prevencióne defensa contra os incendios forestais (Pladiga), que guía cada ano a actuación de Medio Rural neste ámbito, abre a porta a intervir nestas leiras ao abeiro da lei de mobilidade de terras do ano 2011.
6. Incorporación cautelar ao Banco de Terras das parcelas con propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable
A incorporación ao Banco de Terras de predios abandonados está xa fixada por lei, aínda que menstres estivo na oposición o PP desbotouna ao considerala unha política propia "da Unión Soviética"
A propia lei de mobilidade de terras indica, no seu artigo 12, que a Xunta "poderá establecer fórmulas de colaboración coa Administración xeral do Estado" para incorporar ao Banco de Terras parcelas abandonadas, de propietario decoñecido ou "en proceso de investigación", tal e como anunciou o presidente. Tamén indica que o Estado pode "delegar" na Xunta para facilitar medidas neste sentido, duramente criticadas polo PP na súa etapa na oposición, cando asegurou que tras o Banco de Terras se ocultaba a intención de aplicar unha política agraria propia "da Unión Soviética", advertencia que os conservadores tamén axitaron a escasos catro días das eleccións galegas de 2006, aínda que trasladando a acusación do BNG a En Marea.
7. Incorporación cautelar ao Banco de Terras dos montes veciñais en man común abandonados
No seu artigo 28 a mesma lei de mobilidade de terras, que desenvolve o Bantegal, indica que os mesmos preceptos das leiras e predios abandonados "serán aplicables (...) aos montes veciñais en man común que sexan declarados como montes veciñais en estado de grave abandono ou degradación" en virtude doutra lei tamén existente, neste caso a que regula este tipo de montes dende 1989.
8. Mobilización das terras abandonadas para polígonos agrarios
lei de mellora da estrutura territorial agraria do ano 2015 abre a porta  mobilizar as terras abandonadas para darlles utilidade produtiva e sinala como unha das posibilidades a constitución de polígonos agrarios -varios terreos cuxas características permiten aproveitamentos ou cultivos intensivos-. Esta lei modificou a de mobilidade de terras para detallar, precisamente, o procedemento polo cal un predio pode ser declarado formalmente como abandonado.
Resumo das medidas divulgado pola Xunta 
9. Faixas de protección arredor das subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións
lei de prevención de incendios de 2007 puxo as bases para obrigar a fixar  franxas de seguridade libres de biomasa en torno a instalacións como estacións eléctricas ou de transporte de gas, obriga que se mantén malia á redución destas distancias fixada polo actual Goberno na lei de montes do ano 2012. Do mesmo xeito, o Pladiga fixa tamén o mantemento e xestión destas franxas de protección, polo que a única novidade específica sería a protección das estacións de telecomunicacións. 
10. Obriga de xestión da biomasa nas vivendas illadas en solo rústico aínda que estean a máis de 400 metros do monte
O capítulo da lei de prevención de incendios dedicado á defensa de persoas e bens xa sinala a obriga de fixar franxas de protección "de 50 metros perimetrais" en torno a diversas construción, entre elas as "edificacións, vivendas illadas e urbanizacións" se están a menos de 400 metros do monte. Neste caso, daquela, o Goberno galego estaría a desandar o camiño da reforma legal de 2012 para ampliar estas marxes.  
13. Campaña de difusión sobre as novas medidas de prevención
14. Campaña de sensibilización na educación obrigatoria
A realización de campañas de comunicación para a prevención de incendios e a divulgación específica en centros educativos está estipulada na lei dende 2007 e tamén recollida cada ano no Pladiga
A realización de "campañas e actividades de educación e información para a sensibilización da cidadanía no relativo ao combate dos incendios forestais e á persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan os incendios" está recollida no artigo 6 da lei de incendios e replicada anualmente no Pladiga, que á súa vez inclúe tamén actividades de sensibilización "en centros de ensino de educación primaria e secundaria".
15. Participación dos grupos parlamentarios na redacción do Plan forestal
A lei de montes do ano 2012 recolle, no seu artigo 75, que o procedemento para elaborar "plans de ordenación de recursos forestais" é competencia do Consello da Xunta por proposta da Consellería do Medio Rural. Non obstante, implica que a elaboración de textos como o Plan Forestal de Galicia -o vixente data de 1992- debe implicar dar "audiencia" a colectivos afectados, así como "aos demais axentes sociais e institucionais interesados por un prazo de entre un e dous meses". A participación dos grupos políticos neste proceso non require, daquela ningunha norma nova.
16. Impulsar os plans de ordenación nos 19 distritos forestais, comezando por Ourense e Pontevedra
Na lei de montes de 2012 fíxanse as bases para impulsar os plans de ordenación forestal en diferentes ámbitos territoriais, entre eles os distritos, que tamén contan con plans de seu para a defensa contra o lume segundo o estipulado na lei de incendios. Neste sentido, o propio PP dixo ter previsto impulsar os plans de ordenación forestal por distritos mesmo antes da aprobación da lei de montes; así, en 2011, os conservadores sacaron adiante no Parlamento unha proposición non de lei apostando por que a Xunta os puxese en marcha. Priorizar unha ou outra área depende, daquela, unicamente da vontade política do propio Goberno.
Monte veciñal en Lousame premiado pola súa boa ordenación
17. Axudas para que todos os montes dispoñan en 2019 dun instrumento de ordenación
A lei vixente xa indica o prazo no que os montes teñen que contar con instrumentos de ordenación 
A devandita lei de montes e un decreto que a desenvolveu en 2014 fixan o marco polo cal todos os montes deben contar cun instrumento de ordenación forestal antes do 8 de maio de 2020, xa que en caso contrario non poderán optar á autorización para aproveitamentos forestais. Neste sentido, a Consellería de Medio Rural xa ofrece incentivos e axudas para a redacción destes instrumentos, cuxo prazo de solicitude está aberto nalgúns casos ata 2019 e noutros, ata 2020. O Goberno pode, non obstante, agregar axudas adicionais.
19. Seguir avanzando na reestruturación parcelaria, especialmente a impulsada por particulares
As concentracións e reestruturacións parcelarias son unha das grandes materias pendentes do urural galego e están reguladas por unha lei do ano 2001 que foi modificada en diferentes aspectos en 2003, 2007 e 2015.
20. Redución do papelame necesario para as autorizacións de corta
O Parlamento aprobou en 2015 unha iniciativa do PP instando a Xunta a "simplificar os trámites para os permisos de corta de madeira". A lei de implantación empresarial -alcumada por movementos ambientalistas como "lei de depredación de Galicia", aprobada recentemente, inclúe xa parte desa simplificación.
22. Traballo a través da recentemente creada Axencia Galega da Industria Forestal
A Axencia Galega da Industria Forestal, que traslada parte das competencias na materia dende a Consellería de Medio Rural ata a Consellería de Economía, foi creada por decreto o pasado agosto e o Goberno xa está a desenvolvela.
Vehículo de axentes medioambientais da Xunta na contorna dun incendio no Saviñao, o pasado verán / Aprafoga
26. Equipos Forestais de Investigación para apoiar a Policía e a Garda Civil nas pescudas sobre a orixe dos lumes
27. Equipos de Vixilancia de Incumprimento para supervisar que se leven a cabo as medidas de prevención
Alén de que poidan sumarse novos efectivos ou mudar a súa denominación e estrutura o certo é que xa existen equipos que investigan a orixe dos incendios e supervisan o cumprimento das normas de prevención do lume. Son, concretamente, os Axentes Medioambientais e as Brigadas de Investigación sobre Incendios Forestais (BIIF), cuxas funcións están establecidas no propio Pladiga, así como a súa coordinación coa unidade de Policía adscrita á Xunta -a coñecida como Policía Autonómica-, coa Policía Nacional, coa Garda Civil e mais co Exército.
30. Poñer o 085 ao dispor dos cidadáns que avisten incendiarios
As accións "sociolóxicas e de educación ambiental" recollidas no punto 6.3.2 do Pladiga xa inclúen o teléfono 085 entre as ferramentas a dar a coñecer como parte da colaboración cidadá fronte aos incendios forestais.

Conclusións da comisión de estudo dos incendios de 2006

As medidas anunciadas por Feijóo tamén recollen apostas estratéxicas xa recollidas na comisión parlamentaria de estudo sobre os incendios de 2006, na que o PP se negou a participar
Ademais de anunciar como parte dun novo plan de 30 medidas en torno a unha vintena de accións que xa están aprobadas ou en desenvolvemento, o "pacto forestal" avanzado por Feijóo supón tamén retomar parte das medidas emanadas da comisión de estudo sobre os incendios forestais que funcionou no Parlamento de Galicia despois da vaga de lume de 2006, na que o PP se negou a participar. Así, no ditame daquela comisión xa se avanzaba a necsidade da colaboración cos concellos para a prevención e vixilancia dos montes, investimento en equipamentos tecnolóxicos para detectar incendios e incendiarios, campañas para chamar ao voluntariado e á colaboración cidadá ou accións divulgativas entre o alumnado en idade escolar.
Do mesmo xeito, o ditame da comisión de 2006 indicaba especificamente medidas que agora Feijóo traslada case mimeticamente á a súa proposta de 2017. É o caso, por exemplo, de "tutelar predios abandonados ou de propietario descoñecido" co obxectivo último de incorporalos ao Banco de Terras, reforzar os axentes especializados en investigar os incendios forestais ou incrementar as franxas de protección e seguridade en torno ás construcións, tamén as illadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario